SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Ferrol súmase ao programa de compostaxe doméstica de Sogama con 50 vivendas unifamiliares

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O seu obxectivo é promover a valorización da materia orgánica en orixe e lograr con isto importantes beneficios ambientais e sociais.
  • A autoxestión dos residuos orgánicos permite diminuír a cantidade de lixo a depositar no contedor verde convencional, co conseguinte aforro de custos.

Cerceda, a 22 de novembro de 2021.- O Concello de Ferrol adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de poñer en valor a materia orgánica a través da súa conversión en abono e evitar desta forma o seu depósito no contedor verde xenérico.

Nunha primeira fase, darase cobertura a 50 vivendas, que en todo caso deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de aproveitamento da materia orgánica, que regresa á terra en forma de fertilizante natural. Este abono, non só achega nutrientes ao solo, senón que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.

Dado que a materia orgánica representa o 42% dunha bolsa de lixo común, se se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor da fracción resto, contribuíndo a reducir as emisións de CO2 á atmosfera, xa que diminúe a frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais, á vez que se aforran custos, xa que se envía menos refugallos a planta para o seu tratamento final.

Xunto con cada composteiro, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, entregarase aos participantes manuais didácticos de consulta, detallando nos mesmos o proceso para seguir, a técnica a aplicar e o control de parámetros esenciais para obter un compost de alta calidade: osíxeno, temperatura e humidade.

Adicionalmente, e en datas a acordar polas partes, técnicos de Sogama impartirán sesións formativas a fin de que os usuarios teñan a oportunidade de complementar os seus coñecementos neste ámbito e consultar as súas dúbidas. Con todo, teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, a través do cal poderán acceder a recursos divulgativos tales como vídeos e xogos, entre outros.

En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente, sendo o composteiro un elemento de gran axuda.

Sogama xa subministrou ao ente local os composteiros e os manuais didácticos, ademais de impartir a formación. E todo isto con carácter gratuíto. Pola súa banda, o  concello deberá realizar un seguimento desta iniciativa para comprobar a súa acollida e interese por parte da veciñanza, potencialidades do programa e tamén limitacións. O obxectivo último é que a compostaxe vaia calando na poboación ferrolá e a valorización da materia orgánica se incorpore aos hábitos diarios dos cidadáns, xa que a separación da mesma a través do quinto contedor, de cor marrón, debe ser unha realidade nos concellos, que son quen ten a competencia en materia de residuos, antes do 31 de decembro de 2023.

Saúdos, Departamento de Comunicación

23 Nov 2021

Galería