Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

O concello de Carballo adéntrase, co apoio de Sogama, nun programa de vermicompostaxe

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Con isto pretende dar un paso máis na xestión sostible dos residuos municipais, tratando de forma máis ecolóxica a fracción orgánica dos mesmos.
  • Esta iniciativa constitúe un complemento ao xa exitoso programa de compostaxe doméstico implantado polo ente local, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
  • Sogama subministrará ao concello 22 vermicomposteiros e impartirá un curso de formación presencial para as familias que participen no proxecto, ás que tamén entregará senllos manuais explicativos da operativa a seguir.
  • Neste caso, a protagonista indiscutible do proceso é a lombriga de terra “Eisenia Andrei”, que garante coa súa actividade a obtención dun humus con extraordinarias propiedades para o solo, aportándolle maiores nutrientes e protexéndoo de pragas e outros axentes nocivos externos.

Cerceda, a 12  de xaneiro de 2018.-  Trala exitosa experiencia municipal no ámbito do compostaxe doméstica e, unha vez constatados os seus beneficios ambientais, económicos e sociais, o concello de Carballo pretende dar un paso máis na xestión sostible dos residuos municipais. É por isto que decidiu adentrarse, co apoio de Sogama, nun programa de vermicompostaxe no que a gran protagonista será a denominada lombriga de terra (“Eisenia Andrei”), que garante coa súa actividade a obtención dun humus de extraordinarias propiedades para o solo, constituíndo este un fertilizante de primeira calidade. De feito, é a especie de lombriga máis comúnmente utilizada para esta tarefa debido a que presenta altas taxas de reprodución, dixestión e adaptabilidade, sendo capaz de inxerir diariamente o 90% do seu peso e de excretar o 60% do alimento consumido.

FERTILIZANTE DE PRIMEIRA

O compost obtido durante o proceso presenta unha gran bioestabilidade, ademais de ser rico en enzimas, acedos húmicos e fúlvicos, microorganismos e fitohormas, características todas elas que lle outorgan un papel destacado desde o punto de vista ergonómico ao mellorar as propiedades nutritivas do solo, posibilitando que estea máis esponxoso e que reteña en maior medida a humidade, facéndoo máis resistente fronte a pragas e outros axentes nocivos externos.

Para levar a cabo esta iniciativa, Sogama entregará ao concello un total de 22 vermicomposteiros, que serán dispostos noutras tantas vivendas a fin de que as familias poidan xestionar a través dos mesmos os seus restos orgánicos.

Non obstante, de cara a garantir que o proceso se leve a cabo con garantías, a empresa pública, a través da asistencia técnica dispensada por Ecocelta, firma experta na materia, impartirá o correspondente curso de formación, que se complementará coa entrega de manuais didácticos nos que se concreta e detalla a operativa a seguir.

No caso do vermicomposteiro a utilizar neste programa, cabe sinalar que dispón dunha poboación aproximada de 200 lombrigas adultas que consumen aproximadamente 450 gramos diarios de materia orgánica e consta de varios módulos ou caixas para facilitar a continuidade do proceso, dispoñéndose o mesmo en posición vertical a fin de que ocupe o menor espazo posible.

Do mesmo xeito que no proceso de compostaxe doméstica, débense controlar parámetros tales como a temperatura, sendo en torno a 15ºC  a ideal para a vida das lombrigas, así como o pH, a salinidade e a humidade do cultivo, que debe oscilar entre o 60 e o 80%.

O abono natural resultante distínguese pola súa cor escura, inodora e livián, non deixando residuos ao tacto e resultando eficaz en múltiples aplicacións: para abonado de cobertura, para cultivos de ciclo longo, xerminación de plantas e para árbores e frutais.

Saúdos, Departamento de Comunicación

12 Xan 2018

Galería