SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

O día 30 deste mes conclúe o prazo para que os centros escolares interesados soliciten a súa participación no programa "Recíclate con Sogama" 2013-2014

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, dirixirase a 20 centros de primaria (15 públicos e 5 concertados) que non tiveran participado na edición anterior e que cumpran cos requisitos recollidos na correspondente convocatoria, publicada no DOG o pasado 14 de xuño.

•O obxectivo desta iniciativa non é outro que o de propiciar que a segregación de residuos se incorpore, como un hábito máis, á vida diaria de profesores e alumnos, extrapolándose ao resto da cidadanía e contribuíndo desta forma a alcanzar as vantaxes ambientais e económicas da reciclaxe.

•Os centros participantes recibirán, de mans de Sogama, os correspondentes contedores de recollida selectiva para facilitar a separación das distintas fraccións de material contidas no lixo, recibindo en todo momento o asesoramento oportuno por parte da empresa, así como o material didáctico e informativo de apoio.

Cerceda, a 10 de setembro de 2013.- Conforme á Resolución de 24 de maio de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 14 de xuño, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convoca unha nova edición do Plan Proxecta para o curso académico 2013-2014, establecendo as bases para a participación no mesmo dos centros escolares sostidos con fondos públicos.

O Plan oferta un total de 25 programas promovidos por distintos Departamentos Autonómicos, atopándose entre estes “Recíclate con Sogama”, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e que se dirixirá a 20 centros de primaria (15 públicos e 5 concertados) que non tiveran participado o pasado curso e que cumpran cos criterios de selección previamente definidos e recollidos na correspondente convocatoria. Todos os interesados dispoñen de prazo ata o día 30 deste mes para formalizar a súa solicitude a través das canles especificadas no Diario Oficial de Galicia.

Con este programa de educación ambiental, Sogama pretende promover a implicación da comunidade educativa na xestión sostible dos residuos urbanos a través do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), prestando especial atención á segregación do lixo por tipoloxías, introducindo cada fracción nos contedores correspondentes (amarelo, para os envases lixeiros; azul, para os de cartón e papel; e recipiente verde convencional, para a fracción resto), que serán facilitados no seu momento por esta empresa pública.

Ademais, a aqueles centros seleccionados que dispoñan de servizo de comedor, tamén se lles subministrará un composteiro para o depósito da materia orgánica xerada, permitíndolles obter un abono natural de alta calidade para ser aplicado nas hortas e xardíns dos recintos escolares.

O obxectivo último de “Recíclate con Sogama” é que escolares e docentes incorporen ás súas vidas diarias a separación de residuos como un hábito máis (tanto nos seus fogares como na escola, o traballo e o tempo de lecer), contribuíndo con isto a alcanzar os beneficios ambientais e económicos que traen consigo a reciclaxe e que se traducen nun aforro de enerxía e materias primas, pero tamén nun non menos importante aforro económico para os concellos, toda vez que os seus ingresos variarán en función das cantidades de lixo remitidas á industria recicladora, véndose minorado o importe da factura que deben pagar á Sociedade Galega do Medio Ambiente pola xestión e tratamento do residuo convencional.

Para a valoración final das memorias presentadas a final de curso polos centros participantes, teranse en conta, entre outros parámetros, o interese, esforzo e traballo realizado polos docentes, as actividades deseñadas específicamente para os escolares e executadas en forma e prazo, as orientadas ás familias e aos propios concellos, logrando a implicación destes dous colectivos, así como a calidade do material introducido nos diferentes contedores.

En todo caso, e do mesmo xeito que a pasada edición, o profesorado dos centros participantes, e máis específicamente os que exerzan a función de coordinadores, estarán apoiados en todo momento por Sogama, que lles proporcionará as ferramentas didácticas e informativas necesarias para levar a bo porto esta iniciativa e alcanzar uns resultados satisfactorios para todos, recibindo, da man da Consellería de Educación, os correspondentes certificados, con independencia dos recoñecementos dos que poidan ser obxecto por parte desta Sociedade.

SOBRE O PLAN PROXECTA

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través do desenvolvemento das competencias básicas e a educación en valores, axudándose para isto de programas externos que leven á motivación e traballo activo e cooperativo do alumnado e profesorado participantes. De aí a importancia da construción de modelos de mellora mediante proxectos interdisciplinares que teñan un alto potencial de transferibilidade, tanto no propio centro que os desenvolve como no resto da comunidade educativa.

Saúdos, Departamento de Comunicación

10 Set 2013

Galería