Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

A reciclaxe no centro penitenciario La Joyita de Panamá, vía para a reinserción social

Print this pagePrint this page
  • Os grandes problemas ocasionados neste penal pola ineficiente xestión dos residuos propiciou a posta en marcha  do proxecto medioambiental “EcoSólidos”, que dou traballo a 850 internos durante tres anos.
  • A través do mesmo, os reclusos posibilitaron  a reciclaxe de 12 toneladas de aluminio e de 15 toneladas de plásticos, ademais de producir 12 toneladas de abono orgánico co que nutren senllos hortos nos que cultivan froitas, hortalizas, flores e ata árbores nativos de Panamá.
  • Grazas a unha maior limpeza, rebaixouse o risco de enfermidades no centro e mellorouse a calidade de vida dos internos, moitos dos cales puideron aprender un oficio no marco desta iniciativa, abrindo a porta á súa reinserción social.
  • A iniciativa conta co apoio do Comité Internacional de la Cruz Roja.

Cerceda, a 14 de setembro de 2018.- As grandes limitacións na xestión dos residuos xerados nos centros penitenciarios de Panamá levou ao de La Joyita, que acolle a uns 4.350 internos, a facer fronte a un problema que estaba creando unha gran inseguridade no ámbito da salubridade. A solución veu da man dun recluso, enxeñeiro agrónomo de profesión e experto en reciclaxe, que, xunto con varios compañeiros, decidiu tomar cartas no asunto e dar vida fai tres anos a un proxecto bautizado co nome de “EcoSólidos”, co que se pretende potenciar os 4 erres, isto é, reducir, reutilizar, reciclar e resocializar. Desde entón, en La Joyita aprovéitase todo e o 90% do lixo é preparado polos internos para ser reciclado.

OCUPACIÓN, BENESTAR E ESPERANZA

Os plásticos e os metais clasifícanse e póñense á venda, e as embalaxes plásticas son encapsuladas en botellas do mesmo material, tomando a forma de ladrillos, con boa saída no ámbito da construción. Os restos orgánicos procedentes do comedor transfórmanse en compost co que abonan os seus hortos (Eco Flora e Sementando Paz) e nos que cultivan froitas, legumes, flores, plantas ornamentais e árbores para reforestación.

Árbores nativas de Panamá, como é o caso do Guayacán, a Teca e Panamá, teñen un lugar privilexiado nestes hortos, toda vez que non resultan rendibles para ser producidas en viveiros privados.

Dispoñer dun penal máis limpo trouxo consigo unha notable mellora na calidade de vida dos internos, coa particularidade de que o proxecto EcoSólidos contribúe á súa reinserción social, xa que lles dá a oportunidade de aprender unha profesión e capacitalos no ámbito da reciclaxe e o cultivo.

O Comité Internacional de Cruz Roja (CICR) desempeña nesta iniciativa un papel fundamental, xa que asesora ás autoridades penitenciarias de Panamá en temáticas tales como protección e hixiene, así como en medio ambiente e reciclaxe, proporcionando igualmente materiais para o correcto funcionamento da iniciativa tales como ferramentas, luvas, botas e bolsas, entre outros.

OS RESULTADOS

Nun período de tres anos, EcoSólidos dou traballo a un total de 850 internos, que, co seu labor e esforzo, propiciaron a reciclaxe de 12 toneladas de aluminio e 15 toneladas de plásticos, producindo 12 toneladas de abono orgánico.

As autoridades e o propio CICR pretenden replicar esta experiencia noutros centros penitenciarios, velando así pola saúde, a protección ambiental e un futuro con maiores garantías para os internos.

Fonte e imaxe: Comité Internacional de la Cruz Roja

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Set 2018

Galería