SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Os colexios adscritos a "Recíclate con Sogama" son formados na xestión sostible dos RU

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O obxectivo último destas xornadas didácticas, nas que participarán 2.500 escolares, é que estes consigan visualizar os residuos como recursos no marco dunha economía circular cara á que a sociedade debe transitar.
  • Así mesmo, preténdese que trasladen as boas prácticas ambientais ao seu ámbito familiar e social, converténdose en verdadeiros prescritores da sustentabilidade.
  • Os centros recibirán tamén un xogo físico de Sogama “O tour dos tres erres”, que lles servirá para reforzar coñecementos e pasar un intre divertido cos seus compañeiros e profesores

Cerceda, a 13 de xaneiro de 2022.- Tras unha primeira fase de diagnóstico, preto de 2.500 escolares de Educación Primaria e máis de 200 docentes que participan no programa “Recíclate con Sogama” 2021-2022, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, serán formados durante o presente mes na xestión sostible dos residuos urbanos por parte de monitores ao servizo desta empresa pública.

Se ben a situación de partida en cada un dos 24 centros adscritos a esta iniciativa é boa, tendo constatado durante a primeira visita de diagnóstico realizada por técnicos de Sogama que dispoñen dos coñecementos básicos sobre a correcta xestión dos refugallos, o certo é que aínda existen dúbidas ao redor da recollida selectiva de determinados materiais e contedor de destino.

O obxectivo último destas xornadas didácticas e formativas é que os pequenos consigan visualizar os residuos como recursos no marco dunha economía circular cara á que a sociedade debe transitar, abandonando o caduco sistema lineal de usar e tirar.

Os colexios xa dispoñen dos medios materiais, didácticos e divulgativos para desenvolver os seus proxectos, nos que contarán co permanente asesoramento de Sogama a fin de que, a través de distintas actividades, implanten nas aulas as boas prácticas orientadas a reducir a xeración de residuos, a alongar a vida útil dos produtos antes de que se convertan en refugallos e a segregalos por tipoloxías para que poidan ser reciclados. A pretensión é que estes hábitos se trasladen ao seu ámbito familiar e social, e que mesmo os escolares leven a cabo unha tarefa educativa na súa contorna máis inmediata, converténdose en verdadeiros prescritores da sustentabilidade.

Os centros recibirán tamén un xogo físico de Sogama “O tour dos tres erres”, que lles servirá para reforzar coñecementos e pasar un intre divertido cos seus compañeiros e profesores.

DÚAS VISITAS MÁIS

Concluida esta fase de formación, os educadores de Sogama regresarán aos centros durante o segundo e terceiro trimestre do curso académico para avaliar o traballo realizado nos mesmos e caracterizar os contedores subministrados pola entidade (amarelo, azul e verde) para pór en marcha as denominadas illas de reciclaxe, nas que a comunidade educativa deposita os distintos residuos xerados no recinto escolar para propiciar a súa reciclaxe.

A maiores, aqueles que contan con servizo de comedor ou ben que xeran unha importante cantidade de materia orgánica, dispoñen tamén dun composteiro para valorizar esta fracción mediante a súa transformación en compost, un abono natural que regresa á terra para dar unha nova vida.

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Xan 2021

Galería