SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

“O progreso non pode ser unha desculpa para destrozar o medio ambiente e o medio ambiente non pode ser un hándicap absoluto para non aproveitar os recursos naturais”

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Así se manifestou o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, ante os micrófonos do programa “Galicia al Natural” de Radio Líder, dando a coñecer a firme aposta do seu concello polo desenvolvemento sostible. “A actividade mineira da localidade compatibilízase coa protección de máis da metade da súa superficie total, integrada en Rede Natura”.


•No ámbito da xestión e tratamento dos residuos urbanos, Álvarez cualifica a Quiroga como “pioneira”, sendo a primeira en instaurar a recollida selectiva, así como a recollida de enseres a domicilio e aceites, e tamén a primeira en dispoñer de punto limpo.


•Os resultados das caracterizacións dos contedores amarelos acreditan a alta implicación da veciñanza: tan só un 21 por cento de impropios, cando a media galega supera o 30 por cento.


•A última novidade foi a súa incorporación ao programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama; unha iniciativa que, ademais de destacar polo seu alto valor ecolóxico, reportará beneficios económicos ás arcas locais.


Cerceda, a 10 de xullo de 2012.- O municipio de Quiroga incorporouse ao programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama e fíxoo atraído polas vantaxes ambientais, económicas e sociais que este sistema trae consigo no medio rural. En declaracións ao programa “Galicia al Natural” de Radio Líder, o seu alcalde, Julio Álvarez, manifestou que a localidade foi “pioneira” na correcta xestión e tratamento dos residuos urbanos polo que decidiron sumarse a este proxecto, “moi interesante para a veciñanza, e moi apreciado desde a dimensión natural”.


Pero os seus beneficios transcenden o ámbito puramente ecolóxico para converterse tamén nun importante instrumento co que facilitar o aforro económico. E é que evitando que a materia orgánica acabe nos contedores convencionais ao transformala nun compost de calidade, poderase reducir a frecuencia de recollida e, por suposto, poderanse diminuír as cantidades de refugallos entregadas a Sogama, o que conlevará unha notable redución do importe da factura que o concello debe pagar a esta empresa pública, toda vez que os restos orgánicos supoñen en torno ao 40 por cento da composición media do cubo de lixo familiar.


O rexedor apunta que as 50 prazas dispoñibles para formar parte desta iniciativa xa están cubertas e, de cara ao verán, necesitarían outros tantos composteiros para satisfacer as demandas das segundas residencias. O seu obxectivo é que a autocompostaxe se xeneralice na localidade, alomenos no medio rural.


PORTA DE ENTRADA AO CAUREL


Quiroga foi declarado no seu momento municipio de interese turístico, describíndose como “porta de entrada ao Caurel”. Non en van, acolle un 40 por cento da Serra do Caurel, contando cunha extensión protexida superior á metade da superficie total.


Pero a súa dimensión ambiental vai máis aló do ámbito natural. Tanto é así, que Julio Álvarez asegurou que “foi o primeiro municipio de Galicia que comezou a separar o lixo por tipoloxías, alcanzando uns resultados extraordinarios que, a día de hoxe, aínda mantén”. A súa incorporación á recollida selectiva materializouse a finais dos 90, cando daba comezo o programa piloto. Por aquel entón él presidía a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e, trala proposta trasladada pola Consellería de Medio Ambiente, decidiu participar no proxecto co ánimo de servir de exemplo ao resto dos concellos.


 E os datos así o corroboran, xa que, segundo a información extraída a partir da última caracterización dos contedores amarelos realizada por Ecoembes, o volume de impropios tan só alcanzou un 21 por cento, cando a media galega supera o 30 por cento.


Pero non só foron os primeiros en instaurar a recollida fraccionada dos envases lixeiros, senón tamén os primeiros en dispoñer dun punto limpo, os primeiros en ter unha recollida específica de enseres a domicilio e os primeiros en instaurar a recollida de aceites. Neste escenario, resulta evidente que, para o goberno local, a axeitada xestión dos residuos constitúe unha garantía para a protección do medio ambiente e a mellora da calidade de vida.


O BERCE DA ECOLOXÍA GALEGA


De Quiroga son coñecidas as súas famosas Rutas: a Ruta de Encomenda, a do Ouro, do Mel e o Aceite, e a da Natureza, pero nestes momentos, e trala declaración do pliegue de Campodola-Leixazós como monumento natural, Julio Álvarez explicou que están poñendo en valor unha ruta xeolóxica-turística que gañou unha proxección importante coa posta en marcha do museo xeolóxico, configurándose este como a primeira instalación museística que divulga de forma exclusiva o patrimonio xeolóxico e paleontolóxico local. Conta con diversas seccións dedicadas ao pliegue de Campodola, ás pegadas da glaciación, á fauna prehistórica, aos poboamentos paleolíticos e á actividade mineira, e alberga tamén unha colección de minerais e mostras de fósiles recolectados en diferentes zonas da comarca. Non debe esquecerse que a orixe xeolóxica de Galicia está en Quiroga.


ECONOMÍA E NATUREZA


O alcalde de Quiroga está convencido de que é posible compatibilizar o crecemento económico coa preservación do medio ambiente. E para isto recordou que ata fai un par de anos o municipio era sede dunha das empresas de pizarra máis importantes do mundo. Tralo seu peche “aínda temos actividade mineira” porque “o progreso non pode ser unha desculpa para destrozar o medio ambiente e o medio ambiente non pode ser un hándicap absoluto para non aproveitar os recursos naturais”, sentenciou. Unha parte importante da localidade está protexida por Rede Natura.


Saúdos, Departamento de Comunicación

10 Xul 2012

Galería