SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A Planta de Transferencia de Curtis incorpórase á rede loxística de Sogama

Print this pagePrint this pagePrint this page

Ubicada no mesmo recinto no que se atopa o punto limpo, foi construída no seu momento pola Consellería de Medio Ambiente e dará servizo aos municipios limítrofes, o que traerá consigo un importante aforro en custos de xestión para as arcas locais.

O Alcalde do Concello de Curtis e o presidente de Sogama formalizaron recentemente un acordo de colaboración mediante o cal persoal do municipio se encargará da operación da instalación, en tanto que esta entidade pública asumirá a explotación e mantemento da mesma, así como o transporte dos contedores de RU.

As estacións de transferencia serven de nódulo de transvasamento de RU dende os camións de recollida domiciliaria a contedores pechados de gran capacidade, aptos para ser transportados, por tren ou estrada, ao Complexo Medioambiental de Cerceda, onde os residuos reciben un axeitado tratamento conforme ás súas características.

Cerceda, a 20 de novembro de 2009. - A recén estreada Planta de Transferencia de Curtis, situada no mesmo recinto no que se atopa o punto limpo da localidade, incorpórase á rede loxística de Sogama, conformada por 24 instalacións destas características distribuídas polo conxunto do territorio galego, ás que habería que sumar as 6 microplantas operativas na provincia de Ourense.

Se ben un total de 19 destas naves son titularidade da Sociedade Galega do Medio Ambiente, a de Curtis, xunto coa de Ponteceso (na provincia de A Coruña), as de A Lama e A Cañiza (na provincia de Pontevedra), e Riotorto (na de Lugo), foron construídas no seu momento pola Consellería de Medio Ambiente, asumindo a súa operación os propios Concellos nos que están emprazadas.

Neste escenario, o Alcalde de Curtis, Javier F. Caínzos, e o presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Luis Lamas, rubricaron recentemente un convenio de colaboración mediante o cal esta empresa pública se encargará da explotación e mantemento da instalación, así como do transporte dos RU procesados na mesma. Pola súa banda, persoal do municipio que xestiona o punto limpo responsabilizarase das tarefas de operación, recibindo para isto a formación necesaria.

Ademais do lixo recollido no municipio de Curtis, a planta dará servizo a outras localidades limítrofes, evitando deste xeito que os camións de recollida domiciliaria teñan que desprazarse directamente ata o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda.

SEGURIDADE, RESPECTO AMBIENTAL E REDUCIÓN DE CUSTOS

A función primordial das estacións de transferencia é a de servir de nódulo de transvasamento de RU dende os camións de recollida  a contedores pechados con capacidade para transportar 20 toneladas cada un. Aínda que son instalacións totalmente inocuas para o medio ambiente, están dotadas das medidas de seguridade e protección máis esixentes. Para isto contan cunha estrutura pechada e illada, evitando desta forma as molestias ocasionadas pola emisión de ruídos e pó, así como de equipos de aspiración e filtrado de aire nas moegas e sistemas de depuración de augas en circuíto pechado.

Dado o hándicap que a alta dispersión da poboación galega supón para a correcta xestión dos residuos, a posta en marcha da rede de Plantas de Transferencia permitiu que esta Sociedade pública poida prestar os seus servizos a todos os Concellos adscritos ao seu sistema en igualdade de condicións, permitíndolles un importante aforro de custos xa que, en lugar de transportar directamente o seu lixo ata o Complexo de Cerceda, fanno ata a estación de transferencia máis próxima.

Ademais, a empresa aplica por tonelada de RU xestionada un canon único e solidario a todos os entes locais, con independencia das súas características e situación xeográfica, incluíndo no mesmo a transferencia, o transporte e o tratamento. Este prezo actualízase anualmente co IPC correspondente.

FUNCIONAMENTO DUNHA PLANTA DE TRANSFERENCIA TIPO

Con independencia das súas dimensións, o esquema de funcionamento é o mesmo en todas as plantas:

[Fase I] O camión de recollida domiciliaria accede ao recinto e, despois de ser pesado, sobe ata unha plataforma superior.

[Fase II] Unha vez situado na posición, realiza a descarga sobre unha moega.

[Fase III] Un sinxelo émbolo introduce os RU nun contedor, sen empacado, apertura de bolsas ou calquera outra manipulación.

[Fase IV] Finalizada a descarga, a instalación queda pechada esperando a chegada do seguinte camión de recollida. Unha vez cheo, o contedor transpórtase ata o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda.

Saúdos, Departamento de Comunicación

20 Nov 2009

Galería