SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Os españois sitúanse entre os europeos máis proclives a reducir o consumo de plásticos dun só uso

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así se recolle nun estudo elaborado por IPSOS e no que participaron 28 países de todo o mundo.
  • O 80% dos cidadáns entende que os fabricantes deberían estar obrigados a contribuír á reciclaxe e á reutilización dos envases que producen.
  • Pola súa banda, o 71% considera que os produtos de plástico dun só uso deberían prohibirse canto antes. 
  • Outra das conclusións do informe é que os consumidores premian ás marcas que están atendendo estas necesidades medioambientais nas súas políticas de empresa. Neste punto, os españois posiciónanse por riba da media.

Cerceda, a 22 de novembro de 2019.-  Segundo un estudo promovido por IPSOS baixo o título “Un mundo de usar e tirar”, e que se enmarca na Semana Europea da Prevención de Residuos, que culminará o vindeiro domingo, 24 de novembro, o compromiso para reducir os plásticos dun só uso a nivel mundial viuse incrementado nos últimos anos coa aprobación de medidas por parte de administracións e gobernos.

Os resultados desta enquisa, na que participaron 28 países de distintas partes do mundo, apuntan a que 80% dos cidadáns entende que os fabricantes deberían estar obrigados a contribuír á reciclaxe e á reutilización dos envases que producen.  Pola súa banda, o 71% dos consumidores considera que os produtos de plástico dun só uso deberían prohibirse canto antes. 

Neste sentido, cabe recordar que o Parlamento Europeo aprobou, en 2018, a prohibición, no mercado da UE, de produtos plásticos dun só uso tales como cubertos, bastonciños de algodón, pratos ou palliñas a partir de 2021.

Así mesmo, 3 de cada 4 consumidores mundiais (75%) afirman que queren comprar produtos co menor número de envases de plásticos posible. En España, 8 de cada 10 están de acordo con este compromiso, e o 63% estaría disposto a cambiar o lugar onde compra se iso supón utilizar menos plásticos.

Outra das conclusións do informe é que os consumidores premian ás marcas que están atendendo estas necesidades medioambientais nas súas políticas de empresa. Neste punto, os españois posiciónanse por riba da media.

Non obstante, e malia que os cidadáns son cada vez máis conscientes dos efectos negativos do modelo de desenvolvemento marcado pola tendencia de “usar e tirar”, aínda existe certo grado de descoñecemento sobre a reciclaxe deste material e os seus límites.

No caso das directrices ou normas sobre as formas de clasificar os residuos en orixe, só parecen estar claras para o 53% dos cidadáns.  

O Director Global de Innovación en envases Ian Payne, manifestou ao respecto que “As marcas que ofrecen envases máis sostibles sen comprometer os beneficios ou o prezo, recibirán unha vantaxe competitiva. A nosa enquisa mostra que os resultados positivos son máis probables cando as persoas son incentivadas con sistemas que apoian o comportamento”.

Fonte e imaxe: IPSOS

Saúdos, Departamento de Comunicación

22 Nov 2019

Galería