Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

O comercio internacional cobra protagonismo para responder aos negativos efectos do cambio climático

Print this pagePrint this page
  • Así se pon de relevo nun novo informe da FAO, onde se alude á importancia do comercio internacional de produtos agrícolas para alimentar ao planeta e responder desta forma á incapacidade de moitas rexións para producir alimentos debido ao cambio climático.
  • O Director Xeral da FAO considera que debe garantirse que a evolución e expansión do comercio agrícola sexa equitativa, contribuíndo a eliminar a fame, coa particularidade de que o comercio internacional ten o potencial de estabilizar os mercados e redistribuír os alimentos das rexións con excedentes ás deficitarias.
  • Non obstante, e máis aló das medidas de integración de mercados, a FAO alude a outras políticas nas que se contemple un maior gasto en investigación e desenvolvemento, así como en programas ambientais e servizos ecosistémicos para reducir os efectos negativos das emisións da agricultura.

Cerceda, a 10 de outubro de 2018.- Un novo informe da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) pon de relevo a importancia que terá o comercio internacional de produtos agrícolas para alimentar ao planeta e responder así á incapacidade de moitas rexións para producir alimentos debido ao cambio climático.

Considera este estudo que as políticas agrícolas e comerciais nacionais poden necesitar un reaxuste para axudar a transformar os mercados mundiais nun soporte da seguridade alimentaria e un instrumento para a adaptación ao cambio climático, toda vez que este afectará á agricultura mundial de forma desigual. Isto quere dicir que mellorará as condicións de produción nalgúns lugares e influirá negativamente noutros, creando dous grupos diferenciados: gañadores e perdedores. Neste marco, prevese que a produción alimentaria en países de latitudes setentrionais serán os máis sacudidos polo cambio climático, empeorando aínda máis a súa situación de pobreza e malnutrición. Pola súa banda, as rexións con climas tépedos poderían constatar efectos positivos a medida que o clima máis cálido incremente a súa produción agrícola.

A fin de evitar esta brecha, o Director Xeral da FAO, José Graziano da Silva, considera que debe garantirse que a evolución e expansión do comercio agrícola sexa equitativa, contribuíndo a eliminar a fame, ao que engadiu que o comercio internacional ten o potencial de estabilizar os mercados e redistribuír os alimentos das rexións con excedentes ás deficitarias.

A realidade é que xa moitos países dependen dos mercados internacionais para cubrir os seus déficits de alimentos. No caso de Bangladesh, o Goberno, tras unhas graves inundacións que derivaron nun aumento de máis do 30% nos prezos minoristas, decidiu recortar en 2017 os aranceis aduaneiros sobre o arroz para aumentar as importacións e estabilizar así o mercado interno. Pola súa banda, Sudáfrica, produtor e exportador de millo, aumentou recentemente as importacións para contrarrestar os efectos das sucesivas secas.

MEDIDAS ADICIONAIS

Non obstante, e máis aló das medidas de integración de mercados, a FAO alude a outras políticas nas que se contemple un maior gasto en investigación e desenvolvemento, así como en servizos de extensión agrícola co fin de alentar o uso de enfoques climáticamente intelixentes por parte dos agricultores, e maiores gastos en programas ambientais e servizos ecosistémicos para reducir os efectos negativos das emisións da agricultura. Opcións todas elas que, a xuízo da FAO, poderían aliñarse coas normas da OMC (Organización Mundial do Comercio), así como cos compromisos ambientais enmarcados no Acordo de París.

O informe pon tamén de relevo o crecemento mundial das economías emerxentes no comercio agrícola, desafiando a supremacía dos grandes exportadores de alimentos como Europa e Estados Unidos en termos de valor.

Fonte e imaxe: FAO

Saúdos, Departamento de Comunicación

10 Out 2018

Galería