Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Presentada a candidatura de "Saborosa reciclaxe" aos Premios da Semana da Prevención

Print this pagePrint this page
  • Trátase dun libro no que se recollen máis de 60 receitas de cociña a partir de sobras de comidas aportadas pola Escola de Adultos do centro penitenciario de Monterroso, evitando con isto que acaben arroxadas ao cubo do lixo.
  • A publicación, editada coa colaboración de Sogama, forma parte da súa campaña “Reducir para Sumar”, coa que a Sociedade pública participou na última edición da Semana Europea da Prevención.
  • Así mesmo, intégrase no proxecto “A comida non se tira”, promovido pola Escola de Adultos fai un ano co fin de reducir o desperdicio alimentario no penal, sendo aproveitado igualmente para formar aos internos nas vantaxes que, para a saúde, reporta unha dieta equilibrada.
  • Unha vez máis, Pedro Cantero, director da escola e coordinador desta iniciativa, aposta por integrar o medio ambiente no seu programa educativo, convencido do gran papel que este pode desempeñar no proceso de reinserción social.

Cerceda, a 5 de decembro de 2018.- A publicación “Saborosa reciclaxe”, na que se recollen máis de 60 receitas de cociña a partir de sobras de comidas e que foron aportadas pola Escola de Adultos do centro penitenciario de Monterroso (Lugo), foi presentada como candidata aos premios enmarcados na Semana Europea da Prevención de Residuos 2018.

Editada coa colaboración de Sogama no marco da súa campaña “Reducir para Sumar”, coa que concurriu á Semana Europea, forma parte do proxecto “A comida non se tira”, que arancou no penal monterrosino fai un ano baixo a coordinación do director da Escola de Adultos, Pedro Cantero, tamén autor de moitos dos pratos que figuran neste recopilatorio e en cuxa elaboración tamén participaron o propio cociñeiro da institución e persoal docente.

No seu editorial, Cantero refírese a este libro como un paso máis na estratexia medioambiental abordada polo centro desde fai anos, servindo igualmente para formar aos internos nas bondades dunha dieta equilibrada e saudable.

Pola súa banda, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, encargado de introducir o prólogo, apela á responsabilidade e clama por recuperar o valor da comida, á vez que chama a atención sobre a elevada perda de recursos (auga, enerxía, terra, traballo) cando esta é refugada.

FORMAR PARA REINSERTAR

O obxectivo do proxecto “A comida non se tira” era precisamente reducir a cantidade de comida que cada día acababa no cubo do lixo. Para isto, Cantero optou por levar a cabo nun primeiro momento unha tarefa de diagnóstico de partida para pescudar, a través de formularios, que cantidade diaria de alimentos se refugaban, de que tipoloxía e cales eran as razóns deste mal hábito.

Así mesmo, a iniciativa foi aproveitada para fomentar o coñecemento dos alimentos por parte dos internos, así como as súas propiedades nutritivas, unha tarefa que non resulta doada nunha contorna multicultural como pode ser un centro penitenciario.

A aprendizaxe nesta materia veuse reforzando a través de charlas e conferencias impartidas por persoal docente especializado, persoal médico e organizacións sociais tales como Cáritas, expoñendo e dando a coñecer as limitacións ás que se enfrontan moitas familias en situación ou risco de pobreza para acceder a alimentos de calidade cos que satisfacer as súas necesidades nutritivas.

“Saborosa reciclaxe” vén a engrosar o listado de accións medioambientais que, desde fai anos, leva a cabo a Escola de Adultos de Monterroso. Cantero móstrase convencido de que o medio ambiente debe ser un elemento transversal no deseño curricular, toda vez que resulta de gran utilidade no proceso de reinserción social. E esta é unha das cualidades que fan única a candidatura do libro, xa que se trata dunha acción de educación ambiental sustentada sobre a redución, a reutilización e a reciclaxe, e que, ademais, refórzase cunha clara dimensión social, traballando valores fundamentais no proceso de reinserción tales como a solidariedade, o compañeirismo, o traballo en equipo e a empatía.

Ligazón para descarga do libro:  http://www.sogama.gal/sites/default/files/libro de receitas.pdf

Saúdos, Departamento de Comunicación

5 Dec 2018

Galería