SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Luís Lamas explica en Porriño os pormenores do modelo Sogama

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Desprázase esta tarde á localidade pontevedresa para participar na LI edición dos Cursos de Saúde Ambiental, enmarcada no Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2012.

•A súa intervención terá lugar na mesa redonda adicada á xestión dos refugallos, que comparte con portavoces da Xunta de Galicia, a firma FCC e o Centro Tecnolóxico Aimen.

•Aludirá de forma particular ao recente informe publicado pola Comisión Europea sobre os beneficios ambientais, económicos e sociais que a actividade de Sogama ten para o conxunto de Galicia.

•Así mesmo, fará un repaso pola dimensión técnica e tecnolóxica da infraestrutura industrial desta empresa pública, sen esquecer a vertente educativa e outros aspectos sociais.

Cerceda, a 24 de outubro de 2012.- O presidente de Sogama, Luís Lamas, desprázase esta tarde á localidade pontevedresa de Porriño para participar na LI edición dos Cursos de Saúde Ambiental, enmarcada no Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2012 que dirixe o Profesor Doutor Francisco Peña Castiñeira.

De entre as distintas temáticas abordadas, a mesa redonda de hoxe céntrase na xestión dos refugallos, contando para isto coa intervención do máximo responsable desta empresa pública, a Subdirectora Xeral de Residuos e Solos Contaminados da Consellería de Medio Ambiente, Verónica Tellado, o Director de Explotación de FCC na Planta do Barbanza, Jacobo Patiño, e a Coordinadora da Área de Medio Ambiente do Centro Tecnolóxico Aimen, Luz Herrero.

A UE DESTACA OS BENEFICIOS DE SOGAMA

Lamas explicará os pormenores do modelo Sogama desde todas as perspectivas, aludindo de forma particular ao recente informe publicado pola Comisión Europea onde se enxalzan os beneficios derivados da actividade desta entidade para o conxunto de Galicia, tanto desde a dimensión ambiental como económica e social.

Así, a contribución á protección do contorno natural mediante a limpeza e rexeneración dos múltiples vertedoiros incontrolados e puntos de vertido ilegal contabilizados na nosa comunidade na década dos 90, a transparencia informativa da que a empresa sempre fixo gala (proba disto son as máis de 55.000 visitas recibidas nas súas instalacións), a educación ambiental, que ten fiel reflexo nas distintas actividades de concienciación que leva a cabo co obxectivo de que a cidadanía interiorice a importancia da súa participación na xestión dos refugallos, a solidariedade, traducida na aplicación dun prezo único aos 296 concellos que utilizan os seus servizos, e a creación de emprego, con máis de medio milleiro de postos directos e outros tantos indirectos, constitúen, entre outros, algúns dos indicadores que levaron a Europa a pronunciarse sobre un sistema que, malia as críticas “interesadas e demagóxicas” vertidas sobre o mesmo por parte de determinados colectivos, a día de hoxe demostrou ser a única alternativa viable en Galicia.

E é que Sogama garante un tratamento integral para o lixo, tal e como recomenda a normativa comunitaria, toda vez que á estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe),une a recuperación enerxética da parte non reciclable, poñendo en valor, a través da súa transformación en enerxía eléctrica, aquela fracción de desperdicios que, dadas as súas características, non pode ser reutilizada, pero tampouco reciclada, evitando que acabe en vertedoiro, cualificado pola UE como a opción menos desexable.

INDUSTRIA, TECNOLOXÍA E EDUCACIÓN

O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente tamén abordará o proceso técnico que a compañía segue na súa infraestrutura industrial, conformada por un complexo medioambiental, un vertedoiro controlado e unha rede de plantas de transferencia distribuídas polo conxunto do territorio galego, entre as que figura a de Porriño.

Deterase especialmente nas tecnoloxías utilizadas no complexo cercedense para minimizar as emisións á atmosfera e describirá a expansión da incineración con recuperación de enerxía entre os países europeos máis avanzados e respectuosos co medio ambiente. É o caso de Alemaña, Holanda, Dinamarca, Suecia e Noruega; Estados que non só contan con altas taxas de valorización enerxética, senón tamén de reciclaxe, o que fai posible que os seus niveis de vertido sexan meramente testimoniais, xa que non superan o 5 por cento. En España, pola contra, cunha porcentaxe de incineración estancada no 9 por cento, a utilización do vertedoiro dispárase ao 58 por cento.

Así mesmo, fará un repaso polas últimas campañas de sensibilización social promovidas pola entidade, e avanzará, aínda que someramente, as iniciativas educativas xa definidas para os próximos meses e os públicos obxectivo das mesmas.

O curso de Porriño chegará mañá á súa fin cunha xornada de clausura que se celebrará ás 20:00 horas e á que asistirán diversos persoeiros, procedendo á entrega de diplomas ás persoas que participaron no mesmo.

Saúdos, Departamento de Comunicación

24 Out 2012

Galería