Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Os escolares adscritos a "Recíclate con Sogama" son formados na separación de lixo

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Trala subministración de medios materiais e didácticos, educadores ao servizo desta entidade pública desprazáronse aos colexios para abundar nos pormenores do sistema de recollida selectiva e, desta forma, disipar dúbidas e corrixir erros.
  • Tamén se detiveron en avaliar a operativa de compostaxe doméstica no caso daquelas escolas que contan con servizo de comedor e horta ou xardín no que aplicar o abono resultante.
  • Concluído o primeiro bloque de actividades, os monitores realizarán novas visitas de seguimento para avaliar os proxectos realizados en cada caso e abordar os axustes pertinentes a fin de que estes conclúan de forma exitosa.

Cerceda, a 12 de xaneiro de 2018.-  Tras unha visita inicial de diagnóstico e recollida de datos, educadores ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente desprazáronse de novo aos 22 centros educativos de primaria que este curso académico participan no programa “Recíclate con Sogama ” para impartir charlas presenciais, tanto informativas como formativas, sobre segregación de residuos en orixe, que foron complementadas en todos os casos con dinámicas e sesións prácticas. O obxectivo era que os alumnos tivesen a oportunidade de interactuar cos monitores para consultar dúbidas e, desta forma, corrixir posibles erros.

 AO CONTEDOR AMARELO, SÓ ENVASES

A través de exposicións, presentacións e vídeos trasladouse aos pequenos os conceptos de maior interese de cara a propiciar unha correcta separación en orixe dos distintos materiais que conforman o lixo, instruíndose sobre os recipientes de destino. Neste sentido, cabe recordar que todos os colexios participantes contan con senllas illas de reciclaxe subministradas no seu momento por Sogama  e conformadas por tres contedores (amarelo, azul e verde) para a recollida diferenciada de latas, briks e envases de plástico; papel e cartón; e fracción resto.

Se ben, en termos xerais, constatouse unha gran bagaxe por parte dos pequenos respecto do sistema de recollida selectiva, o certo é que se percibiu certa confusión en torno ao contedor amarelo, toda vez que se identifica con plásticos en xeral cando, en realidade, está deseñado para acoller, única e exclusivamente, envases e envoltorios de plástico, ademais de latas e briks.

Polo demais, o nivel de coñecementos na materia cualificouse como bo, malia confusións anecdóticas en torno a outros recipientes tales como o azul, no que unicamente deben depositarse os envases de cartón e papel, evitando os plastificados, de calco, sucios ou con restos de graxa, ou o iglú verde, concibido para os envases de vidro, nunca para restos de cristalerías, espellos, lámpadas ou vidros especiais tales como parabrisas de coches.

 Os escolares tamén evidenciaron gran interese pola compostaxe doméstica. De feito, os colexios que contan con servizo de comedor, así como de horta ou xardín, recibiron de mans de Sogama un composteiro que alimentan cada día con restos orgánicos a fin de sometelos a un proceso de fermentación controlada e transformalos nun abono natural con extraordinarias propiedades nutritivas para o solo. Algúns solicitaron a axuda dos educadores para que comprobasen in situ a operativa e verificasen se esta se axustaba ao protocolo deseñado.

Neste marco, as charlas formativas, amenizadas por sesións prácticas, concibíronse como un complemento aos diversos medios didácticos dispensados por Sogama  e que tomaron a forma de unidades didácticas, manuais, carteis, folletos e xogos online, materiais todos eles que xa obraban en poder dos centros para ir traballando a reciclaxe desde as aulas.

NOVAS VISITAS PARA UN RESULTADO EXITOSO

Tras un  intenso primeiro bloque de actividades, os colexios xa se atopan traballando nos seus respectivos proxectos. En breve recibirán o xogo xigante “Un partido polo planeta”, co que poderán poñer a proba os seus coñecementos, pero dunha forma divertida, e, acto seguido, os monitores efectuarán novas visitas de seguimento a través das cales avaliarán, de forma provisional, os progresos constatados á vez que corrixirán malas prácticas. Estas novas visitas serán aproveitadas para recoller mostras dos distintos contedores que conforman as illas de reciclaxe e, desta forma, analizar se a segregación de residuos ese está  realizando de forma axeitada ou se, pola contra, é necesario introducir algunha corrección de cara a mellorar o resultado final.

A calidade do material será un dos parámetros a analizar nas memorias finais que os centros deben presentar a final de curso a través da aplicación informática do Plan Proxecta, no que se integra o programa Recíclate con Sogama, e cuxo principal obxectivo é a educación en valores.

Saúdos, Departamento de Comunicación

12 Xan 2018

Galería