Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Nimega, designada Capital Verde 2018

Print this pagePrint this page
  • A cidade máis antiga dos Países Baixos fíxose con este galardón grazas ás súas políticas de adaptación ao cambio climático, ao incondicional apoio á mobilidade sostible, á xestión racional da auga e dos residuos, e á implicación dos seus cidadáns nas accións medioambientais.
  • O obxectivo, tal e como manifestou o seu Alcalde, Hubert Bruls, é que a urbe sexa climaticamente neutra en 2045.
  • O impulso ao transporte ecolóxico levoulles a construír máis de 60 quilómetros de “superautopistas para bicicletas”, propiciando que máis do 65% das persoas que visitan a cidade e o campus universitario de Heyendall  se movan a través deste medio.
  • Co proxecto “Room for the River Waal, e que se centraba en dragar unha canle auxiliar adicional detrás dun dique xa existente, conseguiron unha maior protección fronte ás inundacións, representando igualmente novas oportunidades residenciais e de lecer.
  • A redución e a reciclaxe constitúen o plan de acción sobre o que pivota a xestión dos refugallos, levando a cabo campañas de concienciación para que os cidadáns os conciban como recursos.

Cerceda, a 14 de marzo de 2018.- Con máis de 2.000 anos de historia ás súas costas, Nimega, a cidade máis antiga dos Países Baixos, gañou o premio Capital Verde 2018. Así o decidiu o xurado deste prestixioso certame, que valorou de forma moi positiva as súas políticas de adaptación ao cambio climático, o seu incondicional apoio á mobilidade sostible a través do impulso ao uso da bicicleta, a súa xestión racional da auga e dos residuos, e a implicación dos seus cidadáns nas accións medioambientais.

Hubert Bruls, Alcalde de Nimega desde 2012, manifestou nunha entrevista concedida á revista “Medio Ambiente para os Europeos”, editada pola Comisión Europea, que desde fai anos levan a cabo un gran esforzo no ámbito da sostibilidade, contando coa implicación de empresas e residentes. “O noso obxectivo é a que a cidade sexa climaticamente neutra en 2045”, subliñou.

BICI, AUGA E RESIDUOS

A bicicleta constitúe o icono desta urbe, que conta ademais cun porto fluvial no río Waal coñecido como o “Balcón de Europa”. Non en van, foi elixida Cidade do Ciclismo dos Países Baixos pola Unión Ciclista Holandesa. Os datos corroboran a súa firme aposta por este medio de transporte, xa que construíron  máis de 60 quilómetros de “superautopistas” para bicicletas e o obxectivo é engadir outros 20 quilómetros á rede. Neste escenario, non é de estrañar que máis do 65% das persoas que visitan a cidade e o campus universitario de Heyendall se movan en velocípedo, o que vén supoñer un 37% dos desprazamentos de menos de 7,5 quilómetros.

Co proxecto “Room for the River Waal (Espazo para o río Waal), desenvolvido entre 2011 e 2016, e que se centraba en dragar unha canle auxiliar adicional detrás dun dique xa existente, conseguiron unha maior protección fronte ás inundacións, supoñendo igualmente unha oportunidade para edificar novas urbanizacións residenciais, un parque fluvial novo cunha illa e 1,6 km de peiraos terraplenados destinados a control de inundacións e uso recreativo.

No ámbito dos residuos, apostaron  firmemente pola redución e a reciclaxe, nun marco de economía circular, levando a cabo campañas anuais de concienciación pública na materia tales como “Look! Waste = Raw Material” (¡Mira! Residuos = Materias primas).

MIRANDO CARA AO FUTURO

O galardón de Capital Verde, lonxe de levarlles á autocomplaciencia, xerou máis actividade. Proba disto é a organización de diversas accións cidadás agrupadas baixo a iniciativa “The Green Capital Challengues” (Os retos da Capital Verde).

O Alcalde desvelou que se construirá un gran centro comunitario circular e sostible en Kelfkensbos, a través do cal se proporcionará información sobre a cidade e ofreceranse rutas verdes especiais para explorala.

Congratúlase dos investimentos realizados en superautopistas para bicicletas, redes rexionais de calor, parques ou xestión da auga, pero tamén apunta á aprendizaxe derivada da implicación cidadá, das organizacións sociais, dos emprendedores e dos centros de investigación.

Conseguiron algo realmente importante ao seu xuízo: unha cidade máis limpa, máis saudable, máis segura e máis ecolóxica.

Pola súa banda, a Directora Xeral Adxunta da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Joanna Drake, referiuse a Nimega como “un auténtico embaixador do cambio”.

Fonte: Comisión Europea

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Mar 2018

Galería