Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

En tránsito cara á economía circular

Print this pagePrint this page
  • Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez, correspondente á Newsletter corporativa do mes de xullo.

O 11 de outubro de 2017 abríase unha nova etapa na historia do complexo medioambiental de Sogama en Cerceda. Nun acto presidido pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, a empresa galega Valtalia, adxudicataria dos traballos de ampliación desta infraestrutura, en estreita  coordinación co equipo técnico de Sogama, poñía a maquinaria a funcionar para dar forma a un innovador e vangardista proxecto de enxeñería que hoxe xa se converteu en realidade  grazas ao empeño e bo facer de moitas persoas, e á confianza depositada por moitas outras.

Malia as inclemencias meteorolóxicas dos primeiros meses deste ano, a obra foi concluída en prazo, respondendo de forma óptima aos requisitos contemplados no contrato. Tras este primeiro elo, atopámonos inmersos xa nun período de probas, que abarcará unhas 14 semanas, a través do cal verificarase o correcto funcionamento dos equipos que conforman esta instalación, así como a efectividade dunha tecnoloxía punteira que ten unha función concreta: recuperar e poñer en valor.  

Máis dunha trintena de lectores ópticos combinados con outros  sistemas de selección automáticos garantirán que os envases contidos no lixo convencional entren no circuíto da reciclaxe e cobren unha nova vida na industria transformadora, evitando desta forma o consumo de materias primas virxes e preservando  os xa escasos recursos naturais.

Pero, máis aló  da reciclaxe, esta nova  planta, que se atopará a pleno rendemento a finais  deste ano, e cuxa operativa se complementará coa remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, contribuirá en   boa medida a reducir o vertido, en plena sintonía coas directrices europeas na materia. E como mostra, o posicionamento  do Consello Europeo, que avoga por reforzar a xestión xerarquizada dos residuos (previr, reducir, preparar para reutilizar, reciclar e valorizar enerxeticamente a fracción non reciclable) e minimizar o uso do vertedoiro, limitándoo ao 10% no ano 2035. Unha porcentaxe que Sogama alcanzará en breve, facendo posible que Galicia, en contraposición con ese 57% de vertido que, como media, asola a España, poida liderar o ránking  de comunidades que menos refugallos verte.

Sogama creouse en 1992 cunha función clara: eliminar os vertedoiros municipais e puntos de vertido ilegal que poñían en risco  a saúde ambiental da nosa terra. Tras posibilitar a súa clausura, así como a rexeneración do espazo degradado, contraeu novos votos: chegar ao vertido técnico cero, é dicir , que só se leve a vertedoiro  a fracción de residuos que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente. Culminada a ampliación do complexo, este propósito, que para outros modelos resulta inviable debido á súa configuración, será perfectamente constatable en Sogama.

Respondemos con feitos  aos nosos compromisos, e facémolo desde a máxima transparencia e coas maiores garantías. Móvenos dispensar o mellor  servizo público e velar polo benestar dos galegos a través do coidado do medio ambiente. E  sabemos que isto só é alcanzable se traballamos baixo  o paraugas da sostibilidade. Recuperar máis e verter menos fará posible o noso tránsito cara á economía circular.

 

Presidente

Javier Domínguez Lino

11 Xul 2018

Galería