Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Reciclar con todas as súas letras

Print this pagePrint this page

Hoxe é unha xornada especial para todos os que vivimos en Galicia. A celebración do Día das Letras Galegas adquire o seu lado máis ambiental ao coincidir precisamente coa conmemoración do Día Internacional da Reciclaxe. Dúas efemérides singulares que se fusionan nunha mesma data para reforzar a importancia que as verbas teñen á hora de transmitir a esencia da reciclaxe e pedir encarecidamente a colaboración do conxunto dos cidadáns coa pretensión de que os residuos que inevitablemente se producen a diario poidan ser transformados en recursos e que, desde a unidade, logremos pechar o círculo da súa recuperación. Un labor que, sen dúbida, traerá consigo riqueza, emprego, benestar e calidade de vida.

Separar para reciclar, separar para dar unha nova vida, separar para poñer en valor o aparentemente inservible, separar para sumar. Un xesto sinxelo para uns e complexo para outros, habitual para uns e esporádico para outros, interesante para uns e carente de atractivo para outros. Pero de incuestionable valor e utilidade para todos. Porque contribuír á reciclaxe significa contribuír a edificar un mundo mellor, unha tarefa na que as verbas adquiren todo o seu esplendor cando van acompañadas por obras e feitos.

Desde Sogama queremos e desexamos que separar para reciclar se converta, hoxe e sempre, nun xesto sinxelo, habitual e interesante para todos. Só así poderemos escribir xuntos, con todas as súas letras, o camiño que nos guiará cara á verdadeira sostibilidade.

Javier Domínguez Lino 

Presidente de SOGAMA

17 Mai 2018

Galería