Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Educadores de Sogama imparten en Baiona unha charla sobre xestión sostible de residuos urbanos

Print this pagePrint this page
  • Terá lugar o vindeiro luns, 12 de novembro, no IES Primeiro de Marzo, sendo os alumnos dun ciclo de Limpeza e Hixiene os destinatarios da actividade.
  • Explicarán así a problemática que entraña a elevada xeración de lixo nas sociedades modernas e como facer fronte á mesma coas ferramentas que o cidadán ten á súa disposición: consumo responsable, redución, reutilización e reciclaxe.
  • Así mesmo, concretarán a actividade de Sogama no marco das dúas fraccións de residuos que se atopan baixo a súa competencia: bolsa amarela e bolsa negra.
  • Os materiais contidos na primeira selecciónanse nunha planta de clasificación para ser remitidos aos centros reciclados. No caso da segunda, e tras segregar a parte reciclable, acondiciónase co resto un combustible CDR que é valorizado enerxeticamente dunha forma limpa e respectuosa co medio ambiente.
  • A partir dos refugallos non reciclables, Sogama produce enerxía suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.

Cerceda, a 8 de novembro de 2018.- Educadores de Sogama desprazaranse a Baiona  o vindeiro luns, 12 de novembro, e faranno concretamente ao IES Primeiro de Marzo para impartir unha charla formativa sobre xestión sostible de residuos urbanos. O grupo, conformado por alumnos dun ciclo de Limpeza e Hixiene, mostrouse moi interesado en coñecer a problemática que entraña a elevada xeración de lixo nas sociedades modernas e como facer fronte á mesma coas ferramentas que o cidadán ten á súa disposición: consumo responsable, redución, reutilización e reciclaxe.

É por isto que os monitores proporcionarán as claves para diminuír a produción de refugallos en orixe, para alongar a vida útil dos produtos e para separar os distintos materiais que conforman o lixo producido cada día nos fogares, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; contedor específico para pilas; e verde convencional, para a fracción non reciclable.

Tamén se reservará un espazo para falar das distintas posibilidades e beneficios que ofrece a compostaxe doméstica, toda vez que permite reciclar a materia orgánica nas propias vivendas unifamiliares e utilizala, en forma de abono natural, en hortas e xardíns dado o seu alto poder fertilizante. Un proceso que, tal e como explicarán os educadores, trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

POÑER EN VALOR OS RESIDUOS

Precisarán tamén que a actividade de Sogama concéntrase en dúas fraccións de residuos: bolsa amarela (envases depositados no contedor amarelo) e bolsa negra (fracción resto destinada ao xenérico), que son transportadas de forma independente ata o complexo industrial de Cerceda, previo paso pola planta de transferencia correspondente.

Respecto da primeira, esta é procesada na planta automatizada de clasificación, onde, a través de distintos mecanismos tales como lectores ópticos, campás aspiradoras, electroimáns e correntes de Foucault, entre outros, son separados os distintos materiais, prensados e embalados para remitir aos correspondentes centros de reciclaxe.

A segunda (bolsa negra) trátase na planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, onde se selecciona a parte reciclable (aceiro, aluminio e vidro) e acondiciónase un combustible CDR co resto para ser valorizado enerxeticamente, dunha forma limpa e respectuosa co medio ambiente e a saúde, na planta termoeléctrica, producindo a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.

Non obstante, en breve entrará en operación a nova planta de recuperación de materiais, na que, ademais do vidro e os metais, separaranse, grazas a tecnoloxías de última xeración,  outros elementos tales como os distintos tipos de plásticos, os briks, o papel/cartón, etc, permitindo que Sogama poida multiplicar por catro as súas taxas de reciclado.

Esta instalación, concibida en liña coa industria 4.0, forma parte do proceso de ampliación do complexo cercedense, que verá incrementada a súa capacidade nun 81%, podendo tratar no mesmo, e en condicións óptimas, 1 millón de toneladas de residuos anuais. A principios do ano que vén, acometerase a remodelación da PRTE. Unha vez culminada esta segunda fase, Sogama converterase na infraestrutura das súas características máis  innovadora e eficiente de Europa, e nunha das máis eficientes a nivel mundial.

Saúdos, Departamento de Comunicación

8 Nov 2018

Galería