Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Os residuos plásticos alcanzan as profundidades dos océanos

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A través do histórico de vídeos e fotos recollidas en inmersións durante máis de tres décadas, e que se atopan rexistradas na Base de Datos de Residuos de Augas Profundas, comprobouse que os plásticos dun só uso alcanzaron a trincheira oceánica máis profunda do mundo, onde poden resistir miles de anos.
  • Pola súa banda, expertos do Instituto Alfred Wegener, do AWI, descubriron recentemente cantidades máis elevadas de microplásticos no xeo mariño ártico que nunca antes: 12.000 partículas microplásticas por litro de xeo mariño, unha concentración dúas ou tres veces máis elevada que a rexistrada en medicións anteriores.
  • Reducir a produción de residuos plásticos e xestionalos de forma correcta eríxese nunha prioridade.

Cerceda, a 16 de maio de 2018.- Estudar e avaliar os impactos da xestión incorrecta de residuos plásticos por parte da poboación constitúe unha das principais preocupacións dos gobernos, científicos e comunidades. Só comprendendo con maior precisión o alcance deste problema, poderase facer fronte ao mesmo con garantías.

Neste marco, científicos oceánicos, incluídos os do Centro de Monitoreo da Conservación Mundial de ONU Medio Ambiente, analizaron os números da Base de Datos de Residuos de Augas Profundas que, en 2017, lanzou o Centro Global de Datos Oceanográficos da Axencia Xaponesa de Ciencia e Tecnoloxía Mariña e Terrestre, albergando esta máis de tres décadas de fotos e vídeos de refugallos recollidos por sumerxibles de augas profundas e vehículos operados por control remoto.

O histórico de datos revelou que, a través de 5.010 inmersións, contáronse máis de 3.000 pezas de residuos xerados pola actividade humana, isto é, plásticos, metais, gomas e artes de pesca, estando conformados un terzo dos mesmos por macroplásticos (89% dos cales eran produtos dun só uso). Por baixo dos 6.000 metros de profundidade, máis do 50% dos refugallos eran de plástico, case todos dun só uso.

Baixo o título “Pegada humana no abismo: 30 anos de rexistros de residuos plásticos en augas profundas”, o estudo revela que os plásticos dun só uso alcanzaron a trincheira oceánica máis profunda do mundo. E como exemplo, unha bolsa plástica que foi atopada na Fosa das Marianas, a 10.898 metros.

Unha vez nas profundidades, o plástico pode resistir miles de anos. De aí que urxa reducir a produción de residuos plásticos e levar a cabo unha correcta xestión dos mesmos a través do seu reciclado ou eliminación en condicións controladas.

Fonte: ONU Medio Ambiente

CONCENTRACIÓN DE MICROPLÁSTICOS NO XEO MARIÑO ÁRTICO

Pola súa banda, e tal e como se publicou na revista Nature Communications, expertos do Instituto Alfred Wegener, do Centro Helmholtz de Investigación Polar e Mariña (AWI), descubriron recentemente cantidades máis elevadas de microplásticos no xeo mariño ártico que nunca antes. As mostras de xeo de cinco rexións no Océano Ártico contiñan ata 12.000 partículas microplásticas por litro de xeo mariño, unha concentración dúas ou tres veces máis elevada que a rexistrada en medicións anteriores.

Os investigadores atoparon ata 17 tipos diferentes de plástico no xeo mariño, incluídos materiais de empaquetado como polietileno e polipropileno, así como pinturas, nylon, poliéster e acetato de celulosa, utilizado principalmente na fabricación de filtros de cigarros. No seu conxunto, estes seis materiais representaron aproximadamente a metade de todas as partículas microplásticas detectadas.

Revelaron que o xeo mariño une todo este lixo de plástico durante un período de dous a once anos, o tempo que tarda os témpanos de xeo dos mares marxinais de Siberia ou o Ártico norteamericano en chegar ao estreito de Fram, onde se derreten. Pero tamén debe terse en conta que isto significa que o xeo mariño transporta grandes cantidades de microplástico ás augas da costa noreste de Groenlandia.

Fonte: AWI (Instituto Alfred Wegener)

Foto: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

16 Mai 2018

Galería