SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Os concellos adscritos a Sogama reducen a produción de residuos e incrementan a reciclaxe

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Tomando como referencia os datos de 2018, a menor xeración de refugallos (nun 1,31%) tivo lugar nas catro provincias. Pola súa banda, a recuperación de envases lixeiros viuse incrementada nun 9,71%, cifra que ascende ao 28,06% en relación ao ano 2015.
  • Así mesmo, a empresa conseguiu recuperar, do lixo en masa, máis de 81.000 toneladas de materiais, pretendendo chegar ás 100.000 este mesmo ano.
  • A ampliación do Complexo Medioambiental de Sogama e a súa firme aposta pola innovación tecnolóxica, fará posible que a compañía tamén alcance este exercicio o vertido técnico cero.
  • A Xunta de Galicia, a través de Sogama, mantén en 2020  a rebaixa do canon, nos mesmos termos de 2019, abríndoa incluso a aqueles entes locais que non se acolleran no seu momento á mesma ou ben non desen cumprimento aos requisitos establecidos.
  • O obxectivo do goberno autonómico é que estes se beneficien dunha segunda oportunidade, propiciando que os cidadáns paguen menos pola xestión dos seus residuos e contribúan a protexer o medio ambiente.

Cerceda, a 11 de febreiro de 2020.- No marco do Plan galego de Xestión de Residuos e a Estratexia de Economía Circular, Galicia avanza no bo camiño cara ao cumprimento dos dous grandes obxectivos europeos en materia de residuos: reducir a súa produción e incrementar o seu reciclado.

Así o evidencian os datos de Sogama correspondentes ao ano 2019. Das 799.454,49 toneladas de bolsa negra (lixo convencional recollido a través dos contedores verdes) recepcionadas nas súas instalacións de Cerceda en 2018, baixouse ás 789.014 toneladas o pasado ano, o que se traduce nun 1,31% menos, marcando unha tendencia á baixa que  Xunta e Sogama confían en manter durante os próximos anos a través de incentivos ambientais e económicos, reforzados con permanentes campañas de formación e concienciación social.

Neste sentido, cabe recordar que, en 2019, a Sociedade Galega do Medio Ambiente aplicou unha rebaixa do 10% no canon que deben abonar os concellos polo tratamento dos seus residuos, estando esta supeditada a dous requisitos: promover a redución de refugallos en orixe e/ou reciclaxe dos envases lixeiros (bolsa amarela) e trasladar esta bonificación aos cidadáns.

Dos 295 concellos adscritos a Sogama, 224 acolléronse a esta medida, estimándose un aforro de aproximadamente 5 millóns de euros, ademais dos conseguintes beneficios ambientais. A redución media da xeración de lixo tivo lugar nas catro provincias galegas.

Tal e como se anunciou no DOG do pasado 23 de xaneiro, a Xunta de Galicia, a través de Sogama, mantén en 2020  a rebaixa do canon, nos mesmos termos de 2019, abríndoa incluso a aqueles entes locais que, no seu momento, non se acolleran á mesma ou ben que non deran debido cumprimento aos condicionantes establecidos. O obxectivo do goberno autonómico é que estes se beneficien dunha segunda oportunidade, propiciando que os cidadáns paguen menos pola xestión dos seus residuos e contribúan a protexer o medio ambiente a través da prevención e redución, así como dunha maior reciclaxe.

RECICLAXE, AO ALZA

No caso da reciclaxe da bolsa amarela, a evolución tivo un carácter ascendente durante os últimos cinco anos, pasando das 22.119,07 toneladas recibidas na Planta de Clasificación de Sogama en 2015 ás 25.818,89 de 2018 e ás 28.326,59 toneladas de 2019.

Respecto de 2018, a recuperación desta fracción viuse incrementada nun 9,71% e, se tomamos como referencia o 2015, esta porcentaxe sobe ata o 28,06%.

Así mesmo, a compañía conseguiu recuperar, do lixo convencional, máis de 81.000 toneladas de materiais (aceiro, aluminio, vidro, plásticos, etc) que foron enviados aos centros recicladores, confiando en alcanzar este mesmo exercicio as 100.000 toneladas.

INNOVACIÓN TECNOLÓXICA E COLABORACIÓN CIDADÁ

Trala ampliación do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, esta infraestrutura conta cunha nova planta para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa. En liña coa industria 4.0 e, utilizando as tecnoloxías máis vangardistas, consegue segregar ata 11 tipoloxías de refugallos que remite aos centros recicladores para darlles unha nova vida.

Con esta instalación e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, o Complexo cercedense, todo un referente a nivel mundial en termos de eficiencia, innovación e modernidade, conta xa con capacidade para tratar en condicións óptimas 1 millón de toneladas anuais (un 81% máis que en 2018), podendo recibir, se así fose necesario, todos os residuos urbanos producidos en Galicia.

Esta mellora permitirá a Sogama seguir aumentando de forma exponencial a súa achega á reciclaxe e alcanzar este mesmo ano ao vertido técnico cero, desviando a vertedoiro, única e exclusivamente, a parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente. Desta forma, Galicia adiántase en 15 anos ao cumprimento das directrices establecidas polo Parlamento Europeo para todos os Estados membros en 2035.

A maior colaboración dos galegos e a firme aposta desta empresa pública pola innovación tecnolóxica, fará posible que Galicia sexa un exemplo a seguir en economía circular: protexendo a contorna, velando pola saúde das persoas e o seu benestar, e creando emprego verde de calidade.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Feb 2020

Galería