Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Recyclia bate récords de xestión de RAEE e conta xa con máis de 50.000 puntos de recollida

Print this pagePrint this page
  • O pasado ano xestionou 32.786 toneladas de RAEE, un 15% máis que en 2016, propiciando, desde a súa creación, a reciclaxe de  213.365 toneladas de residuos destas características.
  • Eríxese así na rede máis ampla de España e a entidade do sector con máis empresas adheridas (fabricantes e importadoras de dispositivos electrónicos e pilas), chegando ás 1.354
  • A organización está preparada tamén para dar debido cumprimento a novas obrigas como son as de reciclar, a partir do próximo 15 de agosto, unha serie de dispositivos de uso profesional exentos ata o de agora.

Cerceda, a 2 de agosto de 2018.- Recyclia, entidade que agrupa ás Fundacións Ecopilas, Ecofimática, Ecoasimelec e Ecolum, e cuxo cometido se centra na recollida selectiva e a reciclaxe dos equipos e dispositivos eléctricos e electrónicos (RAEE) fóra de uso, así como das pilas refugadas, bateu récords en 2017 ao xestionar, nun só exercicio, máis de 30.000 toneladas (concretamente 32.786 t) de RAEE, cifra que vén a representar un 15% máis que en 2016.

Así, desde a súa creación, Recyclia xestionou un total de 213.365 toneladas de residuos destas características, contando con 54.200 puntos propios de recollida de RAEE e pilas. Sempre co obxectivo último de prestar o mellor servizo á poboación, a entidade engadiu o pasado ano á súa rede 4.719 novos puntos, correspondendo 35.538 a recopiladores para pilas e 18.662 a contedores para aparellos eléctricos e electrónicos.

E non só se converte na rede máis ampla de España, senón tamén na entidade do sector de xestión de residuos con máis empresas adheridas (fabricantes e importadoras de dispositivos electrónicos e pilas), chegando ás 1.354, e que comercializan un de cada catro aparellos domésticos e un de cada dous de uso profesional postos no mercado.

Neste marco, o conselleiro delegado de Recyclia, José Pérez, manifestou que, o pasado ano, a organización xestionou unha media diaria de 150 puntos de recollida de residuos electrónicos, dato récord nos seus 15 anos de operativa, estando preparada para dar debido cumprimento a novas obrigas como son as de reciclar, a partir do próximo 15 de agosto, unha serie de dispositivos de uso profesional exentos ata agora. De feito, en 2017 traballou intensamente para facilitar que os fabricantes se adaptasen á normativa relativa a estes aparellos, como é o caso de cadros eléctricos, interruptores, regletas e enchufes de corrente ou de teléfono.

ECOFIMÁTICA, ECOPILAS E ECOLUM, EN LIÑA ASCENDENTE

Pola súa banda, a Fundación Ecofimática, que acolle, con tan só 16 empresas, ao 90% dos fabricantes e importadores de aparellos ofimáticos e de impresión no noso país, recolleu o pasado ano 4.702 toneladas (o 37% dos postos no mercado), chegando ás 44.000 toneladas xestionadas desde a súa posta en marcha, en 2003. Deste total, o 70% procedeu da canle profesional grazas a campañas tales como “Xuntos pechamos o círculo” e os “Premios Eco”, orientadas a propiciar a incorporación desta canle á rede de recollida de Ecofimática, que conta con 6.746 puntos.

Ecopilas, que asume a recollida de pilas e baterías, tampouco se quedou atrás, incrementando nun 7% o número de empresas adheridas ata chegar a 811. Das 3.033 toneladas xestionadas, 2.414 (79%) corresponderon a pilas domésticas, cantidade que equivale ao 41% das postas á venda o pasado ano e só 4 puntos por baixo do 45% esixido pola normativa. Se falamos de unidades, Ecopilas reciclou 126 millóns de pilas en 2017, o que vén a representar unha media diaria de 345.357 unidades. Así mesmo, recolleu 570 toneladas de baterías industriais (19%), o dobre que en 2016.

Respecto das luminarias, Ecolum concentra o 50% dos fabricantes do noso país e recolleu o pasado ano 1.425 toneladas de residuos de iluminación, un 82% máis que en 2016, alcanzando as 9.555 toneladas recicladas desde 2005. Cabe sinalar que tamén neste caso foi ampliada a rede de puntos de recollida nun 50% respecto ao exercicio anterior, superando os 4.900.

Fonte: Recyclia

Imaxe: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

2 Ago 2018

Galería