SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

O PNUMA insta ás empresas a que adopten un modelo económico “positivo para a natureza”

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Un estudo promovido por este organismo advirte do risco de supervivencia para aquelas que non reduzan a súa pegada ambiental.
  • Os autores do documento recomendan examinar como rachar cunha economía lineal para transitar cara a investimentos, prácticas e creación de empregos que acheguen valor ao medio ambiente e ás persoas.

Cerceda, a 7 de abril de 2021.- Un estudo do PNUMA (Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente) que leva por título “Adaptarse para sobrevivir: a transformación empresarial en tempos de pandemia”, insta ás empresas a reducir drasticamente a súa pegada ambiental, pois, de non facelo, estaría en risco a súa supervivencia.

O resumo do documento (Geo para empresas) funciona como unha guía práctica para compañías que buscan transitar cara a prácticas e operacións máis sostibles, e fai unha chamada para que adopten un modelo económico “positivo para a natureza”, reduzan a súa pegada de carbono, conserven os recursos naturais e protexan a biodiversidade, á vez que crean valor para o medio ambiente e as persoas.

“O modelo no que as empresas só crean valor para os accionistas sen ter en conta o impacto social e ambiental está a chegar ao seu fin. Moitas terán que repensar por completo os seus plans de negocio para transformarse”, afirma Tuxworth, un dos autores do resumo e director da consultora Anthesis Group.

A guía sinala que as firmas tamén terán que lidar con regulacións ambientais cada vez máis estritas. Varios países, entre eles Alemaña e Corea do Sur, fixáronse obxectivos orientados a reducir a cero as súas emisións netas de carbono para 2050 ou antes. Gobernos tan diversos como China, Francia e Israel anunciaron futuras prohibicións para automóbiles de gasolina e diésel. Etiopía mesmo presentou un plan económico mestre destinado a desenvolver “unha economía verde resiliente ao clima para 2025”.

A REACTIVACIÓN ECONÓMICA, UNHA OPORTUNIDADE

A pandemia foi un desafío para todos. Sen embargo, a medida que as economías comezan a activarse de novo, o PNUMA pide aos líderes empresariais intelixentes a reevaliar o seu modo de operar. Os autores recomendan examinar como “rachar cunha economía lineal, extractiva e baseada en combustibles fósiles” para transitar cara a investimentos, prácticas e creación de empregos que acheguen valor á natureza e ás persoas.

Fonte: ONU Medio Ambiente

Imaxe: Pexels

7 Abr 2021

Galería