SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Meis reforza o seu programa de autoxestión da materia orgánica con 50 novos composteiros

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Sogama foi a encargada de entregar ao Concello esta partida de recipientes, así como os manuais didácticos destinados aos participantes e nos que se explica a operativa a seguir.
  • Dado que a fracción orgánica representa en torno ao 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recupera en orixe en forma de abono, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, contribuíndo ao aforro de custos ambientais e económicos.

Cerceda, a 11 de outubro de 2021.- O Concello de Meis (Pontevedra), co apoio de Sogama, decidiu reforzar o seu programa de autoxestión da materia orgánica ampliándoo a máis fogares, concretamente a 50. 

A empresa pública dotou ao ente local con igual número de composteiros a fin de que as vivendas participantes poidan elaborar o seu propio compost e contribúan desta forma a alcanzar importantes beneficios para a localidade.

Neste sentido, cabe sinalar que, dado que os residuos orgánicos representan o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se estes se recuperan en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, propiciando un importante aforro de custos, tanto ambientais como económicos.

As vivendas participantes deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante. Desta forma, péchase o ciclo de reciclaxe da materia orgánica, que se incorpora ao solo como abono natural, substituíndo aos fertilizantes artificiais.

A día de hoxe, son 100 os composteiros (de 390-400 litros de capacidade) proporcionados por Sogama a Meisl, que quere avanzar na senda da sostibilidade e a economía circular.

O CONTEDOR MARRÓN

Os concellos teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar o denominado quinto contedor, de cor marrón, a través do cal recollerán de forma diferenciada a materia orgánica.

Se ben a xestión dos residuos urbanos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia decidiu apoiar aos entes locais neste labor a través do deseño dunha infraestrutura industrial que estará conformada por 4 plantas de biorresiduos, instalándose unha delas no Concello pontevedrés de Vilanova de Arousa, así como por 13 plantas de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica.

Desta forma posibilitarase que a meirande parte dos municipios adscritos a Sogama, que aglutinan unha poboación superior a 2,2 millóns de habitantes, teñan unha planta de  biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

A previsión é que esta rede entre en funcionamento a finais do ano 2022.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Out 2021

Galería