Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Reducir a pegada ambiental dos envases, principal cometido do Observatorio do Envase do Futuro

Print this pagePrint this page
  • Deuse a coñecer a finais do pasado mes de setembro no transcurso dunha xornada celebrada na sede de TheEnergylab e na que participaron máis de 40 representantes das principais empresas e centros tecnolóxicos de España.
  • Alí abordouse e debateuse como serán os envases do futuro e como lograr que se impregnen dunha maior sostibilidade.

Cerceda, a 9 de outubro de 2018.- TheCircularLab deu a coñecer o Observatorio do Envase do Futuro no marco dunha xornada celebrada na súa sede a finais do pasado mes de setembro na que participaron máis de  40 representantes das principais empresas e centros tecnolóxicos de España. Alí abordouse e debateuse como serán os envases do futuro, que materiais utilizarán na súa fabricación, como se deseñarán, que funcións terán e como lograr que se impregnen dunha maior sostibilidade.

O evento foi aproveitado para mostrar ao público como facer uso deste Observatorio, unha plataforma na que Ecoembes recolle e dispensa de forma gratuíta información mundial relativa ao mundo do envase, dando a coñecer ao mesmo tempo as últimas tendencias do sector: é o caso, por exemplo, da utilización de envases comestibles en bebidas deportivas e a substitución das anelas de plásticos que incorporan os packs de latas de bebidas por adhesivos.

Xa durante a segunda parte da xornada, celebrouse unha mesa redonda en torno aos retos que supón a utilización de plásticos procedentes de fontes renovables, como é o caso do amidón de pataca ou o millo, para fabricar envase.

Moderada por Sergio Torres-Giner, investigador do IATA-CSIC e profesor asociado da Universidade Politécnica de Valencia, na mesma participou Jordi Simón, director de negocio de BASF; Maribí Portal, directora de Servizo Técnico Rexional e especialista en Desenvolvemento de Aplicacións  en FUTAMURA; Domingo Font, director de I+D Biopolímeros e Especialidades en ERCROS; e Jorge Serrano, xerente de Empresas e Ecodeseño de Ecoembes.

Zacarías Torbado, coordinador de TheCircularLab, manifestou que avanzar no desenvolvemento de novos envases facilmente compostables e reciclables, así como de bioplásticos capaces de minimizar o impacto no medio ambiente, é un constante desafío para este centro de innovación e para o conxunto da sociedade.

Cabe recordar que TheCircularLab, con sede na Rioxa, é un proxecto pioneiro en Europa no ámbito da economía circular e cuxo obxectivo é precisamente aglutinar todas as propostas que perseguen impulsar as mellores liñas de innovación no ámbito dos envases e o seu posterior reciclado, incidindo en todas as fases do ciclo de vida.

O proxecto conlevará un investimento próximo aos 10 millóns de euros nos próximos catro anos e traerá consigo a creación de 40 postos de traballo in situ e máis de 200 a través de programas de innovación aberta e a integración das empresas e os distintos ecosistemas de emprendemento.

Fonte e imaxe: Ecoembes

Saúdos, Departamento de Comunicación

9 Out 2018

Galería