SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

“Os centros escolares adscritos ao Plan Proxecta cubriron moi por riba as expectativas”

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Así o trasladou o Director Xeral de Educación, Formación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, quen definiu este Plan como unha ferramenta educativa coa que se busca a integración, na planificación anual dos centros, de programas postos en marcha por entidades alleas ao sistema educativo, fomentando dinámicas que sirvan para desenvolver as competencias básicas e a educación en valores.

•Engadiu que o Plan Proxecta conseguiu aglutinar, para o curso 2012-2013, 18 programas dependentes de distintas Consellerías que ata agora estaban dispersos.

•Así mesmo, sinalou que máis dun terzo dos centros efectuaron as correspondentes solicitudes de adhesión a esta iniciativa e anunciou que o próximo 1 de decembro levarase a cabo unha xornada de formación inicial á que asistirán máis de 800 docentes de primaria e secundaria coa pretensión de “recibir información sobre o plan, efectuar unha exposición de casos prácticos e proceder á transferencia do coñecemento e a innovación para que tamén chegue á sociedade e ás familias”.

•Considera que en maior ou menor medida, todos os programas que participan en Proxecta teñen impacto, aínda que o máis seguido, fundamentalmente pola súa antigüidade e tradición, é a Axenda 21 Escolar, que traballa no ámbito da sostibilidade ambiental

Cerceda, a 25 de outubrode 2012.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente, en estreita coordinación coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, lanzou, a través do Plan Proxecta, o programa “Recíclate con Sogama”, orientándoo a 16 centros públicos de infantil e primaria dependentes da Xunta de Galicia.

Estes colexios serán dotados con contedores ecolóxicos de recollida selectiva para depositar nos mesmos os distintos tipos de residuos tales como envases de plástico, latas e briks, papel/cartón e restos non reciclables. O obxectivo é que os escolares aprendan a separar axeitadamente os desperdicios xerados e que logren extrapolar este hábito aos seus fogares, propiciando a recuperación da maior porcentaxe posible de material; unha imperiosa necesidade na nosa comunidade, toda vez que os índices de reciclado sitúanse en tan só o 10 por cento, cifra inferior ao 15 por cento nacional e ao 25 por cento europeo.

Ademais, os centros que dispoñan de servizo de comedor, se lles subministrará igualmente un composteiro co que poderán fabricar un abono de excelente calidade para fertilizar os seus xardíns e hortas.

Esta iniciativa canalizarase a través do Plan Proxecta, ferramenta educativa dependente da Dirección Xeral de Educación, Formación e Innovación Educativa coa que se busca a integración, na planificación anual dos centros, de programas postos en marcha por entidades alleas ao sistema educativo, fomentando dinámicas que sirvan para desenvolver as competencias básicas e a educación en valores para a vida e a convivencia, o que permitirá unha interacción máis enriquecedora co contorno.

Así o explicou Manuel Corredoira López, Director Xeral de Educación, Formación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, precisando que, deste xeito, o Plan Proxecta consegue aglutinar 18 programas dependentes de distintas Consellerías (Medio Ambiente, Medio Rural, Economía e Industria, Sanidade, Traballo e Presidencia) que ata agora estaban dispersos.

Neste sentido, sinalou que a resposta dos centros foi moi satisfactoria (máis dun terzo efectuou as correspondentes solicitudes de participación voluntaria), e isto malia que é o profesorado sobre o recae a maior carga de traballo, debendo elaborar un proxecto de innovación a implantar ao longo do ano.

XORNADAS FORMATIVAS E CERTIFICACIÓNS

Así mesmo, explicou que o próximo 1 de decembro levarase a cabo unha xornada de formación inicial do Plan Proxecta que terá lugar no IES Universidade Laboral de Culleredo (A Coruña) e á que asistirán máis de 800 docentes de primaria e secundaria; unha cita cuxo obxectivo é “proporcionar información sobre o plan, realizar unha exposición de casos prácticos e proceder á transferencia do coñecemento e a innovación para que chegue á sociedade e ás familias”.

Corredoira tamén sinalou que o próximo mes de maio celebraranse as III Xornadas de Innovación Educativas coa pretensión de poñer en común os traballos de innovación, contando igualmente coa participación de diversos expertos. Porque está convencido de que a escola avanza cos profesores, a innovación e o traballo.

Outro dos atractivos do Plan Proxecta son as certificacións que reciben os docentes, outorgando valor na súa promoción profesional, concibíndoas como unha maneira de recoñecer o seu traballo porque esixe dedicación, organización e a procura de novas liñas pedagóxicas e metodolóxicas.

O emprego das novas tecnoloxías é outra das características do Plan que nos ocupa, permitindo unha maior coordinación e axilidade nas comunicacións cos distintos interlocutores. Para isto cóntase cun portal específico no sitio web da Xunta de Galicia. E un exemplo podería ser tamén o Proxecto Redeiras, que se configura como unha rede de comunicación e conexión entre os profesores.

O Director Xeral desvelou que, en maior ou menor medida, todos os programas que participan en Proxecta teñen impacto, aínda que o máis seguido, pola súa antigüidade e tradición, é a Axenda 21 Escolar, que traballa no ámbito da sostibilidade ambiental.

Saúdos, Departamento de Comunicación

25 Out 2012

Galería