Xunta
Xunta
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Humana recupera en Galicia máis de 760 toneladas de roupa cun fin social e ambiental

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Recuperados 1,5 millóns de prendas durante o primeiro semestre para promover a súa reutilización e reciclado.

 Cerceda, a 16 de xullo de 2019.- Humana Fundación Pueblo para Pueblo, organización que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación ao desenvolvemento en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España, recuperou  763,5 toneladas de téxtil usado en Galicia  no primeiro semestre de 2019 cun fin social e ambiental. Este rexistro equivale a 1,5 millóns de prendas que serán reutilizadas ou recicladas e alongarán o seu ciclo de vida útil.

As donacións proceden dos contedores verdes situados en lugares de fácil acceso grazas aos acordos con concellos  e entidades privadas. Nos puntos de recollida deposítase a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non se utilizan, pero están en bo estado e poden ter unha segunda vida. O servizo é gratuito e representa un aforro importante nos gastos de recollida e tratamento de residuos urbanos.

A reutilización e a reciclaxe de téxtil ten un beneficio ambiental: contribúe ao aforro de recursos, a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As máis de 763 toneladas recollidas de xaneiro a xuño en Galicia representan un aforro de 2.419 toneladas de CO2 á atmosfera, cousa que o planeta agradece; equivalen á emisión anual de 900 coches (que circulen 15.000 km anuais) ou á absorción anual de dióxido de carbono de 18.000 árbores.

“Humana consolidouse como un axente da economía social, a economía verde e a economía circular. Xera recursos, emprego, incide no ámbito local e promove o desenvolvemento na contorna máis próxima”, asegura Darío Gómez, responsable da Fundación en Galicia, que engade: “A nivel social, os nosos programas tanto en España como no Hemisferio Sur involucran a decenas de milleiros de persoas, cuxas condicións de vida melloran grazas aos recursos obtidos coa valorización do residuo téxtil que permiten financiar os devanditos proxectos”.

Só se recupera o 10% da roupa refugada

Cada cidadán refuga entre 30 e 40 kg de téxtil anualmente en España, o que representa un millón de toneladas anuais. Pese a que gran parte desas prendas refugadas son susceptibles de ter unha segunda vida e que o 90% da fracción téxtil valorízase ou reaproveitase, apenas se recupera selectivamente o 10% por un xestor autorizado. O resto (900.000 toneladas) acaba en vertedoiros.

“Desde Humana aplaudimos o labor dos municipios que promoven a recollida selectiva de téxtil, aínda que queda un longo camiño por percorrer”, valora Darío Gómez, que insiste: “Estamos ante unha oportunidade e un enorme reto para dar o impulso definitivo á xestión apropiada deste recurso, fieis á xerarquía de residuos e a un modelo económico circular, no que prime a reintrodución do téxtil na cadea produtiva, prolongando o seu ciclo de vida. Todo isto nun marco definido por un sistema de contratación pública verde e sostible como motor de crecemento”.

O motivo para o optimismo é a importancia crecente da economía circular, que define os residuos como recursos, e o feito de que en 2025 a recollida selectiva da fracción téxtil (é unha competencia municipal) será obrigatoria por esixencia da UE en todos os países membros.

O destino da roupa usada

As prendas depositadas nos contedores de Humana teñen dous destinos: o 61% trátase nas tres plantas de preparación para a reutilización da Fundación (en Madrid, Barcelona e Granada) e o resto véndese a empresas de reutilización e reciclado. O destino das prendas tratadas é:

  • O 52 % prepárase para a reutilización: o 13 % destínase ás tendas secondhand de Humana en España e o 39 %  expórtase, principalmente a África, para ser vendido a prezos de mercado e así xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento.
  • O 37 % atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil para que elaboren outros produtos como mantas, illantes ou trapos para a industria de automoción.
  • O 2 % son residuos impropios (plástico, cartón, outros) que se pon en mans dos  xestores autorizados correspondentes.
  • O 9% non se pode reutilizar nin reciclar nin valorizar enerxeticamente e envíase a un centro de tratamento de residuos para a súa disposición final.

O beneficio social: emprego verde e cooperación

Dous grandes beneficios sociais derívanse da xestión sostible do residuo téxtil: o primeiro é a xeración de emprego verde e a contribución á economía social, xa que fomenta a creación de postos de traballo inclusivos, estables e de calidade. Humana xera un emprego indefinido por cada 36.000 kg de téxtil recollido.

O segundo é a achega de recursos a iniciativas sociais. Tras máis de tres décadas de actividade, 2,4 millóns de persoas beneficiáronse dos programas de desenvolvemento nos países do Sur da man de contrapartes ou socios locais. Destinou máis de 30 millóns de euros para a formación de profesores de primaria, o impulso da agricultura sostible ou a loita contra o VIH/SIDA, entre outras accións.

Sobre Humana Fundación Pueblo para Pueblo

Humana Fundación Pueblo para Pueblo promove desde 1987 a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación ao desenvolvemento en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España. Leva a cabo campañas de sensibilización en torno á importancia da reutilización e o reciclado de téxtil para a protección do medio ambiente e como fonte de recursos para a cooperación nos países do Sur. Conta con máis de 550 empregados e forma parte da Federación Humana People to People, que agrupa a organizacións de 30 países.

Departamento de comunicación

Juan Carlos Montes

93 840 21 82 - 649 055 818

joancarles.montes@humana-spain.org

-------------------------------------

Rubén González

91 432 07 34 - 650 368 079

rubengonzalez@humana-spain.org

www.humana-spain.org

Twitter: @HumanaSpain

16 Xul 2018

Galería