SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Orde, limpeza, solidariedade e protección ambiental, valores do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria

Print this pagePrint this page
  • Promove un concurso “Coidemos o noso centro” que ten por obxecto sensibilizar ao alumnado na necesidade de coidar e protexer o que os rodea coma se fose o seu propio fogar, fomentando ao mesmo tempo a corresponsabilidade e o traballo cooperativo.
  • Esta iniciativa compleméntase con outras de gran repercusión tales como a campaña solidaria “Agasallo un libro, un cd, unha película, suxiro outra ...”, a través da cal se recadan agasallos de utilidade para persoas necesitadas.
  • Tamén cabería reseñar Radio Xograr, onde se difunden novas de interese que complementan a formación dos pupilos, así como a Rede do Alumnado Axudante, integrada por estudantes que se forman para axudar a compañeiros con problemas.
  • En definitiva, un centro exemplar para camiñar cara a un futuro mellor no que prime a responsabilidade e o compromiso.

Cerceda, a 11 de xaneiro de 2018.- A preocupación polo coidado do medio ambiente vén de outrora no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo). Non en van, foi un dos primeiros centros que mostrou interese en coñecer as entrañas de Sogama cando esta Sociedade comezou a dar os seus primeiros pasos, fai xa moitos anos, no programa de visitas ás súas instalacións, polas que hoxe xa pasaron máis de 75.000 persoas.

Os profesores e o alumnado deste centro sarriano apuntábanse a este programa, non sen antes preparar a fondo nas aulas a visita e estudar a conciencia a actividade de Sogama para logo consultar todas as dúbidas sobre a mesma e ata complementar información. O amplo coñecemento e comportamento exemplar dos seus estudantes quedou gravado no acervo desta empresa pública, así como o trato afable e próximo dos seus docentes. Distintas xeracións de escolares deste instituto xa forman parte da historia de Sogama, circunstancia que enorgullece a esta entidade pública.

E, como a súa capacidade de superación e innovación non ten límites, o Xograr Afonso Gómez sorprendeu  cunha nova iniciativa.  Trátase de “Coidemos o noso centro”, un concurso que puxo en marcha o pasado ano e que ten como obxectivo sensibilizar aos alumnos e alumnas da importancia da orde, a limpeza e o coidado dos materiais e instalacións. Co mesmo mimo e dedicación coma se fose o seu propio fogar. Unha acción coa que a Dirección pretende fomentar a corresponsabilidade e o traballo cooperativo.

O persoal de limpeza implicouse nesta magnífica actividade cunha avaliación diaria do estado das aulas de 1º, 2º e 3º de ESO durante o primeiro trimestre do presente curso académico. E, malia a conduta exemplar de todos eles, resultou gañador o alumnado de titoría de 2º de ESO, que foi obsequiado con distinto merchandising de Sogama.

A iniciativa compatibilízase con outras de gran interese e alcance coas que se pretende abundar e traballar nos valores ambientais, como é o caso do aforro no consumo de papel e o aforro enerxético.

OUTRAS ACCIÓNS

Pero o IES sarriano veu traballando noutras accións de gran potencial. É o caso da campaña solidaria “Agasallo un libro, un cd, unha película, suxiro outra ...”, articulada entre a biblioteca do centro e o departamento de Relixión co obxectivo de que todos os membros da comunidade educativa (desde o profesorado ata o alumnado, pasando por pais e nais, e persoal de servizos) aportasen un libro, un tebeo, un cd de música ou unha película para ofrecer como agasallo cultural a persoas necesitadas. O material recadado entregouse a Cáritas Sarria.

Radio Xograr é outra das actividades de calado, destacando, na súa máis recente emisión, o fermoso  poema composto e lido pola profesora de galego María Xosé López Castro, contra a violencia de xénero.

O programa, que se emite todos os venres, de 11:15 a 11:40 horas, e que coordina Miguel, o profesor de francés, difunde cuestións de gran interese tales como recordatorios sobre o correcto uso do móbil, os concursos en vigor, as actividades extraescolares e complementarias, sen esquecer o apartado de chistes e análises críticas sobre as “mentiras” de internet. E todo isto aderezado con música en lingua inglesa e francesa.

Outra das actividades que chama a atención é a Rede de Alumnado Axudante do centro, que se forma especificamente para aprender como actuar e ofrecer axuda a compañeiros con dificultades no ámbito escolar (integración, convivencia, problemas persoais, etc).

En definitiva, un centro exemplar en formación integral que permite recuperar a ilusión nun futuro mellor no que prime a responsabilidade e o compromiso.

Desde Sogama, os noso máis sinceros parabéns.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Xan 2019

Galería