Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

O tabaco, un gran dano para a saúde e o medio ambiente

Print this pagePrint this page
  • A planta do tabaco necesita grandes cantidades de produtos químicos e reguladores do crecemento, extremo que empobrece o solo, conduce á deforestación e prexudica a saúde dos granxeiros locais de países subdesenvolvidos.
  • A manufactura e a distribución do tabaco teñen tamén efectos moi contaminantes para a contorna, xa que consome gran cantidade de recursos naturais e humanos, e emprega contaminantes, xerando enfermidades.
  • Os nenos constitúen a poboación máis vulnerable ao tabaco de terceira man dada a súa inmadurez inmunolóxica, desenvolvemento incompleto e tempo de exposición.
  • Dous terzos das cabichas acaban no medio ambiente, configurándose como lixo tóxico presente nas rúas, desaugues, auga e mar.

Cerceda, a 11 de xaneiro de 2019.- Máis aló dos seus nocivos efectos sobre a saúde, o tabaco tamén causa un importante dano ao medio ambiente. Así se puxo de manifesto nun editorial da Sociedad Española de Neumología y Cirugía Torácica (SEPAR) sobre o posicionamiento da Organización Mundial da Saúde (OMS) respecto do tabaco e o medio ambiente, publicado en “Archivos de Bronconeumología”, a revista científica de SEPAR.

ENFERMIDADES, DEFORESTACIÓN E CONTAMINACIÓN

A OMS fixo público un informe no que se evidencia o negativo impacto que as plantacións de tabaco e o seu curado posterior teñen sobre o medio ambiente e a saúde de quen o cultiva. Explícase polo feito de que a planta do tabaco necesita grandes cantidades de produtos químicos e reguladores do crecemento, extremo que empobrece o solo, conduce á deforestación e prexudica a saúde dos granxeiros locais de países subdesenvolvidos, toda vez que acaban desenvolvendo a enfermidade do tabaco verde, caracterizada por síntomas tales como náuseas, vómitos, cefalea, debilidade muscular e vertixe.

Ademais de todo isto, o uso de pesticidas tales como o dicloro difenil tricloroetano (DDT) e outros contaminantes orgánicos persistentes que están prohibidos en países desenvolvidos, afectan negativamente á saúde por exposición crónica, ata en persoas que non cultivan directamente o tabaco. É o caso de trastornos no nacemento, tumores, cambios xenéticos, desordes endocrinos, sanguíneos, neurolóxicos e psiquiátricos.

Noutra orde de cousas, calcúlase que son necesarias 11,4 toneladas métricas ao ano de bosque para o curado das follas de tabaco, coa particularidade de que, unha vez que este xa se produciu, precísase máis para o empaquetado e o papel de cada cigarro. Unha deforestación que provoca un aumento das emisións de CO2, contribúe ao cambio climático, á perda de biodiversidade, á desertización e ao aumento da erosión do solo, diminuíndo a súa fertilidade e produción, e alterando o ciclo da auga.

Pola súa banda, a manufactura e a distribución do tabaco teñen tamén efectos moi contaminantes para o medio ambiente, xa que, tal e como manifesta o Dr. Jose Ignacio de Granda, consome gran cantidade de recursos naturais e humanos, e emprega contaminantes tales como pesticidas, produtos químicos, xeo seco, axentes decolorantes, papel, plásticos, acetatos, cartón e aluminio, xerando enfermidades.

OS NENOS, OS MÁIS VULNERABLES

Algúns destes contaminantes son o tabaco de terceira man ou TTM, que son residuos químicos nun ambiente pechado do tabaco de segunda man (TSM) ou corrente secundaria do tabaco. Estes residuos químicos acumúlanse no po, as superficies, os obxectos ou as cortinas, con negativos efectos sobre a contorna e a calidade do aire. Todo apunta a que os nenos constitúen a poboación máis vulnerable dada a súa inmadurez inmunolóxica, desenvolvemento incompleto e tempo de exposición, alertando o editorial do aumento de risco de cancro en nenos expostos ao TTM.

Pero o TTM non só contamina espazos pechados, como os fogares onde viven nenos, senón tamén espazos abertos. A nicotina e os produtos da súa degradación atópanse en augas residuais e poden persistir en plantas de reciclaxe tralo tratamento das augas. De feito, a nicotina presente en augas residuais xa se está utilizando como marcador para pescudar o patrón de consumo de tabaco de distintas poboacións.

LIXO TÓXICO

Dous terzos das cabichas do tabaco acaban no medio ambiente, configurándose como un dos residuos máis comúns e abundantes na contorna. Isto é o que se chama “tabaco de cuarta man” (TCM). Aos residuos tóxicos que conteñen, habería que sumar os produtos químicos tóxicos e que acaban como lixo nas rúas, desaugues, auga e mar.

Neste marco, requírese maior concienciación sobre o alcance dun problema, o tabaco, con enormes prexuízos para a vida en toda a súa amplitude.

Fonte e imaxe: SEPAR

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Xan 2019

Galería