Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

A gran maioría dos españois rexeita tirar lixo na natureza

Print this pagePrint this page
  • Así o manifesta o 90% dos enquisados que participaron nun estudo sociolóxico elaborado polo proxecto Libera.
  • A través do mesmo pretendíase analizar o comportamento da poboación en relación aos refugallos xerados, a súa reacción cando se atopa en lugares públicos e os seus hábitos en torno á reciclaxe.
  • O 84% considera que, se ben a basuraleza é unha responsabilidade de todos, a título individual distáncianse do problema. Non obstante, o 20% si recoñece arroxar  lixo no monte, o 17% na praia e menos do 10% en ríos, embalses, pantanos e no mar.
  • O 24,9% dos que recoñecen tirar lixo na contorna, din que a súa conduta estivo influída polo feito de que a zona xa non estaba limpa, mentres que o 16,1% xustifica o seu acto por razón de ignorancia e descoñecemento.
  • O 70% di estar concienciado co coidado do medio ambiente e asegura participar no sistema de recollida selectiva de residuos.

Cerceda, a 12 de xullo de 2018.- O 90% dos españois móstrase contrario a tirar lixo na contorna natural. Así se deduce dun estudo sociolóxico centrado nas “Actitudes fronte á basuraleza” e elaborado polo proxecto Libera, que promove SEO/BirdLife e Ecoembes.

O traballo, que aglutinou a realización de máis de 5.000 enquisas en toda España, pretendía analizar o comportamento da poboación en relación aos refugallos xerados, o seu comportamento cando se atopa en lugares públicos e os seus hábitos de reciclaxe.

Se se atende ás razóns polas cales o lixo acaba na natureza, a maior parte dos enquisados, é dicir, o 84%, considera que é unha responsabilidade de todos, pero a título individual distáncianse do problema. Non obstante, o 20% si recoñece arroxar  lixo no monte, o 17% na praia e menos do 10% en ríos, embalses, pantanos e no mar.

O 68,9% argumenta que o motivo desta mala praxe reside principalmente na escasa preocupación polo medio ambiente. Con todo, outros escúdanse en aspectos tales como a comodidade (52%) e a preguiza (41,6%).

DESCOÑECEMENTO E FALTA DE RECURSOS

O 24,9% das persoas que recoñecen tirar lixo na contorna, aseguran que a súa conduta estivo influída polo feito de que a zona xa non estaba limpa, mentres que o 16,1% xustifica o seu acto por razón de ignorancia.

Respecto dos motivos polos que aínda segue habendo xente que tira o lixo na natureza, os españois aluden á falta de recursos, á escaseza de contedores ou papeleiras en lugares como o campo, a montaña ou as praias, e refírense igualmente o aumento do consumo e a masificación de zonas turísticas.

O informe tamén pon en evidencia o descoñecemento e a escasa conciencia sobre o destino final dos residuos producidos no fogar. Exemplo disto é o caso de residuos tales como toallitas húmidas, discos desmaquillantes, medicamentos, cabichas, compresas, tampóns, fío dental, bastonciños e aceite, entre outros, que son vertidos polo wáter sen saber realmente as consecuencias tan daniñas que este xesto representa para a contorna.

PERO CONCIENCIADOS

O 70% dos enquisados di estar concienciado co coidado do medio ambiente e asegura participar no sistema de recollida selectiva, depositando cada tipoloxía de residuo no contedor correspondente. E, se ben máis do 50% considera que fai cousas para favorecer a contorna, recoñece que debería esforzarse máis.

En termos xerais, os enquisados consideran que cada vez hai máis concienciación ambiental, opinando o 43,4% que a cantidade de lixo que se tiraba fai unha década era maior que a que se tira actualmente.

Entenden tamén que o incremento da concienciación virá da man de accións divulgativas en centros escolares e a realización de labores sociais.

Tomando como referencia este escenario, os responsables do proxecto Libera apuntan que  estes datos avalan e apoian para seguir crendo na achega desta iniciativa para coñecer a realidade da basuraleza e pescudar como se pode poñer fin á mesma. “Grazas a este estudo sociolóxico vemos que fai falta coñecemento, prevención e participación, os tres alicerces de Libera”.

Fonte: Libera

Foto: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

12 Xul 2018

Galería