Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Satisfacción coa recollida selectiva de envases nos centros adscritos a Recíclate con Sogama

Print this pagePrint this page
  • Técnicos ao servizo da empresa pública realizaron a última visita de seguimento aos 22 colexios participantes nesta iniciativa, procedendo á caracterización dos contedores que conformen as illas de reciclaxe.
  • A calidade do material depositado nos distintos recipientes foi moi boa en todos os casos, circunstancia que evidencia a importancia que tivo a dotación de medios materiais e divulgativos aportados por Sogama.
  • Ponse de relevo o gran labor efectuado nas escolas polas denominadas “Patrullas Verdes”, grupos de alumnos que velaron en todo momento polo bo discorrer do programa e o correcto funcionamento dos compostadores, evitando que a materia orgánica fose depositada nos contedores xenéricos.
  • As puntuacións concedidas aos distintos centros  complementaranse coa avaliación das memorias finais nas que estes darán conta dos traballos realizados ao longo de todo o curso académico.

Cerceda, a 11de xuño de 2018.- A piques de concluír o curso académico, os técnicos de Sogama desprazáronse polos 22 centros escolares que participan no programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, co obxectivo de realizar a terceira visita de seguimento e proceder á caracterización dos tres contedores (amarelo, azul e verde xenérico) que conforman as illas de reciclaxe. E os resultados foron moi satisfactorios, corroborando en todos os casos a boa calidade do material depositado nos diferentes recipientes e, moi importante, acreditando a gran melloría na recollida selectiva do contedor amarelo, sobre o que se cernía unha maior confusión inicial por parte da comunidade educativa.

O despregue de medios por parte da empresa pública, e que incluíu a dotación de illas de reciclaxe e de composteiros, así como a edición de diverso material educativo, tanto físico como online, contribuíu en boa medida ao éxito desta iniciativa, que se viu reforzada coa impartición de charlas presenciais en todos os colexios e a celebración de curso de un formación online orientado aos docentes.

PATRULLAS VERDES: UN TRABALLO METÓDICO E PERSISTENTE

Con esta inspección final queda acreditada a gran implicación das escolas na reciclaxe e a preocupación de profesores e alumnos por contribuír co seu labor a un medio ambiente máis limpo e saudable. O traballo das denominadas “patrullas verdes”, habilitadas nun bo número de centros e conformadas por alumnos cunha especial sensibilidade ambiental, contribuíu en boa medida ao éxito do programa, toda vez que axudaron ao máximo na formación dos seus compañeiros e ata impoñían multas a aqueles que non colaboraban no sistema, levando a cabo un labor case policial.

Os composteiros entregados no seu momento a aqueles centros que dispoñen de servizo de comedor, tamén están realizando unha boa función. Estanse a utilizar correctamente e con isto evítase que a materia orgánica sexa depositada no contedor verde convencional, posibilitando que esta se transforme nun abono natural que logo utilizan nas súas hortas e xardíns.

A visita realizada ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda tamén lles axudou a comprender a dinámica do sistema e a interiorizar a necesidade de separar previamente os residuos en orixe para garantir o seu posterior reciclado, logrando así que estes sexan convertidos en novos produtos e se evite o consumo de materias primas virxes.

As puntuacións correspondentes á caracterización das illas de reciclaxe xa están listas e os técnicos de Sogama están a avaliar as memorias aportadas polos centros participantes a través da aplicación informática do Plan Proxecta e nas que estes detallan os traballos realizados ao longo do curso na xestión sostible dos residuos urbanos.

Desde Sogama, os nosos máis sinceiros parabéns polo traballo, dedicación e ilusión posta nun programa a través do cal se difunden as bondades da reciclaxe para construír entre todos un mundo mellor.

CENTROS PARTICIPANTES EN RECÍCLATE CON SOGAMA

Un total de catorce pola provincia de Pontevedra:

-       CEIP Doutor Suárez, de Fornelos de Montes

-       CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, de Salvaterra do Miño

-       CPI Aurelio Marcelino Rei García, de Cuntis

-       CPI Santa Lucía, de Moraña

-       CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, de As Neves

-       CEIP Cabanas, de Pontevedra

-       CPR Plurilingüe Possumus, de Vigo

-       CEIP de Abelendo, de Moaña

-       CEIP A Xunqueira I, de Pontevedra

-       CEIP de Reibón, de Moaña

-       CEIP A Guía, de Moaña

-       CEP Plurilingüe de Riomaior, de Vilaboa

-       CPI de Cova Terreña, de Baiona

-       CEIP Antonio Palacios, de Porriño

Dous pola de Lugo:

-       CEIP Illa Verde, de Lugo

-       CEIP Manuel Mato Vizoso, de Vilalba.

Tres pola de Ourense:

-       CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense

-       CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ou Barco de Valdeorras

-       CPI Laureano Prieto, da Gudiña

E tres pola da Coruña:

-       CPI de Bembibre, de Val do Dubra

-       CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol

-       CEIP A Cristina, de Carballo

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Xuñ 2018

Galería