Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

FAO e UNESCO estreitan alianzas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Print this pagePrint this page
  • Con tal fin, ambas as dús entidades asinaron o pasado 4 de xullo, en París, un Memorandum de Entendemento, prestando especial atención á Fame Cero.
  • A súa aposta pasa por apoiar e respaldar o desenvolvemento de módulos de aprendizaxe, material didáctico e sesións prácticas para escolas secundarias agrícolas, universidades e escolas de campo para agricultores.
  • Tamén prevén articular unha plataforma conxunta de intercambio de coñecementos sobre os vínculos entre a alimentación, a cultura e a paz, levando a cabo proxectos especiais de educación nas zonas rurais afectadas polos conflitos.
  • Así mesmo, e en colaboración con organismos internacionais, gobernos e grandes organizacións xuvenís, promoverán un premio internacional a través do cal se recoñezan as contribucións dos mozos aos ODS nas súas respectivas comunidades locais.

Cerceda, a 11de xullo de 2018.- A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) estreitan alianzas e redobran esforzos para avanzar na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, prestando especial atención á Fame Cero.

O pasado 4 de xullo, e tomando París como escenario, José Graziano da Silva, Director Xeral da FAO, e Audrey Azoulay, Directora Xeral da UNESCO, formalizaron un novo Memorandum de Entendemento, tendo este lugar máis de 70 anos logo da firma do primeiro acordo de colaboración entre ambas as dúas entidades.

A pretensión, tal e como manifestou Graziano da Silva, é acelerar e axilizar un traballo conxunto que permita alcanzar os obxectivos contemplados na Axenda 2030. Pola súa banda, Azoulay abundou no vínculo entre educación, cultura, alimentación e saúde, xa que está en moitos dos desafíos aos que nos enfrontamos, e mostrou a súa satisfacción por alcanzar un novo compromiso de cooperación que permitan traballar conxuntamente e contribuír, desde os seus ámbitos de actividade, á creación dun futuro máis sostible.

FORMACIÓN

Desta forma, os dous organismos apostaron por apoiar e respaldar o desenvolvemento de módulos de aprendizaxe, material didáctico e sesións prácticas para escolas secundarias agrícolas, universidades e, moi importante, escolas de campo para agricultores sobre seguridade alimentaria e sistemas alimentarios sostibles, contemplando igualmente novas vías no ámbito da educación nutricional e a alimentación saudable nas escolas.

Exemplo deste traballo conxunto é o que se está a realizar nos campamentos gandeiros de Sudán do Sur, toda vez que a alfabetización e a formación en aritmética básica aportada pola UNESCO compleméntase coa estratexia das Escolas de campo pastorís da FAO. Posibilítase así que os mozos poidan acceder de forma simultánea a un programa escolar oficial e a materias sobre a xestión do gando e a diversificación dos medios de subsistencia.

Ambas organizacións tamén prevén articular unha plataforma conxunta de intercambio de coñecementos sobre os vínculos entre a alimentación, a cultura e a paz, impulsando o desenvolvemento de proxectos especiais de educación nas zonas rurais afectadas polos conflitos.

Así mesmo, e en colaboración con organismos internacionais, gobernos e grandes organizacións xuvenís, promoverán un premio internacional a través do cal se recoñezan as contribucións dos mozos aos ODS nas súas respectivas comunidades locais.

Fonte: FAO

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Xul 2018

Galería