Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Preto de 700 inscritos nos cursos de formación online de Sogama

Print this pagePrint this page
  • Estruturados en “básicos” (30 horas lectivas) e “avanzados” (50 horas lectivas), dirixíronse a profesores, cargos políticos, técnicos municipais e membros das Forzas e Corpos de Seguridade.
  • Mentres que nos primeiros priorizouse o coñecemento xenérico da xestión e tratamento de residuos, os segundos vxraron en torno ao paquete europeo de economía circular, dispensando unha formación máis profunda e detallada na materia.
  • Así mesmo, os orientados ao profesorado leváronse a cabo a través da plataforma do CAFI, dependente da Consellería de Educación, canalizándose os restantes desde a propia plataforma educativa de Sogama www.cadernoverde.gal.
  • En todos os casos, técnicos ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente asumiron os labores de titoría.
  • De cara ao próximo período académico 2017-2018, Sogama xa ten programada a impartición dun novo curso online sobre educación ambiental que dirixirá ao corpo docente adscrito á Xunta de Galicia.

Cerceda, a 2 de agosto de 2018.- Preto de 700 persoas inscribíronse nos cursos online promovidos por Sogama de forma gratuita  e orientados á formación na xestión sostible dos residuos urbanos. Cun perfil identificado como “básico” e “avanzado”, estes cursos foron deseñados para adaptarse ás necesidades de públicos concretos tales como profesores adscritos á Xunta de Galicia, tanto de educación infantil como de primaria e secundaria, cargos políticos, técnicos municipais e axentes das Forzas e Corpos de Seguridade (Garda Civil e Policía Local).

Respecto dos cursos básicos, con 30 horas lectivas, foron concibidos para transmitir aqueles coñecementos que permitan aos destinatarios ter unha visión xenérica sobre a xestión e o tratamento dos residuos urbanos en Europa, España e Galicia, proporcionándolles as claves para participar no sistema de forma efectiva. Pola súa banda, os avanzados, con 50 horas lectivas, estiveron máis ligados á economía circular, polo que a formación dispensada no marco destes últimos foi máis profunda e detallada, sempre tomando como referencia o paquete europeo de economía circular.

Non obstante, a problemática representada pola elevada xeración de residuos nas sociedades modernas, o principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), a compostaxe, a actividade industrial de Sogama e a importancia da educación ambiental, constitúen algunhas das cuestións que centraron os temarios en ambos casos.

DESENVOLVEMENTO E AVALIACIÓN

Cabe sinalar que, respecto dos cursos orientados ao profesorado, estes leváronse a cabo a través da plataforma do CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e, no caso dos dispensados a técnicos municipais, cargos políticos (Alcaldes e Concelleiros) e membros das Forzas de Seguridade, materializáronse a través da plataforma educativa da Sociedade Galega do Medio Ambiente www.cadernoverde.gal. Como non podía ser doutro xeito, sempre baixo a titoría de técnicos de Sogama e dispoñendo en ambos casos dun foro no que intercambiar coñecementos, experiencias cos alumnos e dar conta cada día das novas máis destacables no sector dos residuos.

Condición indispensable para aprobar os cursos era que os participantes superasen os test de avaliación correspondentes a cada tema, complementándose, no caso dos docentes, coa elaboración dunha actividade práctica para a aplicación nas aulas do concepto de redución, reutilización e reciclaxe.

Superados os cursos, os profesores adscritos á Xunta de Galicia foron gratificados cos correspondentes certificados expedidos pola Consellería de Educación  e, no caso dos cursos realizados directamente a través da plataforma de Sogama, cos diplomas acreditativos da propia entidade pública.

De cara ao próximo curso académico, Sogama xa ten en previsión impartir un novo curso online, que nesta ocasión centrarase en exclusiva na educación ambiental.

Saúdos, Departamento de Comunicación

2 Ago 2018

Galería