SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

“O debate en torno á suba do canon de Sogama concéntrase nun máximo de 1 euro ao mes por inmoble"

Print this pagePrint this pagePrint this page

•En declaracións a Radio Líder Galicia, o presidente de Sogama, Luís Lamas, pediu sensatez no manexo desta cuestión, toda vez que “determinados alcaldes están intentando facer política a conta da mesma”.

•A súa principal recomendación para que os concellos paguen menos por este concepto é que reduzan a produción de refugallos e leven a cabo unha correcta recollida selectiva.

•Considera que, malia que a xestión e o tratamento dos residuos constitúe o servizo público máis importante, recoñece tamén que é o menos valorado.

•Explicou, unha vez máis, que o incremento do canon enmárcase na reforma do sector enerxético a nivel estatal, que supuxo para esta empresa pública un notable impacto económico ao minguar os seus ingresos en aproximadamente 14 millóns de euros ao ano.

•Reiterou que, tal e como se veu facendo desde sempre, a empresa levará ao xulgado aos concellos que decidan non pagar polo servizo prestado. Non obstante, confía en que estes actúen con responsabilidade e sensatez.

•Noutra orde de cousas, tamén se referiu ao manual de boas prácticas para o aforro de enerxía e auga, así como para a menor produción de lixo, que a empresa acaba de facer público, dirixíndoo a todos os sectores sociais.

Cerceda, a 22 de xaneiro de 2014.- No marco do debate político orixinado en torno á suba do canon de Sogama, que se fará efectiva con data 1 de marzo do ano en curso, o presidente desta entidade pública, Luís Lamas, sinalou en Radio Líder que o debate concéntrase no desembolso, a maiores, de 1 euro mensual por inmoble ou, o que é o mesmo, de 12 euros ao ano.

Neste sentido preguntouse “canto pagamos a maiores os cidadáns en 2014 en concepto de IBI e outras taxas locais, cuestións que non están presentes na refrega política, pero que acaban afectando, e moito, ao peto da poboación”.

Neste sentido, pediu sensatez, aínda entendendo que determinados alcaldes estean intentando facer política a conta de Sogama.

A MENOS RESIDUOS, MENOS DESEMBOLSO ECONÓMICO
Así, a súa principal recomendación para que os entes locais paguen menos a esta empresa pública é que reduzan a produción de refugallos e que leven a cabo unha correcta recollida selectiva en orixe. Desta forma as cantidades de lixo a entregar a Sogama para a súa xestión e tratamento final serán menores, diminuíndo na mesma proporción a correspondente factura.

Manifestou que lle chama a atención que sexa precisamente agora cando os concellos empecen a preocuparse por producir menos desperdicios, sendo antes unha cuestión totalmente secundaria para eles.

Aínda que a xestión e o tratamento do lixo constitúe para él o servizo público máis importante, recoñece que é o menos valorado. “É evidente que costear algo que non se valora, resulta impopular socialmente”, recalcou.

Así mesmo, explicou, unha vez máis, que a suba do canon enmárcase na reforma enerxética estatal, que derivou na supresión das primas ás enerxías renovables e as catalogadas no Réxime Especial, como é o caso de Sogama, co obxecto de cubrir o denominado déficit de tarifa. Estas medidas representaron para a Sociedade unha caída de ingresos de aproximadamente 14 millóns de euros anuais. Neste contexto, explicou, “o incremento do prezo que cobramos aos concellos foi unha decisión difícil, pero absolutamente necesaria para manter a viabilidade da empresa e dar continuidade ao servizo público que presta”.

Respecto das manifestacións realizadas por algúns concellos en torno á decisión de non pagar o novo canon, Lamas aludiu expresamente ás declaracións do alcalde de Monforte, quen cualificou como “ameaza” a intención de Sogama de levalos ao xulgado. O máximo responsable da empresa expresou o seu desconcerto ao respecto, toda vez que, desde sempre, este foi o modus operandi cos morosos. E como exemplo puxo ao concello de Pontevedra, que tras 12 anos de litixios foi condenado por unha sentenza a pagar a Sogama o adebedado, coa particularidade de que “os custos que supuxeron os reiterados incumprimentos deste ente local tiveron que ser sufragados por todos os galegos”.

É por isto que insistiu en que “se un concello non quere utilizar o sistema, que non o utilice, pero se o fai, debe pagalo”, ao que engadiu que “quero crer que a maior parte dos concellos actuarán con responsabilidade”.

MANUAL DE BOAS PRÁCTICAS PARA O AFORRO
Noutra orde de cousas, o programa tamén abordou a edición, por parte de Sogama, dun manual de boas prácticas para o aforro de enerxía e auga, así como para a redución de refugallos, proporcionando consellos para gastar menos en tratamento de lixo, calefacción, aire acondicionado, iluminación, auga, etc. Trátase dunha iniciativa coa que a Sociedade quere contribuír ao aforro económico, pero tamén ao menor impacto medioambiental, fomentando o uso prudente e racional dos recursos, tal e como recomenda Europa.

No caso dos residuos, as recomendacións céntranse nos tres erres, proporcionando as claves para a redución, o alongamento da vida útil dos produtos mediante a reutilización dos mesmos e a activa participación na recollida selectiva para propiciar o reciclado. Neste sentido, Lamas aludiu á importancia de facer unha lista da compra, adquirir produtos a granel, levar a nosa propia bolsa de casa, cociñar as cantidades xustas de comida e reutilizar as sobras para elaborar novos menús.

Respecto da enerxía, a guía incide especialmente no consumo racional da electricidade, facéndose eco de consellos vinculados ao uso sostible dos aparellos eléctricos e electrónicos, ao illamento térmico dos fogares e ao máximo aproveitamento da calor.

E, en canto á auga, a pretensión é chamar a atención sobre o malgaste innecesario deste valioso recurso. “Acostumámonos a deixar correr o grifo sen reparar no gasto que isto supón e, aínda que é certo que en Galicia hai moita auga, non menos certo é que para que chegue aos fogares en condicións axeitadas e para que logo se depure unha vez utilizada, hai que asumir uns importantes custos”.

O manual xa foi distribuído entre os distintos sectores sociais, incluíndo aos concellos adheridos a Sogama.

Saúdos, Departamento de Comunicación

22 Xan 2014

Galería