Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Máis de 200 inscritos no congreso que Cewep celebrará en Bilbao

Print this pagePrint this page
  • Baixo o lema “De residuos a enerxía: facendo posible a economía circular”, terá lugar os próximos días 20 e 21 de setembro no Centro de Conferencias do Palacio Euskalduna.
  • O principal obxectivo deste evento é enxalzar a contribución da valorización enerxética da fracción non reciclable a un novo modelo de desenvolvemento no que prime o máximo aproveitamento dos produtos e a redución de residuos, sendo estes transformados en recursos.
  • O presidente de CEWEP, Paul De Bruycker, será o encargado de introducir un ambicioso programa no que expertos de alto nivel na materia abordarán a valorización enerxética desde diversas perspectivas: normativa, innovación tecnolóxica, redución de emisións, recuperación de materiais e percepción pública, incluíndose unha visita técnica á planta de Zabalgarbi.
  • AEVERSU, e máis concretamente o seu presidente, Rafael Guinea Mairlot, desempeñará un papel relevante nesta cita, agardando que España tome boa nota da importancia que ten reforzar a estratexia xerarquizada na xestión dos residuos, na que a valorización enerxética debe primar sobre o vertido debido ao negativo impacto deste último sobre o medio ambiente e a saúde.

Aeversu, a 13 de setembro de 2018.- “De residuos a enerxía: facendo posible a economía circular”. Así reza o título do congreso que CEWEP,  (Confederación Europea de Empresas de Valorización Enerxética), presidida por Paul De Bruycker, levará a cabo en Bilbao os próximos días 20 e 21 de setembro, alcanzando a súa novena edición con máis de 200 inscritos.

O obxectivo é que esta cita sirva para poñer de relevo a importante contribución da valorización enerxética ao tránsito que Europa debe realizar desde o xa obsoleto e caduco modelo de economía lineal, caracterizado pola mala praxe de usar e tirar, a un circular no que o máximo aproveitamento dos produtos, a redución de residuos e a conversión destes en recursos adquire especial protagonismo. De feito, o Consello Europeo publicou recentemente novas normas relativas á recuperación de residuos, establecendo obxectivos por tipo de material e limitando o uso do vertedoiro ao 10% para o ano 2035, consciente de que unha parte dos países aínda verte o 50% dos seus residuos, como é o caso de España; unha práctica que só poderá ser invertida coa promoción da valorización enerxética, que debe situarse trala prevención, a redución, a reutilización e o reciclado, pero antes do vertido, dado o negativo impacto deste último sobre o medio ambiente e a saúde.

AEVERSU (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética) na que se integran 11 plantas (10 na península e 1 en Andorra) terá un papel activo neste congreso a través do seu presidente, Rafael Guinea Mairlot, e xerentes das plantas asociadas, agardando que España tome boa nota da importancia de reforzar a estratexia xerarquizada da xestión dos residuos, na que a valorización enerxética acompaña á reciclaxe e ten carácter preferente sobre o vertedoiro.

DIVERSIDADE TEMÁTICA E RELATORES DE ALTO NIVEL

Un ambicioso programa dará forma a este evento, que se celebrará no Centro de conferencias do Palacio Euskalduna, no que xa se inscribiron máis de 200 persoas (desde cargos políticos ata postos técnicos vinculados ao sector ambiental), atraídas polos contidos a abordar no mesmo e nos que se desgranará a valorización enerxética desde diversas perspectivas: normativa, innovación tecnolóxica, redución de emisións, recuperación de materiais e percepción pública.

Destacados relatores participarán no evento para dar a coñecer as últimas novidades, profundar no coñecemento e invitar á reflexión. É o caso, entre outros, de William Neales, conselleiro de Economía Circular e Crecemento da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea; Alessio Boldrin, investigador da Universidade Técnica de Dinamarca, Jan-Peter Born, Xerente Comercial  de HVC Alkmaar (Países Baixos), e Peter Quicker, Director da Unidade de Tecnoloxía de Combustibles de RWTH Aachen University, entre outros.

O congreso inclúe igualmente unha visita técnica á planta de valorización enerxética de Zabalgarbi (Bilbao), todo un referente, e culminará coa cerimonia de entrega de previos CEWEP e o apartado de conclusións a cargo de Ela Stengler, a súa Directora Xeral.

Así mesmo, cabe destacar que CEWEP compensa as emisións de GEI (Gases de Efecto Invernadoiro) xeradas por este evento a través de 145 CER GRE desde o proxecto da planta de biomasa de Horcones en Chile.

 Máis información en http://www.cewep.eu/2018/05/03/congress-2018-description/.

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Set 2018

Galería