Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Humana recupera 18.200 toneladas de roupa usada en España para darlles un fin social

Print this pagePrint this page
  • Representa un incremento do 1,6% respecto ao ano pasado, confirmando a fidelidade da cidadanía cara a un modelo de xestión do residuo téxtil con finalidade social.
  • A reutilización e reciclaxe da roupa recuperada evita a emisión de 58.000 toneladas de CO2.

 Xaneiro de 2018. Humana Fundación Pueblo para Pueblo, organización que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España, recuperou  18.281 toneladas de téxtil usado en España  en 2017.

As donacións dos españois representan un aumento do 1,6% respecto ao ano anterior (17.983 toneladas), confirmando a fidelidade da cidadanía cara a un modelo de xestión do residuo téxtil con finalidade social (fai dous anos esa cifra situábase en 16.853 toneladas). O téxtil é a fracción recollida selectivamente con maior potencial de aproveitamento por riba do vidro, o papel ou o plástico.

As prendas proceden dos 5.190 contedores que Humana ten situados en toda España grazas aos acordos con máis de 2.000 concellos e entidades privadas. A cidadanía deposita neles a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non utiliza e aos que Humana dá unha segunda vida. O servizo  de recollida do téxtil é gratuíto e representa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos sólidos urbanos. O obxectivo da Fundación é que a recollida selectiva de roupa usada e a súa preparación para a reutilización se consolide como parte fundamental da xestión de residuos.

Motivos do crecemento

Elisabeth Molnar, directora xeral de Humana, considera que o incremento  na recollida selectiva responde a varias causas: “En primeiro lugar, cada vez hai máis interese por parte da cidadanía e das administracións por reducir a cantidade de residuos e alongar a vida daquelas  prendas que están en bo estado. Mediante a recuperación da roupa usada, conseguimos diminuír o volume de residuos impropios que acaban noutras fraccións, ademais de posibilitar a reutilización e recuperar materias primas. Facémolo para dotar a eses recursos dun fin social, xa que as prendas que se refugan son un activo que, xestionado debidamente, convértese en motor de progreso en España e de xerador de fondos para a cooperación ao desenvolvemento no hemisferio Sur”.

“En segundo lugar”, engade, “como especialistas en preparación para a reutilización, xestionamos as donacións de roupa e calzado usado para obter o máximo aproveitamento do residuo téxtil, dándolle unha segunda vida e favorecendo con isto un modelo de economía circular. Así, convertemos os residuos en recursos para que sexan utilizados unha e outra vez, e contribuír así a unha sociedade económica e socialmente sostible”.

O beneficio ambiental

Humana foi pioneira en España na recollida e preparación para a reutilización de roupa usada: iniciou a súa actividade en 1987, utilizando contedores de madeira, substituídos posteriormente polos actuais metálicos que garanten altos de niveis de usabilidade e seguridade. En 31 anos de recollida selectiva, a colaboración dos cidadáns permitiu recuperar 294.344 toneladas de roupa, o equivalente a encher máis de catro veces un gran estadio de fútbol.

Trala orgánica, os envases e plásticos, o papel e o cartón, e o vidro, o residuo téxtil é a quinta fracción que máis xeran os españois e a que presenta a porcentaxe de valorización máis alta (por riba do 90%). Con todo, só unha de cada 10 prendas que xa non queremos ten unha segunda vida; ao resto non se lle dá un tratamento apropiado o que fai imposible o seu reaproveitamento. De aí a importancia de concienciar á cidadanía da necesidade da recollida selectiva.

A reutilización e a reciclaxe de téxtil contribúen ao aforro de recursos, a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. Reducen os residuos nos depósitos controlados e nas plantas incineradoras, así como a emisión de gases de efecto invernadoiro. Cada quilo de roupa que se reutiliza e non é incinerado evita a emisión de 3,169 kg de CO2, segundo datos da Comisión Europea.

As 18.281 toneladas recollidas en España en 2017 representan un aforro de 57.934 toneladas de CO2 á atmosfera, cousa que o planeta agradece. Equivalen á emisión anual de 21.760 coches (que circulan 15.000 km anuais) ou á absorción anual de dióxido de carbono de 432.349 árbores.

O beneficio social: emprego verde e cooperación

Doutra banda, a xestión do residuo téxtil reporta dous grandes beneficios sociais: o primeiro é a xeración de emprego verde e a contribución á economía social, xa que fomenta a creación de postos de traballo inclusivos, estables e de calidade: Humana conta cun persoal en aumento grazas a que xera un emprego indefinido por cada 36.000 quilos de téxtil recollido.

O segundo é a achega de recursos a proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Tras tres décadas de actividade, 2,4 millóns de persoas víronse involucradas nos proxectos de desenvolvemento que Humana leva a cabo nos países do Sur da man dos seus socios locais. Destinou máis de 30 millóns de euros para a formación de profesores de primaria, o impulso da agricultura sostible a partir do fortalecemento das capacidades dos pequenos agricultores ou os programas de loita contra o VIH/SIDA, entre outras accións de desenvolvemento.

Xerarquía de xestión de residuos

As prendas depositadas nos contedores de Humana teñen dous destinos: ao redor do 60% trátase nas plantas de preparación para a reutilización da Fundación (tres: en Madrid, Barcelona e Granada) e o resto véndese a empresas de reutilización e reciclaxe.

As prendas tratadas teñen os seguintes destinos:

  • O 62% prepárase para a reutilización: o 13% destínase ás tendas secondhand de Humana en España e o 49% se exporta, principalmente a África, para ser vendido a prezos de mercado para xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento.
  • O 28% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil para que elaboren outros produtos como mantas, illantes ou trapos para a industria de automoción.
  • O 6% destínase a valorización enerxética.
  • O 4% envíase a un centro de tratamento de residuos para a súa disposición final: son produtos que non se poden reutilizar, nin reciclar nin valorizar enerxeticamente. 

Sobre Humana Fundación Pueblo para Pueblo

Humana Fundación Pueblo para Pueblo promove desde 1987 a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e desenvolve programas de cooperación en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España. A Fundación leva a cabo campañas de sensibilización en torno á importancia da reutilización e a reciclaxe de téxtil para a protección do medio ambiente e como fonte de recursos para a cooperación nos países do Sur. Humana conta con máis de 55050 empregados. Forma parte da Federación Humana People to People, que agrupa a organizacións de 311 países.

 

Departamento de Comunicación

Juan Carlos Montes

93 840 21 82 - 649 055 818

joancarles.montes@humana-spain.org

-------------------------------------

Rubén González

91 432 07 34 - 650 368 079

rubengonzalez@humana-spain.org / www.humana-spain.org / Twitter: @HumanaSpain

11 Xan 2018

Galería