Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Limitar o quecemento global a 1,5ºC en lugar de a 2ºC, evitaría graves impactos do cambio climático

Print this pagePrint this page
  • Así se recolle no informe especial aprobado en días pasados polo IPCC en Corea do Sur, representando este unha achega científica fundamental para a Conferencia sobre Cambio Climático que terá lugar o próximo mes de decembro en Polonia a fin de analizar os avances do Acordo de París.
  • O presidente do IPCC, Houesung Lee, asegurou que, con medio grao menos, a elevación do mar para o ano 2100 sería 10 centímetros inferior, polo que a probabilidade de que o océano Ártico quede libre de xeo no verán sería dunha vez por século fronte a unha vez cada década.
  • E, se ben os arrecifes de coral diminuirían entre un 70 e un 90%, no caso dun quecemento global a 2ºC, desaparecerían por completo.
  • Aínda que xa estamos a sufrir as consecuencias dun quecemento global de 1ºC, os expertos aseguran que hai espazo para a esperanza. Jim Skea, copresidente do grupo de traballo III do IPCC, móstrase convencido de que, atendendo ás leis da física e a química, limitar o quecemento a 1,5ºC é posible, pero loxicamente necesítanse cambios sen precedentes.

Cerceda, a 11 de outubro de 2018.- O Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático ( IPCC), principal órgano internacional encargado de avaliar os coñecementos científicos relativos ao cambio climático, os seus impactos e os seus futuros riscos potenciais, así como as posibles opcións de resposta, aprobou en días pasados, concretamente en Corea do Sur, un informe especial no que se afirma que, limitar o quecemento global a 1,5º C en lugar de a 2ºC, tal e como se establece no Acordo de París, evitaría graves impactos do cambio climático e traería consigo importantes beneficios para os seres humanos e os ecosistemas, toda vez que se lles daría máis marxe para adaptarse e situarse por baixo dos limiares de risco.

O informe, no que participaron 91 autores e editores-revisores de 40 países, estando avalado por máis de 6.000 referencias citadas e a contribución de miles de examinadores expertos e gobernamentais a nivel mundial, será, sen dúbida, unha achega científica fundamental para a Conferencia sobre Cambio Climático que terá lugar o próximo mes de decembro en Katowice (Polonia) a fin de analizar os avances do Acordo de París.

Cabe sinalar que o documento preparouse baixo a dirección científica dos tres Grupos de traballo do IPCC. Mentres que o Grupo I avalía as bases físicas do cambio climático, o Grupo de Traballo II aborda os impactos, a adaptación e a vulnerabilidade, e o Grupo III a mitigación do cambio climático.

Neste marco, o presidente do IPCC, Houesung Lee, asegurou que, con medio grao menos, a elevación do mar para o ano 2100 sería 10 centímetros inferior, polo que a probabilidade de que o océano Ártico quede libre de xeo no verán sería dunha vez por século fronte a unha vez cada década. Se ben os arrecifes de coral diminuirían entre un 70 e un 90%, cun quecemento global a 2ºC, desaparecerían por completo.

ESPAZO PARA A ESPERANZA

Tal e como expuxo o copresidente do grupo de traballo II do IPCC, Panmao Zhai, xa estamos a sufrir as consecuencias dun quecemento global de 1ºC, evidenciado a través de condicións meteorolóxicas máis extremas, crecentes niveis do mar e un xeo mariño menguante no Ártico, entre outros cambios. Con todo, e a pesar das circunstancias desfavorables, hai espazo para a esperanza, pois, algunhas medidas que se necesitan para limitar o quecemento global a 1,5ºC, xa se están a levar a cabo en todo o mundo, aínda que urxe aceleralas, precisándose de transicións “rápidas e de gran alcance” na terra, a industria, a enerxía, os edificios, o transporte e as cidades.

 Para isto faise necesario que as emisións netas globais de dióxido de carbono (CO2) de orixe humana diminúan en 2030 en torno ao 45% respecto dos niveis de 2010, e continúen en liña de redución ata alcanzar o “cero neto” para 2050. Jim Skea, copresidente do grupo de traballo III do IPCC, móstrase convencido de que, atendendo ás leis da física e a química, limitar o quecemento a 1,5ºC é posible, pero loxicamente necesítanse cambios sen precedentes.

No caso de que se permita que a temperatura global exceda os 1,5ºC, habería que depender en maior medida de técnicas que absorbesen CO2 da atmosfera para volver a un quecemento global inferior a 1,5º C en 2100, pero non está probada a efectividade destas técnicas a gran escala e algunhas delas mesmo poden entrañar riscos para o desenvolvemento sostible.

Neste particular escenario, Debra Roberts, copresidenta do grupo de traballo II do IPCC, considera que, probablemente, os próximos anos serán os máis importantes da nosa historia.

Fonte: ONU e IPPC

Saúdos, Departamento de Comunicación.

11 Out 2018

Galería