Xunta
Xunta
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Representantes dos municipios usuarios da planta de transferencia de Narón asisten a un curso de formación en Sogama para mellorar a xestión dos residuos urbanos

Print this pagePrint this pagePrint this page

O obxectivo é que conten cos coñecementos e a bagaxe necesaria que lles permita comunicar a importancia da colaboración do vecindario co fin de que ás instalacións de Sogama cheguen, a través dos contedores verdes convencionais, a menor cantidade posible de lixo.

No transcurso da xornada insistiuse na importancia de levar a cabo unha axeitada recollida selectiva en orixe, o que propiciará un menor desembolso económico para as arcas locais, ademais de maiores ingresos procedentes dos Sistemas Integrados de Xestión.

O grupo aproveitou a ocasión para realizar un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o complexo medioambiental cercedense e comprobar a xestión e tratamento das dúas fraccións de refugallos competencia desta Sociedade pública: bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) e bolsa negra (restos non reciclables).

Para levar a cabo a tarefa de concienciación social, os concellos contarán co apoio de diverso material didáctico e divulgativo que lles facilitará Sogama (guías, vídeos, presentacións en power point, etc).

Cerceda, a 17de febreiro de 2012- Alcaldes, concelleiros, técnicos, funcionarios e persoal auxiliar ao servizo das localidades que utilizan os servizos da planta de transferencia de Narón (A Coruña), desprazáronse esta mañá ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda para asistir a un curso de formación impartido pola Sociedade e cuxa pretensión non era outra que a de axudar a mellorar a xestión dos residuos urbanos producidos nos seus términos municipais, facéndoa máis sostible desde a dimensión técnica, ambiental e económica.

A convocatoria tamén serviu de plataforma para que os representantes locais puidesen explicar o enfoque que están dando en cada caso á xestión do lixo e as ferramentas utilizadas para superar as limitacións derivadas da devandita xestión, ademais de ter a oportunidade de intercambiar experiencias e impresións na materia.

Para Sogama, o fundamental é que os concellos teñan presente que o lixo constitúe un problema medioambiental de primeira magnitude en cuxa resolución debe implicarse o conxunto do vecindario, e para que isto sexa así debe levarse a cabo unha intensa e constante tarefa informativa e de concienciación social, trasladando aos cidadáns que o tratamento dos refugallos que entregan a esta entidade pública ten un custo que debe ser sufragado coa contribución de todos a través das correspondentes taxas. Só aplicando o principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) poderá conseguirse unha xestión máis eficiente dos desperdicios, máis respectuosa co medio ambiente e menos lesiva para as maltreitas arcas locais.

Non obstante, e dadas as particulares características de cada un dos concellos galegos, esta empresa considerou conveniente que os responsables municipais conten cos coñecementos e a bagaxe necesaria que lles permita comunicar á poboación a importancia da súa activa colaboración a fin de que ás instalacións de Cerceda cheguen, a través dos contedores verdes convencionais, a menor cantidade posible de lixo, levando a cabo unha correcta separación do resto, o que permitirá facilitar o seu posterior reciclado. Isto non só traerá consigo un menor desembolso económico, senón que propiciará maiores ingresos procedentes dos Sistemas Integrados de Xestión, que variarán en función da cantidade e a calidade dos materiais que se destinen á industria recicladora.

PERCORRIDO GUIADO

Acompañados por técnicos da compañía, os integrantes do grupo efectuaron un percorrido guiado polas distintas plantas que conforman o complexo industrial, comprobando in situ o itinerario das dúas fraccións de refugallos que se atopan baixo a competencia de Sogama. Por unha banda, a denominada bolsa amarela, que identifica os residuos depositados nos contedores amarelos (envases de plástico, latas e briks) e que a empresa separa por tipoloxías nunha planta automatizada para remitilos aos centros recicladores correspondentes; e, por outra, a bolsa negra, que acolle a parte non reciclable, a partir da cal a entidade acondiciona un combustible para producir enerxía eléctrica, un proceso co que pon en valor o que, doutro xeito, acabaría inevitablemente nun vertedoiro, ocasionando un notable impacto ambiental.

Non en van, o vertido representa, no marco da xestión xerarquizada de residuos que promulga a Unión Europea, a última opción, situándose por detrás da incineración con recuperación de enerxía, modelo polo que apostaron de forma maioritaria os países máis desenvolvidos, que precisamente son os que máis reciclan, demostrando que reciclaxe e valorización enerxética constitúen sistemas complementarios que se necesitan mutuamente.

Con esta información na man, os portavoces locais asumen o reto de trasladala aos seus veciños, logrando a activa participación destes en toda a operativa. Para isto contarán con diverso material didáctico e divulgativo que lles facilitará Sogama (guías, vídeos, presentacións en power point, etc) e co que se pretende propiciar a asimilación de conceptos e, o máis importante, a progresiva modificación de pautas de conduta. É o caso do consumo responsable, a menor xeración de desperdicios, recorrendo a vellas prácticas tales como o uso de bolsas reutilizables e o tradicional carriño da compra, a preferencia por envases familiares e con recambio, a compra de produtos a granel, o máximo aproveitamento das sobras das comidas (a Unión Europea alertaba recentemente de que entre o 20 e o 30 por cento dos alimentos que adquirimos acaban arroxados ao cubo do lixo), o alongamento da vida útil dos artigos e o freo á tan arraigada cultura de “usar e tirar” e que tantas consecuencias negativas ten para o contorno natural e as economías familiares.

Con tesón, desde a responsabilidade compartida e desde a máxima cooperación, Sogama cre posible alcanzar unha notable melloría na xestión dos refugallos. A clave reside, como sempre, no esforzo conxunto e individual de todos e cada un de nós.

Saúdos, Departamento de Comunicación

17 Feb 2012

Galería