Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Máis de 100.000 toneladas de RAEE recollidas por Ecolec en 2017

Print this pagePrint this page
  • A organización sen ánimo de lucro converteuse no primeiro SCRAP en superar esta cantidade, que, ademais, viuse incrementada o pasado ano nun 14% respecto a 2016.
  • A entidade considera que estes bos resultados foron posibles grazas á colaboración da poboación e ao firme compromiso dos distintos axentes que interveñen no proceso de recuperación dos aparellos eléctricos e electrónicos.
  • Uns datos positivos que, en todo caso, evidencian un claro achegamento ao modelo de desenvolvemento definido pola economía circular e que require abandonar o modo de vida lineal propio das malas prácticas de usar e tirar.

Cerceda, a 11 de xaneiro de 2018.-  A Fundación Ecolec converteuse no primeiro sistema colectivo de responsabilidade ampliada do produtor (SCRAP) en España que supera a barreira dos 100.000 toneladas de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) correctamente xestionados. Esta cantidade, recollida en 2017, supuxo un incremento do 14% respecto ao ano anterior, facendo posible, unha vez máis, que a entidade consolide o seu liderado no sector.

A Fundación manifesta que estes bos resultados foron posibles grazas á colaboración da cidadanía e, por suposto, ao compromiso dos distintos axentes sociais, isto é, administracións públicas, xestores de residuos e máis de 2.000 establecementos encargados da venda e distribución de electrodomésticos. Unha circunstancia que denota o xa evidente achegamento ao modelo de desenvolvemento cara ao que a poboación debe transitar, abandonando o caduco sistema lineal de usar e tirar  e apostando por un circular no que se reduza a produción de lixo e se aproveite ao máximo os produtos, convertendo os residuos en recursos.

Neste sentido, cabe destacar as liñas de colaboración que Ecolec mantén abertas cos distintos protagonistas da cadea. É o caso dos produtores de aparellos eléctricos e electrónicos, para os que deseña accións de prevención, posibilitando que estes leven a cabo unha axeitada xestión dos mesmos, e as administracións públicas, coas que traballa estreitamente a fin de levar a cabo tarefas informativas, formativas e de concienciación social, sen esquecer os provedores de negocio, introducindo criterios de sostibilidade na contratación.

Así mesmo, é preciso sinalar que a trazabilidade do ciclo de vida dos produtos resulta esencial para optimizar a eficiencia dos procesos de reciclado e maximizar así o aproveitamento dos distintos materiais que conforman os RAEE dado o seu elevado valor, como é o caso dos metais.

SOBRE FUNDACIÓN ECOLEC

Trátase dunha organización sen ánimo de lucro creada polas asociacións empresariais que representan ao sector de fabricantes e importadores de grandes e pequenos electrodomésticos. Naceu precisamente un ano antes da promulgación do Real Decreto 208/2005 sobre aparellos eléctricos e electrónicos e a xestión dos seus residuos, asumindo o cometido de xestionalos de forma eficiente e sostible conforme á legalidade vixente, contemplando a súa dimensión ambiental, económica e social.

Os obxectivos da entidade están claramente definidos, toda vez que, coa súa función, que inclúe o ámbito da recollida, tratamento e valorización dos RAEE, pilas e acumuladores, pretende manter e mellorar os xa limitados e escasos recursos naturais e enerxéticos, participando igualmente en programas de sensibilización da cidadanía, clave no proceso.

Pero, máis aló da correcta xestión dos residuos que se atopan no seu ámbito de actuación, Ecolec avogou pola constitución dunha plataforma de intercambio de coñecementos e experiencias na materia,  impulsando ao mesmo tempo a investigación e o desenvolvemento no mellor tratamento e reciclado dos RAEE

Ademais, e se ben a súa área xeográfica de acción se centra en España, colabora con outras entidades europeas tales como WEEE Logic, un hub paneuropeo que avoga pola correcta reciclaxe de RAEE, así como pilas e baterías.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Xan 2018

Galería