- Se ben as empresas xeran residuos cuxa xestión representa un gasto para as mesmas, o certo é que poderían chegar a converterse nun ingreso ou un aforro.
- A reciclaxe e a valorización outorgan unha segunda oportunidade aos refugallos para substituír a outros materiais, operacións que, en moitos casos, propician un ingreso extra para as compañías.
Cerceda, a 16 de abril de 2021.- Nos últimos anos, o correcto tratamento dos residuos converteuse nunha prioridade para as industrias, toda vez que a xestión sostible dos mesmos contribúe en gran medida á protección ambiental, sendo un factor de peso á hora de avaliar o compromiso do tecido industrial coa contorna.
Se ben as empresas producen refugallos cuxa xestión representa un gasto para as mesmas, o certo é que poderían chegar a converterse nun ingreso ou un aforro. O que para unha industria pode ser un residuo, para outra pode ser a súa materia prima ou un valioso subproducto.
A lexislación vixente establece unha xestión xerarquizada para os residuos, priorizando os procesos con menor impacto para o medio ambiente e a saúde. A prevención e a redución constitúe a máxima a seguir. Unha vez xerados, a reutilización é a alternativa máis sostible, xa que permite un posterior uso sen transformalos. Pola súa banda, a reciclaxe e a valorización outorgan unha segunda oportunidade aos refugallos para substituír a outros materiais, operacións que, en moitos casos, propician un ingreso extra para as compañías.
Neste marco, cobra relevancia o proxecto europeo PolynSPIRE., cuxo principal obxectivo é demostrar un conxunto de solucións innovadoras, rendibles e sostibles a fin de mellorar a eficiencia enerxética e de recursos dos procesos de reciclaxe de plástico posconsumo e postindustrial.
Liderado polo centro tecnolóxico CIRCE desde España e financiado pola Comisión Europea con 8 millóns de euros, está a axudar a industrias de sectores tales como a construción, a automoción ou a téxtil a mellorar a súa eficiencia e competitividade a través do aforro de enerxía nos procesos de reciclaxe de materiais plásticos.
Fonte: FuturEnviro
Imaxe: Pexels