SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Os rexedores de Barreiros, Alfoz, Lourenzá e Trabada reúnense co presidente de Sogama a fin de estudar a implantación dun programa de compostaxe doméstica nas súas respectivas localidades

Print this pagePrint this pagePrint this page

Con esta iniciativa, os catro Concellos perseguen maiores beneficios ambientais, pero tamén económicos e sociais, permitíndolles levar a cabo unha xestión máis racional e sostible dos residuos urbanos.

Dadas as características dos seus respectivos territorios, de forma unánime consideraron que o programa pode ser perfectamente viable, toda vez que se trata de recuperar unha práctica tradicional no rural de Galicia, como é a separación da materia orgánica para a fabricación de abono natural e/ou alimento do gando doméstico.

A reciclaxe dos residuos orgánicos nas propias vivendas mediante a súa transformación en compost, permitirá reducir nun 50 por cento a cantidade de lixo a depositar nos contedores xenéricos, diminuíndo a a frecuencia de recollida dos mesmos e o importe da factura que os entes locais deben pagar a Sogama.

Para conseguir estes obxectivos, faise imprescindible levar a cabo unha ambiciosa campaña educativa e de concienciación que se traducirá na organización de cursos de formación destinados á veciñanza participante e outros interesados, así como na edición de material didáctico e divulgativo, e visitas de seguimento "porta a porta".

Cerceda, a 25 de novembro de 2009. - Os Alcaldes dos municipios lucenses de Barreiros, Alfoz, Lourenzá e Trabada, isto é, José Alfonso Fuente, Emilio Lousas, Vidal Martínez-Sierra e José Manuel Yanes respectivamente, mantiveron, na sede de Sogama en Cerceda, un encontro co Presidente desta Sociedade, Luis Lamas, a fin de trasladarlle o seu interese na implantación dun programa de compostaxe doméstica nas súas respectivas localidades.

Para isto, os catro rexedores solicitaron o apoio e respaldo desta empresa pública na execución dunha iniciativa coa que prevén obter importantes beneficios ambientais, pero tamén económicos e sociais. A pesar das particularidades e idiosincrasia de cada territorio, o certo é que a reciclaxe da materia orgánica nas propias vivendas a través da súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, permitirá reducir nun 50 por cento as cantidades de residuos a depositar pola cidadanía nos contedores convencionais, o que traerá consigo unha diminución da frecuencia de recollida dos mesmos por parte dos servizos municipais, ademais dunha menor cantidade de residuos entregados a Sogama e, por conseguinte, un menor importe das facturas emitidas por esta.

O PROXECTO ESTENDERASE A UN TOTAL DE 200 VIVENDAS UNIFAMILIARES

Co fin de manter un exhaustivo control sobre esta nova experiencia e garantir a súa viabilidade, inicialmente incorporaranse ao proxecto un total de 200 vivendas unifamiliares, cuxo número variará en cada localidade en función da poboación e outras variables.

Aínda que, en principio, os fogares participantes se circunscribirán ao ámbito semiurbano e rural, no caso de Barreiros, e dado o seu carácter turístico e o importante número de urbanizacións situadas no seu territorio, avaliarase detidamente qué zonas poderían cumprir con todos os requisitos para formar parte deste programa.

A priori, e tomando como referencia outras iniciativas de similares características, a veciñanza adoita responder bastante ben a este tipo de prácticas, xa que se trata de recuperar unha tradición no rural galego, como é a separación da materia orgánica para alimento do gando doméstico e/ou fabricación de abono.

Ademais, tense constatado que a axeitada clasificación dos desperdicios orgánicos en orixe mellora notablemente a recollida selectiva do resto de materiais, que son depositados nos correspondentes contedores dunha forma máis hixiénica, o que mellora a súa calidade. Con isto propiciarase que as arcas locais poidan incrementar os seus ingresos pola entrega de maior cantidade de material susceptible de ser reciclado aos sistemas integrados de xestión; tal é o caso de Ecoembes (envases de plástico, latas e briks, así como o papel/cartón) e Ecovidrio (botellas, frascos e tarros de vidro).

CONCIENCIACIÓN SOCIAL, A CLAVE DO ÉXITO

O programa a implantar contempla a adquisición de composteiros, isto é, recipientes a subministrar en cada fogar participante para facilitar a elaboración de compost. Non obstante, e co fin de garantir uns resultados satisfactorios, a previsión é levar a cabo unha intensa campaña educativa e de concienciación social, que tomará a forma de cursos de formación, a cargo de expertos na materia, e visitas de seguimento "porta a porta", onde persoal axeitado comprobará o proceso levado a cabo por cada unidade familiar, corrixindo desta forma malas prácticas ou solucionando dúbidas ao respecto. As actuacións de sensibilización reforzaranse coa edición de diverso material didáctico e divulgativo, que servirá de apoio na tarefa informativa e formativa.

As caracterizacións constitúen, pola súa banda, un importante elemento na avaliación progresiva desta iniciativa. Neste sentido, realizarase unha primeira quenda de mostraxes co fin de coñecer con exactitude as porcentaxes de materia orgánica presentes nos contedores xenéricos, que irán diminuíndo conforme avance o programa.  O exame definitivo da implicación cidadá virá coa análise da calidade do compost resultante, que deberá cumprir cos parámetros requiridos pola normativa vixente co fin de ser aplicado, con absolutas garantías, nos propios xardíns e hortas das vivendas que o fabricaron.

En definitiva, trataríase do primeiro proxecto destas características que se pon en marcha na provincia de Lugo, polo que, de resultar exitoso, sería perfectamente extrapolable a outros municipios galegos, permitíndolles levar a cabo unha xestión máis racional e sostible dos RU.

Saúdos, Departamento de Comunicación

25 Nov 2009

Galería