SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Nice to Eat You, unha aplicación online para loitar contra o desperdicio alimentario

Print this pagePrint this page
  • A plataforma, creada por tres mozos emprendedores españois, permite a tendas e restaurantes ofrecer lotes de comida en bo estado a prezos reducidos, evitando desta forma que acaben no cubo do lixo.
  • Nos primeiros 5 meses de actividade, conseguiron dar unha nova vida útil a 1 tonelada de alimentos, cunha comunidade de 5.000 usuarios rexistrados e 80 comercios en Madrid e Zaragoza, asegurando ter evitado a emisión de 700 quilos de CO2.
  • Segundo datos da FAO, se o desperdicio alimentario fose un país, sería o terceiro do mundo que máis contribuiría ao quecemento global, logo de China e Estados Unidos.

Cerceda, a 18 de xuño de 2019.- Nice To Eat You, así se denomina a aplicación dixital que permite a tendas e restaurantes ofrecer lotes de comida en bo estado a prezos reducidos evitando desta forma que acaben no cubo do lixo, co conseguinte negativo impacto social, para o medio ambiente e para o peto.

A iniciativa foi xestada por tres mozos emprendedores españois e ten por obxecto darlle unha segunda vida á inxente cantidade de comida que se perde cada día na hostalería e tendas de alimentación.

Así, a través da aplicación dáse visibilidade a lotes de último minuto ofertados por establecementos do sector. E a idea parece que está funcionando: nos primeiros 5 meses de actividade conseguiron dar unha nova vida útil a 1 tonelada de alimentos, cunha comunidade de 5.000 usuarios rexistrados e 80 comercios en Madrid e Zaragoza.

Os usuarios de Nice To Eat You, non só conseguen comida en perfecto estado a un custo moi asequible, senón que contribúen á loita contra o cambio climático, pois, con cada lote de alimentos que recuperan, están evitando a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. De feito, en 5 meses a startup asegura ter evitado a emisión de 700 quilos de CO2.

O seu confundador, Gabriel Ramas, argumenta que un comercio de hostalería pode chegar a perder miles de euros ao ano malgastando comida en bo estado, polo que, a través desta aplicación, recupéranse esas perdas, os consumidores conseguen comida de calidade a un custo moi reducido e todos acaban loitando contra o desperdicio alimentario.

 DESPERDÍCIASE UN TERZO DOS ALIMENTOS

Neste sentido, cabe recordar que se malgasta un terzo da comida que se produce no mundo para o consumo humano. Segundo datos da FAO, se o desperdicio alimentario fose un país, sería o terceiro do mundo que máis contribuiría ao quecemento global, logo de China e Estados Unidos.

Con todo, o desperdicio alimentario constitúe tamén un problema moral. En España desperdícianse 8 millóns de toneladas de alimentos cada ano mentres 1 de cada 5 persoas teñen dificultades para acceder a unha cesta da compra digna e, xa que logo, a unha alimentación variada e equilibrada.

É por isto que Nice To Eat You lanzou, baixo o título “Salvar alimentos para un mundo mellor”,  unha campaña de crowdfunding en GOTEO-org a fin de recadar fondos que permitan desenvolver un mecanismo denominado “Lotes Solidarios” para axudar a persoas que se atopan baixo o umbral de pobreza, permitíndolles desta forma acceder a alimentos da plataforma sen custo algún. Así, buscan colaboracións con asociacións benéficas que fagan de nexo entre estas persoas sen recursos e a plataforma. Consideran que o crowdfunding vailles permitir distribuír os primeiros 400 lotes solidarios a través dunha ONG que se interesou por esta iniciativa.

O seu obxectivo pasa por tecer unha rede de solidariedade entre persoas, administracións, asociacións e empresas que permitan levar os lotes solidarios a calquera punto de España, manifestou Ramas.

Calquera persoa ou entidade pode apoiar esta iniciativa a través de http://goteo.cc/nice2eatyou.

Fonte: Residuos Profesional

Imaxe: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

18 Xuñ 2019

Galería