Xunta
Xunta
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

“A nosa Memoria de Sostibilidade 2015 constitúe o punto de partida cara a economía circular”

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Así se recolle no editorial da Newsletter que Sogama publica este mes e do que é autor o seu Presidente, Javier Domínguez.

•No mesmo, o máximo responsable da compañía abunda na ampliación do complexo medioambiental de Cerceda como proxecto de maior entidade para os próximos anos, toda vez que permitirá optimizar servizos e adaptar a xestión da entidade a unha realidade cambiante.

•O Director de Cáritas de Santiago e o Director de Reciclado de Aspapel protagonizan a sección de entrevistas. O primeiro, para dar a coñecer a empresa Arroupa, centrada na recuperación de roupa usada e a través da cal posibilitouse o emprego de 17 persoas en risco de exclusión social, e o segundo para falar do reciclado de papel como paradigma da economía circular.

•O acto de colocación da primeira pedra da futura planta de compostaxe industrial de Sogama e a mellora operativa da planta de transferencia de Becerreá (Lugo), constitúen outras das accións recentes promovidas pola compañía.

•No ámbito da educación ambiental, alúdese ao lanzamento do sitio web www.oportunidadesparareciclar.gal e aos talleres de showcooking con sobras de comidas, sen esquecer a edición do libro “O Horto Ecolóxico” por parte do penal de Monterroso e o curso de formación en liña dirixido aos concellos.

•Dentro do espazo de eventos, destácase a participación de Domínguez no Congreso de Medio Ambiente celebrado o pasado mes en Caldas de Reis, onde foi obsequiado coa Medalla do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2020.

Cerceda, a 7 de decembro de 2016.- O Presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, asegura no editorial que introduce a Newsletter da Sociedade deste mes, que a recente publicación da Memoria de Sostibilidade 2015 constitúe o punto de partida que marcará o rumbo a seguir pola compañía pública durante os próximos anos, enmarcando a súa xestión no novo modelo de desenvolvemento cara ao que Galicia, España e Europa no seu conxunto debe avanzar: o da economía circular.

Neste escenario, a optimización de servizos por parte da entidade, e que en todo caso deben adaptarse a unha realidade cambiante, constitúe unha das prioridades contempladas na folla de ruta deseñada pola empresa, na que desempeñará un papel crucial a ampliación do complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña), proxecto ao que a compañía destinará 29 millóns de euros, permitindo que no mesmo poidan tratarse en condicións óptimas todos os residuos urbanos producidos en Galicia, incrementando exponencialmente a achega ao reciclado e reducindo de forma significativa o vertido final.

RECICLAXE E REINSERCIÓN SOCIAL

O Director de Cáritas de Santiago de Compostela, José A. Mouriño, e o Director de Reciclado de Aspapel, David Barrio, protagonizan a sección de entrevistas. O primeiro, para dar a coñecer Arroupa, unha empresa participada ao 100% por Cáritas Diocesana, centrada na recollida e reciclaxe de roupa usada, e que posibilitou o emprego de 17 persoas en exclusión social, e, o segundo, para falar do reciclado de papel como paradigma da economía circular. Neste sentido, enxalzou o potencial da industria papeleira española, que en 2015 reciclou 5,2 millóns de toneladas de papel/cartón, e explicou os desafíos aos que o noso país debe facer fronte de cara a fortalecer os sistemas de recollida selectiva e a promoción da reciclaxe en cercanías, mellorando igualmente a calidade do material que os almacéns reciben.

A News tamén se fai eco do acto de colocación da primeira pedra correspondente á futura planta de compostaxe industrial de Sogama, á que se destinará un investimento de 2,4 millóns de euros e na que se procesarán 15.000 toneladas anuais de materia orgánica procedente de grandes produtores (mercados, restaurantes, centros comerciais, hospitais, etc), prevendo obter entre 3.000 e 4.000 toneladas de compost de alta calidade cada ano.

A edición do libro “O Horto Ecolóxico” por parte do Centro Penitenciario de Monterroso (Lugo), no que colaborou Sogama, e a implantación do programa da compostaxe doméstica nas localidades de Cedeira (A Coruña) e Vilgarcía de Arousa (Pontevedra), así como a ampliación do mesmo en Redondela, tamén na provincia de Pontevedra, constitúen actuacións que non fan máis que acreditar o firme compromiso da entidade cunha xestión máis sostible dos residuos.

Tamén se alude á mellora operativa da planta de transferencia de Becerreá (Lugo), á que se destina un orzamento de 211.000 euros, co obxectivo de mellorar os súas prestacións aos seis concellos que utilizan os seus servizos (Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada , Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro).

No ámbito da educación ambiental, alúdese á entrada en vigor da nova páxina web www.oportunidadesparareciclar.gal da campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así como ao novo curso en liña que, baixo o título “Cara á sostibilidade na xestión do lixo doméstico”, Sogama dirixe ao persoal dos concellos adscritos ao seu modelo.

Así mesmo, os talleres de Showcooking celebrados nos principais mercados de abastos galegos, onde o Chef Héctor López deleitou aos presentes con exquisitas receitas elaboradas con sobras de comidas, constitúe unha das accións contempladas na campaña autonómica da reciclaxe e enmarcadas na Semana Europea da Prevención de Residuos 2016.

EVENTOS E RECOÑECEMENTOS

No apartado de eventos destácase a participación de Javier Domínguez no Congreso de Medio Ambiente celebrado o pasado mes no municipio pontevedrés de Caldas de Reis, onde recibiu a medalla do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2020, así como a intervención do Director Xeral de Sogama, Isidro García, nunha xornada de innovación nas empresas ambientais, enmarcada á súa vez nas actividades desenvolvidas pola Agrupación Estratéxica CRETUS e a Rede REGATA, coordinadas ambas polo Prof. Dr. Juan M. Lema Rodicio.

A entrega dos Premios Aproema 2016, que foron presididos pola Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e nos que Sogama formou parte do xurado, pechan a revista deste mes, onde tamén se informa da extraordinaria acollida do Congreso Internacional Recuwatt 2016, celebrado o pasado mes de outubro en Mataró (Cataluña) co obxectivo de dar a coñecer e debater sobre os distintos aspectos vinculados á xestión dos residuos, e ao que asistiron máis de 500 persoas, así como do balance da actividade desenvolvida polas 11 plantas integradas en AEVERSU (Asociación Española de Plantas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos), entre as que se atopa Sogama, producindo estas en 2015 1.600.000 MWh, cifra equivalente ao consumo de 450.000 vivendas.

http://www.sogama.gal/gl/info/publicacions?page=1

Saúdos, Departamento de Comunicación

7 Dec 2016

Galería