Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

"O labor dos escolares resulta clave para a conservación do medio ambiente"

Print this pagePrint this page
  • Así se expresou Gonzalo Sánchez Busóns, profesor do colexio Divina Pastora de Ourense, en Cope Galicia, tras ser proclamado este centro gañador do programa “Recíclate con Sogama” 2017-2018.
  • Co proxecto “Erre que erre coa ecoloxía”, os alumnos e alumnas que conforman o seu grupo de “Ecovixiantes” traballaron na reciclaxe, na compostaxe, na recollida de cabichas, na limpeza de espazos públicos e ata na construción de caixas niño para os paxaros.
  • Recoñeceu que, se ben inicialmente tiveron certas dificultades para identificar o contedor de destino de determinados residuos, a formación dispensada polos educadores de Sogama permitiulles perfeccionar os seus coñecementos na materia e chegar a ser hoxe uns auténticos campións.

Cerceda, a 9 de xullo de 2018.- “Erre que erre coa ecoloxía”. Así reza o título do proxecto co que o colexio Divina Pastora-Nais Franciscanas de Ourense conseguiu o primeiro premio correspondente ao programa “Recíclate con Sogama” 2017-2018, facéndose co segundo e terceiro posto o CPI de Bembibre (Val do Dubra-A Coruña) e o CEIP  Mato Vizoso (Vilalba-Lugo) respectivamente.

Ante os micrófonos de Cope Galicia, Gonzalo Sánchez Busóns, o profesor coordinador desta iniciativa no colexio ourensán, mostrouse gratamente satisfeito e emocionado por un recoñecemento que posiciona ao seu centro como punto de referencia, non só na propia cidade das Burgas, senón en Galicia e ata en España. “Estamos moi contentos e é un importante estímulo para os mozos e mozas, que traballaron intensamente durante todo o ano e ata fóra do horario lectivo”.

AS CABICHAS, NO PUNTO DE MIRA

E é que os seus alumnos e alumnas dedicaron todas as tardes dos martes a aportar o seu gran de area na protección da contorna. Así, non dubidaron en sumarse a colaborar nas prácticas de compostaxe doméstica, aportando materia orgánica ao composteiro que teñen á súa disposición na Aula da Natureza de Oia e controlando, día tras día, o proceso de fermentación da mesma para obter un abono de calidade que logo aplicaban na súa horta. Tampouco escatimaban esforzos cando se trataba de recoller lixo en espazos públicos e percorrer as rúas de Ourense reivindicando unha maior colaboración dos habitantes na limpeza da urbe.

“Á caza da cabicha” era o lema que ilustraba as pancartas para que veciños e visitantes fosen máis coidadosos, pois, tal e como manifestou Sánchez Busóns, “se o tabaco xa é tóxico de por si para a saúde, o que non se pode facer é que os fumadores deixen tiradas as súas cabichas en calquera sitio”, coa particularidade de que “son moi difíciles de recoller, xa que se incrustan entre as lousas e hai que ir unha por unha”. Malia a dificultade, os seus pupilos, equipados con bolsas e luvas especiais, armábanse de paciencia e conseguían facer acopio de quilos dun material altamente contaminante.

O seu grupo de “Ecovixiantes” tamén atopaba tempo para os paxaros. Non en van, fixéronse cun premio concedido pola organización SEO/BirdLife ao contribuír a mellorar a calidade de vida destes entrañables seres vivos. Así, fabricaron diversas caixas para que puidesen aniñar e quedarse en distintos puntos da cidade porque “a alta densidade de edificacións, a contaminación e o noso estilo de vida está afastando aos paxaros das nosas vidas”.

A RECICLAXE, UNHA TÉCNICA PERFECCIONADA

Gonzalo e os seus alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria gardan tamén un grato recordo do día no que o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, visitounos persoalmente para facerlles entrega do primeiro premio “Recíclate con Sogama” 2017-2018. “Recibímolo cunha pequena Sogamita, con material divulgativo, minicontedores e demais dispositivos, evidenciando con isto o noso total apoio ao labor que leva a cabo esta entidade pública”.

Se ben no ámbito da reciclaxe aprenderon moito durante todo o curso académico, o profesor do Divina Pastora recoñeceu que, ao principio, os pequenos tiñan certas dificultades para identificar o contedor de destino de determinados materiais. Pero, grazas ás charlas dos educadores de Sogama e ás visitas dos técnicos, conseguiron despexar moitas dúbidas e hoxe xa son uns auténticos campións na materia.

Coñecéndoo, non é raro pensar que Gonzalo Sánchez Busóns estea planificando novos proxectos para o próximo curso. Como docente especializado en Ciencias Sociais e en Paisaxe e Sostibilidade, e dada a súa extrema sensibilidade coa preservación do patrimonio natural, resulta evidente concluír que novas accións ambientais xa tomaron forma na súa carteira de traballo.

Saúdos, Departamento de Comunicación

9 Xul 2018

Galería