SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A planta de transferencia de Arbo contará con todas as medidas de protección ambiental e da saúde

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O seu labor será, única e exclusivamente, transvasar os residuos procedentes da recollida domiciliaria a contedores de gran capacidade, aptos para ser transportados ao Complexo de Sogama en Cerceda.
  • Non se trata dunha “empacadora”, senón dunha planta de transferencia en nave pechada, equipada coas últimas tecnoloxías, o seu propio sistema de depuración de augas e alimentada por enerxías renovables.
  • Galicia conta a día de hoxe con 37 plantas de transferencia que levan operando desde hai décadas en distintos termos municipais sen incidencias. É o caso da de Guixar (Vigo), en funcionamento desde 1995; a de Ribadumia, desde 1998; e a do Rosal, desde 2001.

Cerceda, a  11 de setembro de 2021.- A futura planta de transferencia de Arbo (Pontevedra) contará con todas as medidas de protección ambiental e de saúde pública. O seu labor será, única e exclusivamente, transvasar os residuos procedentes da recollida domiciliaria a contedores de gran capacidade, aptos para ser transportados, nas mellores condicións, ata o Complexo industrial de Sogama en Cerceda (A Coruña). Polo tanto, nestas instalacións non hai manipulación, nin  almacentamento nin tratamento de residuos.

Tampouco se trata dunha “empacadora”, senón dunha planta de transferencia en nave pechada, equipada coas últimas tecnoloxías, o seu propio sistema de depuración de augas e alimentada con enerxías renovables.

A planta de Arbo transvasará os residuos das denominadas bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks recollidos a través do contedor amarelo) e bolsa negra (fracción non reciclable), e disporá dunha  tolva específica para a materia orgánica recollida  selectivamente a través do contedor marrón que, aos poucos, estase a instaurar nos concellos.

Neste sentido, cabe lembrar que os entes locais teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para proceder á implantación do denominado quinto contedor (marrón). Trátase dunha obriga imposta pola Unión Europea para incrementar as taxas de reciclaxe nos Estados membros, sendo unha competencia municipal. Con todo, a Xunta de Galicia propúxose axudar a través da creación dunha rede de infraestruturas, que contará con financiamento dos Fondos FEDER como resposta da UE á crise da Covid-19. Esta rede estará conformada por catro plantas de compostaxe (Cerceda –xa en funcionamento-, Cervo, Vilanova de Arousa e Verín), apoiadas por 13 plantas de transferencia, entre elas a de Arbo.

37 PLANTAS DE TRANSFERENCIA EN OPERACIÓN

A día de hoxe, Galicia conta con 37 plantas de transferencia situadas estratexicamente polo conxunto do territorio, que dan servizo aos municipios máis próximos para facilitar o transporte dos residuos ao centro de tratamento en Cerceda. Estas instalacións levan operando desde hai décadas en distintos municipios, sen incidencias e con total solvencia e garantías. É o caso da planta de Guixar, en Vigo, en funcionamento desde 1995; a de Ribadumia, desde 1998; e a do Rosal, desde 2001.

Funcionan como módulos intermedios no camiño que debe realizar o lixo desde que se produce ata que se trata, evitando con isto o elevado custo, tanto ambiental como económico, que traería consigo o traslado directo dos refugallos producidos polos 295 concellos adheridos a Sogama ata o seu Complexo.

Son os propios concellos os que están a demandar este tipo de instalacións polas vantaxes que supón contar coas mesmas, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, pois, desta forma, non deben asumir o custo do transporte de residuos a outra planta de transferencia, circunstancia que contribúe á redución das emisións de CO2 á atmosfera.

Así mesmo, estas instalacións, emprazadas habitualmente en parques empresariais, reportan ás arcas locais ingresos derivados das licenzas de obra e IBI, entre outras contraprestacións, coa particularidade de que son un atractivo, xa constatado, para outras industrias que contribuirán á creación de emprego e á xeración de riqueza.

A de Arbo unicamente dará servizo, ademais d e a este municipio, a outros  tres de pequeno tamaño:  Covelo, Crecente e A Cañiza.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Set 2021

Galería