SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

IES de Foz (Lugo): máis de dúas décadas traballando en educación ambiental

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • José Antonio González, coordinador de Voz Natura neste centro, confirmou que a evolución do coñecemento e a concienciación dos mozos e mozas en torno á protección da contorna fíxose evidente durante os últimos anos.
  • Durante os meses pasados viñeron traballando, cos estudantes de Formación Profesional, nun proxecto ao que puxeron por título “Apostamos pola redución e reciclado de plásticos”, conscientes do impacto ambiental que ten o consumo exacerbado de plásticos dun só uso.

Cerceda, a 3 de abril de 2020.-  Nunha entrevista recollida por Radio Voz, no marco do espazo educativo “Ecovoz”, José Antonio González, coordinador de Voz Natura no IES de Foz desde fai máis de 20 anos, confirmou que a evolución do coñecemento e a concienciación dos mozos e mozas en torno á protección da contorna fíxose evidente nos últimos anos.  “De ser algo anecdótico, os programas ambientais do noso centro pasaron a ser algo importante para o profesorado e o alumnado”.

González percibe unha boa predisposición dos estudantes cara a todo aquilo que teña que ver coa ecoloxía e o coidado da natureza. “Mentres que antes non adoitaban entrar con facilidade nestes temas, agora os demandan eles mesmos”. Así explica como calou a información e formación dos estudantes respecto da loita contra o cambio climático e a necesidade de adoptar bos hábitos para contribuír a mellorar o estado do planeta e garantir un futuro máis sostible.

O portavoz do IES de Foz valorou especialmente a oportunidade que lles brindou o programa Voz Natura, promovido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para abordar cada curso académico unha temática diferente, permitíndolles ter a día de hoxe unha visión global do medio ambiente.

Explicou que, durante anos anteriores, traballaron en interesantes proxectos tales como a recuperación do bosque autóctono, catalogación dos muíños da zona, tendo habilitado igualmente un invernadoiro e unha horta escolar noaque cultivan os seus propios produtos que logo son utilizados polos alumnos do ciclo de Hostalería para as súas clases prácticas.

Durante os meses pasados viñeron traballando, cos estudantes de Formación Profesional,  nun proxecto ao que puxeron por título “Apostamos pola redución e reciclado de plásticos”, conscientes do impacto ambiental que ten o consumo exacerbado de plásticos dun só uso.

No caso de ESO, tiñan previsto facer saídas colectivas para campañas de limpeza e recolLIDA de residuos en espazos naturais para que puidesen comprobar por si mesmos as condutas incívicas dalgunhas persoas e adoptasen boas prácticas orientadas a manter a contorna nas mellores condicións.

Para José Antonio González, “trátase de inculcar hábitos ecolóxicos e saudables, pero que non se queden unicamente na escola, senón que se trasladen aos fogares”. Avogou por que este tipo de proxectos sexan continuistas e impliquen ao conxunto da comunidade educativa.

Imaxe: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

3 Abr 2020

Galería