Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

O Mapama saca a información pública o borrador da Estratexia Española de Economía Circular

Print this pagePrint this page
  • Alineada co Paquete Europeo de Economía Circular, na mesma recóllese un Plan de Acción definido para o período 2018-2020, e dotado cun orzamento de 836 millóns de euros, no que se inclúen 70 medidas orientadas cara á consecución dun modelo de desenvolvemento máis innovador, competitivo e sostible.
  • O ecodeseño e a innovación adquiren especial protagonismo a fin de minimizar o uso de recursos e reducir a xeración de residuos, incluíndo igualmente accións para implantar a contratación pública ecolóxica, impulsar o mercado das materias primas secundarias, instaurar a Estratexia “Máis alimento, menos desperdicio”, reutilizar a auga e promover o emprego verde, entre outras.
  • Na actualidade, xa son 240 as entidades e empresas firmantes do Pacto pola Economía Circular, posto en marcha polo Ministerio en setembro de 2017.
  • O borrador estará a disposición para facer achegas ata o próximo 12 de marzo no propio sitio web do MAPAMA.

Cerceda, a 13 de febreiro de 2018.-  O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) sacou a información pública o borrador da Estratexia Española de Economía Circular, no que se recolle un Plan de Acción definido para o período 2018-2020, e dotado cun orzamento de 836 millóns de euros (dos que un 57% se destinará a auga, un 29% a I+D+i e un 4% a emprego, entre outras partidas), incluíndo no mesmo 70 medidas orientadas cara á consecución dun modelo de desenvolvemento máis innovador, competitivo e sostible no que se reduza a xeración de residuos e se prime o maior aproveitamento dos produtos.

Nun marco de máxima transparencia, con esta exposición pública preténdese involucrar aos distintos sectores sociais (tecido empresarial, sociedade civil e consumidor) no proceso de elaboración do texto definitivo, polo que estará a disposición para facer achegas ata o próximo 12 de marzo na propia páxina web do Ministerio www.mapama.es e a través da ligazón https://goo.gl/iJYmgT.

Alineada co Paquete Europeo de Economía Circular, presentado pola Comisión Europea en decembro de 2015, e co que se pretende contribuír a alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) establecidos na Axenda 2030, a Estratexia está liderada polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) e o de Economía, Industria e Competitividade (MINECO), e aglutina a cooperación da práctica totalidade dos Ministerios, contando igualmente coa colaboración das Comunidades Autónomas e a propia Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

PLAN DE ACCIÓN INTEGRAL

O ecodeseño e a innovación adquiren especial protagonismo no documento a fin de minimizar o uso de recursos e de sustancias contaminantes, o que se traducirá nunha menor produción de residuos, posibilitando que estes poidan ser recuperados como subprodutos en posteriores procesos de fabricación. Así mesmo, implicarase ao sector privado mediante créditos, axudas reembolsables ou subvencións que permitan incorporar a economía circular á súa xestión, á vez que se impulsará o uso do EMAS (Sistema Europeo Voluntario de Auditoría Ambiental) e a etiqueta ecolóxica europea en todas as actividades produtivas e de servizos.

Así mesmo, fomentaranse accións para implantar a contratación pública ecolóxica e instaurarase a Estratexia “Máis alimento, menos desperdicio” 2017-2020, ademais de seguir apoiando a produción ecolóxica, destacando igualmente o impulso do mercado das materias primas secundarias, a reutilización da auga e o desenvolvemento dun Programa de Destinos Turísticos Intelixentes.

A transición cara a unha economía baixa en carbono constituirá o punto de referencia para o mercado de traballo, desenvolvendo igualmente unha liña de estudo sobre os novos empregos xerados nun marco de Economía Circular.

Tamén se prestará especial atención á obra pública civil a fin de reducir a presión sobre o uso de materias primas e fomentar o uso dos residuos da construción e demolición nos procesos construtivos.

O MAPAMA recoñece a aínda baixa porcentaxe de reciclaxe en España. Segundo datos de Eurostat, en 2015 xeráronse no noso país 110,5 millóns de toneladas de residuos e recicláronse da orde do 30%, cando a media europea ascende ao 36%. Un claro indicador de que se están desaproveitando recursos nun contexto internacional no que as materias primas son cada vez máis escasas, limitadas e caras.

A nivel europeo, estímase que, ata 2030, a Economía Circular pode xerar un beneficio de 1,8 billóns de euros, o que supón 0,9 billóns máis que o actual modelo de economía lineal. Neste sentido, a Comisión Europea estima un aforro en materias primas por parte da industria de 600.000 millóns de euros (un 8% da facturación anual da UE en 2015) e a creación de 580.000 novos postos de traballo, dos que un 30% se atopan asociados ao pleno cumprimento da normativa comunitaria en materia de residuos e ecoinnovación.

Ademais, cabe recordar que, en setembro de 2017, a ministra Isabel García Tejerina presidiu a firma do Pacto pola Economía Circular, que subscribiron 55 axentes sociais e empresariais, ascendendo na actualidade a un total de 240 as entidades e empresas firmantes. Todas elas asumiron diversos compromisos tales como reducir o uso de recursos naturais non renovables, impulsar a análise do ciclo de vida dos produtos, incorporar criterios de ecodeseño, incrementar a eficiencia global dos procesos produtivos e promover formas innovadoras de consumo sostible, entre outros.

Fonte: Mapama

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Feb 2018

Galería