SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

O presidente de Sogama participa no acto de entrega dos Premios Aproema 2018

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Fíxoo en calidade de membro do Comité de Honra desta cuarta convocatoria, á que concorreron interesantes proxectos de innovación ambiental en distintos ámbitos.
  • Con esta cita, Aproema quixo recoñecer e enxalzar o traballo daquelas entidades que velan pola protección da contorna e que, cos seus proxectos e iniciativas, contribúen a defender os valores ambientais de Galicia.
  • A Autoridade Portuaria de Vigo foi galardonada na categoría de entidade pública co seu proxecto BluegrowthVigo, mentres que a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, con SANePLAN, levouse o premio no apartado de entidades privadas.
  • Pola súa banda, o IES Virxe do Mar de Noia fíxose co galardón no marco dun plan de acción contra o cambio climático e o Máster en Xestión de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo foi distinguido na categoría de Centros Académicos Superiores.

Cerceda, a 23 de novembro de 2018.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participou onte no acto de entrega dos Premios Aproema 2018, celebrado en Vigo. Fíxoo en calidade de membro do Comité de Honra desta cuarta convocatoria, á que concorreron proxectos de innovación ambiental en distintos ámbitos tales como a xestión de residuos, a conservación e mellora da contorna natural galega e as campañas de concienciación na materia, entre outros.

Con este evento, a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (APROEMA) pretendía recoñecer públicamente a aquelas entidades e proxectos orientados a defender os valores ambientais da nosa comunidade.

Un xurado especializado, conformado por representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático), a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), Sogama e Aproema, foi o encargado de estudar e analizar as distintas candidaturas, tendo en conta, entre outros criterios, o impacto da acción, tanto na vertente medioambiental como económica, sociocultural e política, a difusión e resultados, así como o seu carácter innovador e transferibilidade.

RELACIÓN DE PREMIADOS

Así, o Premio Medio Ambiente Aproema 2018 recaeu, na categoría de entidades públicas, no proxecto Bluegrowthvigo, promovido pola Autoridade Portuaria de Vigo, e no que se dá conta da firme aposta por un porto verde, conectado, innovador e inclusivo, representando a primeira implementación da Estratexia de Crecemento Azul no ámbito portuario da Unión Europea.

Tamén dentro desta categoría, o concello de Abegondo (A Coruña) recibiu un accésit ao seu proxecto “Rural Supplies”, que promove a xestión autónoma da auga no medio rural a través de pozos individuais, comunitarios e unha rede específica de distribución de auga potable.

Na sección de entidades privadas, o galardón foise para a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia polo seu proxecto SANePLAn, cuxo obxectivo é levar a cabo unha planificación integrada e unha xestión sostible de infraestruturas de saneamento con tecnoloxía de precisión innovadora.

No apartado de Empresas, a compañía Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste foi galardonada por un proxecto orientado cara á valorización dos residuos, a revexetación de espazos degradados e a mellora da calidade das augas.

Xa no ámbito educativo, o IES Virxe do Mar de Noia (A Coruña) fíxose co premio outorgado nesta modalidade no marco dun proxecto de intercambio vivencial entre centros para contribuír á loita contra o cambio climático.

Pola súa banda, a Universidade de Vigo, e máis concretamente o Máster Universitario Oficial en Xestión do Desenvolvemento Sostible, foi distinguido na categoría de Centros Académicos Superiores pola súa capacidade de abordar de forma integral a formación técnica e intelectual de profesionais polivalentes desde unha perspectiva multidisciplinar e mellorar así o seu acceso ao ámbito laboral.

APOIOS

Ademais de Javier Domínguez Lino, na cerimonia estiveron presentes outras autoridades tales como a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, María Cruz Ferreira Costa; o vicepresidente primeiro da FEGAMP, á súa vez, alcalde de Cervo (Lugo), Alfonso Villares Bermúdez; o especialista de Xestión Territorial e Autonómica de Ecoembes, Bruno de Llano Gómez-Ulla; e a presidenta de Aproema, Maruxa Pérez Vázquez.

Saúdos, Departamento de Comunicación

23 Nov 2018

Galería