Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

O concello de Vilarmaior, co apoio de Sogama, amplía o seu programa de compostaxe doméstica

Print this pagePrint this page
  • Formarán parte do mesmo un total de 125 vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo para aplicar o compost obtido.
  • O ente local móstrase convencido das bondades deste modelo, tanto desde a dimensión ambiental como social.
  • Ao reciclar a materia orgánica nos fogares (que representa en torno ao 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo), evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, permitindo aos usuarios elaborar o seu propio abono natural.
  • A autocompostaxe  axústase plenamente ao concepto de economía circular, toda vez que, a través dun proceso totalmente natural e autónomo, permite transformar os residuos en recursos e devolver a materia orgánica ao solo en forma de nutrientes.

Cerceda, a 10 de outubro de 2018.- Nun proceso de mellora continua, o concello  de Vilarmaior, co apoio de Sogama, decidiu ampliar o seu programa de compostaxe doméstica, incorporando ao mesmo 25 novos fogares. En breve serán xa 125 as vivendas unifamiliares deste municipio coruñés que reciclarán os seus residuos orgánicos en orixe, evitando o seu depósito nos contedores verdes convencionais.

O ente local móstrase convencido das bondades deste modelo, tanto desde a dimensión ambiental como económica e social. E é que, se se logra minorar a cantidade de lixo que conforma a fracción coñecida como bolsa negra, poderíase ver reducida a frecuencia de recollida e transporte da mesma e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera, coa particularidade de que os usuarios teñen a oportunidade de producir o seu propio compost, de calidade inmellorable, aforrando diñeiro na compra de abonos.

Así mesmo, con esta iniciativa recupérase unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost, coa vantaxe engadida de que, ao posibilitar a recuperación dunha boa parte dos refugallos nos propios fogares (cabe recordar que a materia orgánica representa en torno ao 42% dos residuos contidos nunha bolsa de lixo tipo), evítanse os continuos desprazamentos da poboación aos contedores.

EN LIÑA COA ECONOMÍA CIRCULAR

É preciso destacar que a compostaxe doméstica axústase plenamente ao concepto de economía circular, toda vez que, a través dun proceso totalmente natural e autónomo, permite transformar os residuos en recursos e devolver a materia orgánica ao solo en forma de nutrientes.

Os usuarios poden complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal, onde se explica de forma pormenorizada a dinámica a seguir para obter un abono final de alta calidade e apto para ser aplicado na agricultura con garantías.

A día de hoxe, Sogama xa repartiu máis de 9.000 composteiros domésticos en toda Galicia, de entre 340 e 350 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables.

O último balance realizado pola empresa revela que o 80% dos usuarios móstrase satisfeito con esta iniciativa, concluíndo, trala análise científica de determinadas mostras de compost, que o abono resultante correspondería cunha calidade óptima tipo A.

Saúdos, Departamento de Comunicación

10 Out 2018

Galería