Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

A reutilización de RAEE, unha oportunidade para a sostibilidade

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así o deixou patente Alejandro Lajo, Socio Director de Revertia, unha empresa especializada na reutilización de equipos informáticos e de telecomunicacións, a través dunha entrevista publicada no último número da Newsletter corporativa de Sogama.
  • Seguindo uns rigorosos protocolos de tratamento e uns estritos controis de calidade, a firma posibilita que estes equipamentos sexan entregados ao consumidor en perfectas condicións de uso e con plenas garantías de funcionamento.
  • O incremento na cantidade de residuos xestionados nos últimos anos, e que proceden de toda España, levoulles a abrir unha infraestrutura estratéxica en Madrid, que se suma á que xa tiñan en Porriño, permitíndolles ser máis competitivos e contribuír ao aforro de emisións de CO2 derivadas do transporte.
  • Lajo abundou na gran riqueza de metais que conteñen os dispositivos eléctricos e electrónicos, de aí a importancia da recuperación dos mesmos en forma de materias primas secundarias e subprodutos para novos usos, un dos mellores exemplos de economía circular.

Cerceda, a 11 de xuño de 2018.- Nunha recente entrevista concedida a Sogama, e recollida no seu último número da Newsletter corporativa, Alejandro Lajo, Socio Director de Revertia, falou do cometido dunha entidade de orixe galega que, curiosamente, naceu nos anos máis duros da crise e que hoxe se converteu en todo un referente no ámbito da sostibilidade dando unha nova vida aos equipos informáticos e de telecomunicacións.

A economía circular impregna a filosofía corporativa dunha empresa que demostrou que a reutilización, xa situada na normativa europea como opción previa á reciclaxe, constitúe o mellor tratamento para moitos materiais, como é o caso dos RAEE. Cun axeitado reacondicionamento, poden volver a utilizarse, unha operación que trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Neste escenario, e tras máis de seis anos de actividade, Revertia, que conta cun centro de xestión na localidade pontevedresa de Porriño, conseguiu pasar de tratar 20 toneladas de residuos en 2011 a 280 en 2017, un salto cuantitativo que a levou a abrir unha nova infraestrutura estratéxica en Madrid a fin de optimizar a loxística e centralizar a recepción de refugallos procedentes de distintos puntos de España; unha decisión que trouxo  consigo unha maior competitividade e un importante aforro nas emisións de CO2 derivadas do transporte.

TRATAMENTO CON GARANTÍAS DE CALIDADE

Unha vez recepcionados os equipamentos informáticos e de telecomunicacións nas súas instalacións, a compañía separa aqueles que resultan aptos para ser reutilizados. Procede así á súa limpeza, borrado seguro da información dos discos duros e instalación do sistema operativo; unha operación que se leva a cabo con rigorosos procedementos estandarizados e catálogos de tratamento que foron mellorados e optimizados ao longo do tempo, sometendo os equipos a controis de calidade para garantir que, cando sexan entregados aos consumidores, conten con plenas garantías de funcionamento. Aqueles que non poden ser reutilizados, envíanse a centros de reciclado para que os seus compoñentes poidan ser recuperados e transformados en novas materias primas.

Dado que as Tablets e Smartphone teñen un período de uso moi curto en mans do seu primeiro propietario, refugándose cando non completaron o seu itinerario de vida, a empresa participa nun proxecto europeo liderado pola Deputación de Pontevedra, onde se estudarán as posibilidades de reutilización destes dispositivos para analizar a súa viabilidade desde todos os puntos de vista da sostibilidade.

RECURSOS VALIOSOS

O campo de traballo é amplo, toda vez que os RAEE están crecendo tres veces máis rápido que o resto dos residuos. De feito, tal e como apuntou Lajo, en Europa xeráronse o pasado ano 20 millóns de toneladas e, en España, máis de 800.000, polo que urxe unha correcta xestión dos mesmos. Non facelo así, ademais do negativo impacto ambiental que isto supón, representa unha importante perda de recursos valiosos tales como metais básicos, especiais e preciosos. Un luxo que non nos podemos permitir nun momento no que os recursos naturais son escasos e a súa extracción moi custosa. A riqueza que albergan os residuos industriais é tal, que xa se cualifica ao sector da recuperación e a reciclaxe como a nova minería urbana. O seu elevado contido en materias primas secundarias e subprodutos para outros usos fai posible a transformación de residuos en recursos, máxima da economía circular.

TABLETS E SMARTPHONES, NO PUNTO DE MIRA

Pero as aspiracións de Revertia van máis aló e por iso non queren perder a oportunidade de indagar en novos nichos de mercado que poidan ser beneficiosos para o medio ambiente. De aí que xa teña participado nun proxecto europeo denominado “ecoRaee”, financiado polo programa Life+, en consorcio coa Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico Energylab, e a través do cal demostrouse que a reutilización de equipos informáticos é máis eficiente que a reciclaxe dos mesmos desde a dimensión económica, técnica e medioambiental. A análise do ciclo de vida dun posto informático tivo un resultado concluínte, e é que a súa reutilización permite aforrar, en termos globais, 191 quilos de CO2 fronte a un novo.

Agora mesmo están inmersos nun proxecto que, baixo o acrónimo “Estraeee” (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos RAEE), enmárcase no Programa Interreg V-A de cooperación transfronteiriza España-Portugal, cuxo obxectivo é mellorar a xestión dos RAEE a ambos os dous lados da fronteira co fin de conseguir índices máis levados de recollida diferenciada desta categoría de residuos e aumentar as porcentaxes de reutilización. E aquí intégrase precisamente o estudo correspondente á viabilidade da reutilización de tablets e smartphones.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Xuñ 2018

Galería