SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

“Os científicos non temos dúbida de que o cambio climático é unha realidade”

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Así se expresou o director de Meteogalicia, Vicente Pérez Muñuzuri, nunha entrevista concedida a Radio Líder Galicia, onde deu a coñecer o cometido do organismo que dirixe, así como todo o entramado vinculado ás predicións meteorolóxicas.

•Neste sentido, incidiu na complexidade que supoñen as predicións estacionais, dado que nas mesmas inflúen moitos factores tales como os océanos. E como exemplo puxo aos franceses, que auguraban un verán catastrófico en 2013 para España, cando en realidade se puido gozar de sol e unha magnífica temperatura.

•Entende que o cambio climático está aí e que hai probas evidentes do mesmo, asegurando que “estamos asistindo a un quentamento progresivo e sostido da atmosfera desde a Revolución Industrial que se foi acentuando nos últimos anos pola emisión de gases de efecto invernadoiro”.

•Considera que, se ben non podemos evitar as catástrofes naturais, si temos capacidade para adaptarnos e prepararnos para resistilas, tanto a nivel de infraestruturas como de sistemas de predición e prevención.

Cerceda, a 20 de xaneiro de 2014.- O tempo converteuse nun tema recurrente nas conversas da poboación, constituíndo as predicións meteorolóxicas de cada día unha cuestión que está en boca de todos.

E é que moitas das actividades cotiás que levamos a cabo están condicionadas e influenciadas en certa medida pola meteoroloxía, de aí que non sexa de estrañar o crecente interese na mesma. Así o confirmou Vicente Pérez Muñuzuri, Director de Meteogalicia, con motivo da súa intervención no programa “Galicia al Natural” de Radio Líder, onde explicou que o organismo creouse en 1999, fai agora 15 anos, no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e a Universidade de Santiago de Compostela.

O seguimento cidadán do labor de Meteogalicia é tal, que o seu sitio web está entre os dez máis visitados da comunidade autónoma, acumulando, nin máis nin menos, que 200 millóns de páxinas vistas ao ano.

No mesmo o internauta pode atopar as predicións típicas, o mapa de pronóstico para a mañá, tarde e noite, predicións específicas por concellos, predicións marítimas, avisos de fenómenos meteorolóxicos adversos, datos en tempo real de boias en embalses e na costa, información do radar meteorolóxico, predicións moi concretas para sectores tales como a pesca e a agricultura, etc.

Neste sentido, incidiu na complexidade que entrañan as predicións estacionais, e como exemplo puxo aos franceses, que auguraban un verán catastrófico en 2013 para España, cando en realidade se puido gozar de sol e unha magnífica temperatura. O pronóstico non se cumpriu, extremo que non sorprende a Muñuzuri, toda vez que nunha predición estacional inflúen moitos factores, entre eles os océanos. Axustar as predicións constitúe para él todo un reto de futuro.

“O QUENTAMENTO GLOBAL ESTÁ AÍ”
Tamén confirmou que o cambio climático está aí, asegurando que “os científicos non temos dúbida de que é unha realidade”. E nisto foi taxativo, pois está suficientemente constatado que, desde a Revolución Industrial, houbo un quentamento progresivo e sostido da atmosfera que se foi acentuando durante os últimos anos pola emisión de gases de efecto invernadoiro.

Manifestou que esta situación estase a evidenciar a través de cambios nas precipitacións, xa que non chove de forma tan continuada, dándose fenómenos extremos moito máis frecuentes. É por isto que apelou á necesidade de traballar para mitigar o cambio climático e adaptarse a el, considerando que “se ben se está dando cumprimento ao protocolo de Kioto, o realmente difícil é que os países se poñan de acordo sobre a redución de gases de efecto invernadoro”.

“ESTAMOS MELLOR PREPARADOS PARA AFRONTAR AS CATÁSTROFES NATURAIS”
Tahití, Fukushima, Pakistán, China, Azerbaixán, Guatemala, Filipinas, etc, son, entre outros, exemplos de catástrofes naturais con serias consecuencias para os territorios e as poboacións. O máximo responsable de Meteogalicia está convencido de que o máis importante é adaptarse, subliñando que “Galicia está mellor preparada que fai 20 anos, tanto en infraestruturas como en sistemas de predición e prevención, para facer fronte a fenómenos asociados ao clima, e paliar deste xeito os efectos destrutivos dos mesmos”.

Saúdos, Departamento de Comunicación

20 Xan 2014

Galería