Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

O ciclo de Saúde Ambiental do IES Ánxel Casal de A Coruña interésase pola tecnoloxía de Sogama

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Visitaron esta semana o complexo industrial cercedense para coñecer a súa operativa e recibir, a cargo de técnicos ao servizo da compañía pública, unha clase teórico-práctica.
  • No transcurso da mesma tiveron a oportunidade de coñecer con detalle os sistemas utilizados pola compañía para minimizar as emisións á atmosfera e garantir así unha actividade perfectamente compatible coa protección do medio ambiente e a saúde.

Cerceda, a 7 de decembro de 2017.- Alumnos do Ciclo de Saúde Ambiental do IES Ánxel Casal da Coruña visitaron esta semana o complexo medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer a actividade industrial desenvolvida no mesmo, prestando especial atención ás tecnoloxías adoptadas pola entidade para limitar ao máximo as súas emisións, situándose estas moi por baixo dos límites que fixa a lei .

Atendidos por técnicos ao servizo da compañía, recibiron unha clase teórica na que, utilizando recursos didácticos de apoio, explicóuselles de forma pormenorizada o labor de Sogama na nosa comunidade, toda vez que xestiona e trata a meirande parte dos residuos urbanos producidos no territorio galego a través dunha operativa que prioriza a aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que complementa coa valorización enerxética da fracción non reciclable, e todo isto nun marco de economía circular.

TECNOLOXÍAS  VANGARDISTAS

A adopción de tecnoloxías de última xeración, xunto cunha xestión empresarial eficiente, constitúen os principais factores que permiten a Sogama levar a cabo a súa actividade industrial con absolutas garantías. No caso da Planta Termoeléctrica, que conta cunha potencia instalada de 50 MW, acolle dúas caldeiras de Leito Fluído Circulante nas que o CDR (Combustible Derivado dos Residuos non reciclables) ponse en contacto cunha area en fluidificación a temperaturas superiores a 850ºC, facilitando así unha combustión homoxénea, estable, completa e de alta eficiencia.

A neutralización dos gases acedos conséguese coa inxección de dolomita, e unha vez arrefriados diríxense a dúas liñas de depuración antes da súa saída ao exterior. Tras atravesar uns ciclóns onde se separan as partículas máis grosas, utilízase cal apagada e carbón activo para reducir compostos tales como dioxinas, furanos e metais pesados. Acto seguido, os gases pasan por un filtro de mangas para a recollida das partículas máis finas, sendo enviados á cheminea mediante un ventilador de tiro inducido.

No ámbito industrial, cabe lembrar que este tipo de plantas son as máis vixiadas nos seus aspectos ambientais, estando sometidas a un control estrito e permanente, moi superior ao doutras infraestruturas. Tanto é así, que nos países europeos do norte atópanse emprazadas en moitos casos no centro das cidades, o que lles permite abastecer á poboación máis próxima, e a prezos moi competitivos, con recursos tan valiosos e necesarios como a electricidade e a calor.

Tras o percorrido guiado polo complexo cercedense, onde o grupo puido coñecer os sistemas utilizados pola compañía para minimizar as emisións á atmosfera e garantir así unha actividade perfectamente compatible coa protección do medio ambiente e a saúde, os estudantes terán agora ocasión de facer as súas propias valoracións, servíndose para isto de enquisas de satisfacción en liña a través das cales poderán deixar constancia das súas opinións, análises e comentarios.

Saúdos, Departamento de Comunicación

7 Dec 2017

Galería