Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

A reciclaxe do papel en Europa resiste os desafíos do actual contexto internacional

Print this pagePrint this page
  • Malia a redución da importación de papel europeo para reciclar por  parte de China, o sector alcanzou en Europa o pasado ano unha taxa de reciclaxe do 72,3% e avanza con paso firme cara ao 74% para 2020.
  • Os embates da situación actual estanse a compensar cun progresivo maior uso de papel para reciclar en Europa e noutros países grazas aos investimentos acometidos en capacidades adicionais e a un maior esforzo para garantir a calidade do papel recolectado.
  • E precisamente neste marco emerxe o proxecto europeo ImpactPapeRec, sendo o seu obxectivo incrementar aínda máis a recollida selectiva de papel para reciclar (PfR) e promover estratexias para evitar o seu desaproveitamento.

Cerceda, a 13 de novembro de 2018.- A pesar do desafío que representa o actual contexto internacional, caracterizado, entre outros factores, pola repercusión comercial que tivo a redución da importación de papel europeo para reciclar por parte de China, o certo é que o sector en Europa está resistindo a situación, alcanzando en 2017, e segundo o Consello Europeo de Reciclaxe de Papel (ERPC), unha taxa de reciclaxe do 72,3%, 0,3 puntos porcentuais máis que no ano anterior. Uns datos que evidencian os avances cara a ese firme compromiso de lograr unha taxa de reciclado de papel do 74% en toda Europa para 2020.

Os embates propios de escenario estanse a compensar progresivamente cun maior uso de papel para reciclar en Europa e noutros países debido aos investimentos acometidos en capacidades adicionais e a un maior esforzo para garantir a calidade do papel recolectado para este fin.

E este é o espírito que guiou o proxecto europeo ImpactPapeRec, financiado polo programa Horizonte 2020 da UE e cunha duración de dous anos. Lanzado en Valencia, en febreiro de 2016, o seu principal obxectivo é incrementar aínda máis a recollida selectiva de papel para reciclaxe (PfR) e promover estratexias para evitar o seu desaproveitamento.

A produción de papel e cartón na UE é de 91 millóns anuais de toneladas, situándose o seu consumo en 82 millóns. A recollida de papel para reciclar en fogares, comercios, industrias e oficinas ascende a 82 millóns de toneladas, sendo a taxa de reciclaxe superior ao 70%.

Pero o aumento da dispoñibilidade de PfR non se produciu en todos os Estados membros da UE, coa particularidade de que a calidade do material recolectado non sempre cumpre cos requisitos de reciclaxe.

Para superar ambos escollos, o proxecto focalízase fundamentalmente naqueles países con taxas de reciclaxe de papel por baixo da media, como é o caso de Bulgaria, Polonia e Romanía, así como en países onde o papel xerado nos fogares, pequenas tendas e oficinas recóllese con frecuencia nun fluxo combinado con outros materiais reciclables, como é o caso de Francia e Reino Unido.

SOBRE IMPACTPAPEREC

ImpactPapeRec está conformado por un consorcio de oito países, isto é, Austria, Bélxica, Bulgaria, Francia, Alemaña, Polonia, Romanía e España, sendo a súa principal característica impregnar dun enfoque innovador ás estratexias participativas definidas na recollida selectiva de papel a fin de propiciar unha reciclaxe máis eficiente co compromiso de toda a cadea de valor.

Así mesmo, o proxecto pretende operar como punto de información común europeo, propiciando o intercambio de resultados, experiencias e achados. De feito, desenvolverá un manual de boas prácticas para apoiar ás diferentes rexións da UE na implementación dos mellores procedementos de recollida.

SOBRE EPRC

O Consello Europeo de Reciclaxe de Papel (EPRC) emerxeu como unha iniciativa da industria a finais do ano 2000 co fin de monitorear o progreso cara ao cumprimento dos obxectivos máis ambiciosos na reciclaxe de papel e que se establecen na Declaración Europea sobre a reciclaxe de papel, publicada por primeira vez no 2000, cunha renovación periódica cada cinco anos. O obxectivo actual para a declaración 2016-2020 establécese no 74%.

Fonte: http://www.paperrecovery.org

Imaxe: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Nov 2018

Galería